Arquivos da etiqueta: Encontros

ContraMINAcción, nas xornadas antimineiras de Irlanda

A pasada fin de semana celebráronse en Belfast (Irlanda) unhas xornadas de encontro de loitas antimineiras, promovidas por Friends of the Earth. Contraminacción estivo presente nelas, pois a compañeira María Schery, da Plataforma de Xinzo, viaxou a Irlanda para participar no encontro.

María Schery, da Limia, xunto ao resto de representantes dos colectivos participantes

Nada máis chegar a Irlanda, María deuse conta de dúas cousas: a primeira, que a xente de Irlanda do Norte é moi acolledora e cariñosa. A segunda, que alí tamén chegou a “moda” da minería tal como pasou antes en Grecia, Rumanía…e en Galiza.

O primeiro grupo en intervir foi Save Our Sperrins. Loitan contra unha mina de ouro que está en Greencastle, Co. Tyrone. Están lanzando unha campaña de alegacións que nos piden que firmemos. Pódense descargar aquí, se algún grupo está interesado en apoialas. Para saber máis sobre este grupo, podedes ir á súa páxina de Facebook, SaveOurSperrins.

Lugar onde iría a balsa de lodos

Despois informou a xente de Cavan Mining Objection Group, que se opón a unha mina situada no parque natural Lough Oughter e os seus lagos. Se queredes visitar o seu Facebook, pinchade aquí.

Estes dous casos lembran moito ao caso de Corcoesto.

Seguindo cos parecidos, en County Down hai unha empresa sen licenza de obras que está esnaquizando a costa. A que se parece??? A Triacastela: Sen licenzas e destruíndo o patrimonio de todos.

Soubemos tamén do caso de Lough Neagh. Alí están sacando area de maneira ilegal, e vendéndolla ao estado norirlandes. Con esta acción están destruíndo o ecosistema do lago.

E hai moitos máis lugares afectados. En todos as mesmas dinámicas, os problemas. Só cambian os nomes dos lugares.

No encontro tamén estiveron presentes Kiran Pereira, da Plataforma Sandstories, que se opón á extracción industrial de area e aos problemas medioambientais que esta ocasiona; e Karina Flores, de Honduras, do movemento social e popular de América e da mesa de negociación.

A solidariedade entre as persoas e os colectivos, e o apoio mutuo é o único que pode parar estas desfeitas.

Dende Contraminacción expresamos todo o noso apoio ás loitas iniciadas contra estes proxectos, e animamos aos distintos colectivos a asinar as alegacións dos grupos antimineiros irlandeses.

A vintena de colectivos de contraMINAcción solidarízase con Marcos Celeiro e reafírmanse na loita contra a minaría salvaxe na Galiza

Se algo quedou claro no II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza é que todo o noso territorio está ameazado pola proliferación de proxectos mineiros en fase de permiso solicitado, concedido, de exploración, etcétera, que se suman ás explotacións de mineral xa en activo. E para iso, moitas empresas mineiras non só realizan a súa actividade saltándose a legalidade vixente e destruíndo espazos como solos rústicos de protección agropecuaria, reservas da biosfera ou Rede Natura; senón que, no caso concreto de Cementos Cosmos, tamén pasaron á represión dos e das activistas que denuncian estas ilegalidades. Ese foi o caso do noso compañeiro Marcos Celeiro, presidente da Asociación Cultural O Iribio, de Triacastela, que denunciou esta empresa por estar a desenvolver a súa actividade sen os permisos e licenzas pertinentes e se atopou cunha demanda da cementeira de 45.000 euros máis as costas xudiciais do proceso.

Momento da intervención de Marcos Celeiro

Momento da intervención de Marcos Celeiro

Dende o II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza, tódalas organizacións e colectivos que formamos parte da Plataforma contraMINAcción solidarizámonos con Marcos e o resto de activistas do Iribio que están ameazados e ameazadas. Diante da actitude de Cementos Cosmos, dende contraMINAcción queremos lanzar unha mensaxe clara e inequívoca á patronal mineira: nin esta nin ningunha outra tentativa de amordazarnos van impedir que sigamos denunciando as ilegalidades que cometen nin o feito de que, coa complicidade do Goberno da Xunta, pretendan apropiarse do noso territorio para o seu lucro privado e a costa de destruír e envelenar o noso medio natural e atentar contra sectores produtivos vitais para a nosa economía como a agricultura, a gandería ou a pesca.
Marcos Celeiro, compañeiros do Iribio: non estades sós

Marcos Celeiro, compañeiros do Iribio: non estades sós

Precisamente, este último feito foi un denominador común das diversas análises que se fixeron no Encontro sobre proxectos mineiros como os que Erimsa pretende levar a cabo na Terra Chá ou Edgewater en Bergantiños, ou explotacións en marcha como a de Cementos Cosmos en Triacastela. Estes exemplos deixan ben claro que a destrución irreparable do noso patrimonio e dos postos de traballo que provoca a minaría salvaxe sáelle infinitamente máis cara á sociedade galega que os lucros particulares que obteñen desa explotación os accionistas dunhas empresas que, na maior parte, adoitan ser estranxeiras. E falamos da Terra Chá, de Bergantiños e Triacastela, pero tamén poderiamos engadir á lista importantes bisbarras dende o punto de vista medioambiental ou agrario como A Fonsagrada, O Courel, Barbanza, a Serra do Galiñeiro, Ordes, A Limia, etcétera.

Polo demais, o II Encontro sobre os Impactos da Minaría, amais de analizar os principais conflitos abertos na Galiza, tivo unha parte didáctica na que as persoas asistentes se formaron en lexislación urbanística e medioambiental de cara a ter ferramentas para investigar os atentados da minaría salvaxe contra os nosos bens comúns e acadar, a maiores, a capacidade para levar adiante procesos de denuncia contra as empresas infractoras.

Estamos todos e todas no mesmo barco e de todos e todas é a terra que está ameazada.

Presentación do II Encontro Galego sobre os impactos da Minaría

O II Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría afondará en conflitos abertos como o de Erimsa na Terra Chá ou o de Cementos Cosmos en Triacastela

A plataforma ContraMINAcción presentou hoxe, 5 de novembro, en Lugo, o II Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría, que se celebrarán nesta mesma cidade o sábado, 8 de novembro. Desta maneira, ContraMINAcción dá continuidade ao primeiro encontro destas características, que se celebrou en Compostela en febreiro de 2013.
As persoas encargadas de presentar os encontros -Xoán Doldán, Marcos Celeiro e Margarida Prieto- coincidiron en sinalar a pertinencia deste evento, habida conta de que hai varios conflitos abertos na Galiza por minas en activo, e unha grande cantidade en forma de proxectos que ameazan o noso territorio e algunha das súas principais actividades económicas, como a agricultura e a gandería. Dende este punto de vista, Marcos Celeiro sinalou que “estes conflitos teñen moito que ver coa actitude da Administración Galega que, nos últimos anos ten facilitado a explotación mineira con mudanzas lexislativas”. Neste senso, cómpre destacar o borrador da Lei do Solo ou Plan de Actividades Extractivas.

Representantes de ContraMINAcción presentaron o evento

Representantes de ContraMINAcción presentaron o evento

A elección de Lugo para celebrar este encontro non é casual, xa que esta provincia ten sido escenario de importantes protestas sociais contra a actividade de empresas mineiras, e vaino seguir sendo por mor dos moitos proxectos extractivos que se queren levar a cabo no futuro. Por iso, no programa do encontro estará centrado en conflitos como o da extracción de cuarzo na Terra Chá pola empresa Erimsa, a actividade de Cementos Cosmos na canteira de Vilavella (Triacastela), ou a minaría aurífera que, aínda tendo as miradas postas en Corcoesto (A Coruña), ten tamén varios proxectos en terras lucenses.
Para abordar toda esta complexa e variada problemática, ContraMINAcción estruturou o Encontro en catro grandes bloques que comezarán con palestras de expertos e expertas e persoas e colectivos afectados pola minaría, e continuarán con diálogos e debates coas persoas asistentes:
10:00 a 11:30 / Minaría e patrimonio. A problemática da mina a ceo aberto de Cementos Cosmos.
• Marcos Celeiro, Asociación O Iribio (Triacastela) e
• André Pena Graña, doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola USC.

 
12:00 a 13:30 / O conflito de Corcoesto e a minaría aurífera en Galiza.
• Paco García, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños.
• Guadalupe Rodríguez, Salva a Selva.

16:00 a 17:30 / Minaría e agricultura na Terra Chá.
• Rosa Morán, veciña afectada de Muimenta.
• Margarida Prieto Ledo, coordinadora da loita contra as minas no Sindicato Labrego Galego.
• Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.
• Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

 
18:00 a 19:30 / Lexislación mineira e alternativas
• Benedito Álvarez García, profesor de Ensino Secundario e experto en lexislación urbanística.
• Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada e presidente de Véspera de Nada.
O II Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría terán lugar no local do Centro Social Madialeva, na rúa Ancares 18 (Lugo).
Dende ContraMINAcción agardamos contar coa vosa presenza para darlle a máxima difusión posible a este Encontro nos medios de comunicación cos que traballades.

Estamos todos e todas no mesmo barco e de todas e todos é a terra que está ameazada.

Os II Encontros sobre os impactos da minaría celebraranse en Lugo

 

O sábado, día 8 de novembro, celebraranse en Lugo os II Encontros sobre os impactos da minaría, organizados por ContraMINAcción

O lugar de celebración será o Centro Social Madialeva,  sito na rúa de Ancares, número 18.

Cartaz das xornadas, co programa completo

                       Cartaz das xornadas, co programa completo

Nos Encontros, que terán lugar en xornada de mañá e tarde, contaremos coa presenza de un fato de poñentes, que falarán sobre diversos temas relacionadas coa minaría: impactos na agricultura e no patrimonio, megaminaría e saúde, consecuencias da actual lexislación mineira, e posibles alternativas.

Cara o mediodía haberá unha pausa para comer no propio Centro Social. As persoas interesadas en asistir a estes Encontros deberán anotarse nesta ligazón. Se ademais queredes comer connosco, deberedes especificalo na mesma.