Arquivos da etiqueta: galiza

Atalaya Mining noqueada en Huelva, tocada en Touro e afundida en Londres

Mentres a conselleira de Medio Ambiente comprométese a recibir aos veciños de Touro e O Pino, o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía confirma a anulación da autorización ambiental e da autorización mineira na mina de Riotinto en Huelva

Hoxe amencemos coa noticia da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, estimatoria da demanda de Ecoloxistas en Acción, que anula a resolución de 2015 pola que a Junta de Andalucía autorizaba o reinicio dos traballos e do plan de explotación da mina que Atalaya Mining opera en Riotinto (Huelva). En consecuencia, a multinacional chipriota, que tamén pretende iniciar a explotación de cobre e prata nos municipios coruñeses de Touro e O Pino, xa non conta con autorización ambiental nin con autorización mineira para seguir funcionando en Andalucía.

Trátase, sen dúbida, dun duro pau para Atalaya Mining, cuxas accións na Bolsa de Londres ao peche de hoxe descenderan un 10% o seu prezo.

Esta noticia coincide coa fugaz e sixilosa visita da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, esta mañá a Touro e O Pino para “manter unha reunión de traballo cos rexedores municipais na que repasaron os proxectos comprometidos pola Consellería”, como recolle a web da Xunta, onde puidemos coñecer que un deses proxectos é o de canalización do rego Portapego ao seu paso pola capital municipal de Touro, cuxos desbordamentos constantes e contaminación son provocados polas actividades levadas a cabo na antiga mina de Touro. A Xunta de Galicia vai investir o 70%, case 60.000 € do erario público, en arranxar os danos ao medio causados pola empresa privada promotora do proxecto mineiro de cobre a ceo aberto, mentres que o concello de Touro pagará o 30% restante.

Membros da Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, ao saber que a conselleira estaba en Touro, aproveitaron a ocasión para tentar falar con ela, o que incomodou ao alcalde Ignacio Codesido, quen non quixo aclarar os motivos desta visita oficial. Finalmente, a conselleira escoitou aos veciños, que lle expuxeron a súa preocupación tanto pola situación da antiga mina como polo novo proxecto mineiro, cuxo expediente está actualmente na Consellería de Medio Ambiente, á espera da emisión da Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Así mesmo, lembráronlle a súa ausencia de contestación ás diversas peticións de reunión enviadas desde outubro de 2017, cando aínda era conselleira de Medio Rural. Neste sentido, Vázquez comprometeuse a vir de novo a Touro a ver o estado actual da mina e a reunirse cos veciños de Arinteiro, os máis próximos á explotación, para coñecer de primeira man o que están a vivir. Tamén asegurou que se preocuparía máis polas verteduras e as múltiples denuncias veciñais, así como polo funcionamento da estación de medición móbil dos cheiros da empresa TEN.

No que se refire ao estado do rego Portapego, o alcalde de Touro volveu recoñecer que desde o peche da mina o seu estado é desastroso pero, aínda así, segue sen querer responsabilizar á empresa dos danos causados e opta por empregar o diñeiro das veciñas e veciños e non “molestar” a Cobre San Rafael.

Desde a plataforma esperamos que a conselleira cumpra a palabra dada e non quede simplemente nun mero xesto amable froito do período electoral que actualmente vivimos.

Valo publicitario no Pino contra o proxecto mineiro

O rexeitamento social á mina de Touro non cesa e faise cada vez máis visible. Esta semana apareceu colocado un gran valo publicitario na estrada N-547, á altura do Amenal, no Pino, que reza “NON Á MINA DE TOURO”, nunha rechamante cor amarela. Polo momento, nada de sabe da autoría da iniciativa pero, sen dúbida, desde a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON aplaudimos o orixinal xesto.

Colectivos de Galiza, España e Portugal colaboran no IV Encontro de Contraminacción para enfrontar a minaría

A Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza ContraMINAcción desenvolveu durante a xornada deste sábado, 16 de febreiro, a parte principal da programación do seu IV Encontro. Nesta ocasión, como xa temos informado, acudiron representantes de organizacións e plataformas de toda a Península Ibérica que están a enfrontar nos seus respectivos territorios a ameaza, o impacto directo ou as secuelas da actividade mineira. Precisamente, esta pluralidade de voces serviu para tirar varios denominadores comúns que se están a dar nesta loita.

En primeiro lugar, estamos a vivir a nivel global un auténtico boom da minaría, coa multiplicación exponencial de solicitudes de prospección e extracción. Só en España, hai unhas 3.600 explotacións mineiras en activo, das cales 360 están na Galiza. O incremento imparable do consumo a nivel mundial está levando a maiores demandas de recursos mineiros e ao esgotamento dos xacementos tradicionais. De feito, as empresas mineiras explotan xacementos cada vez máis dispersos e que precisan de métodos de extracción moito máis agresivos pola súa dificultade de obtención. E ás veces nin eso: fanse con concesións só para especular con elas e facer negocio revendéndoas tras obter plusvalías ou demandando a gobernos para obter compensacións económicas millonarias.

Diante desta ameaza global que acapara grandes áreas territoriais onde a minaría entra en colisión con outras actividades económicas esenciais, como as agrogandeiras, ou coa propia vida e saúde das persoas, chegamos á conclusión de que a clase política está a suspender na súa función de defender os intereses xerais da cidadanía. Diversas testemuñas explicaron que, con independencia do partido político que goberne, sexa de esquerdas ou de dereitas, os gobernos e as administracións de calquera rango case sempre se poñen da banda dos intereses das empresas mineiras.

Así as cousas, son os colectivos e plataformas sociais quen están a defender en solitario os intereses das comunidades ameazadas ou afectadas pola minaría. E fano loitando tamén contra as propias administracións, que entorpecen o seu labor con todo tipo de atrancos burocráticos, ocultan información, modifican as normativas e leis para favorecer os intereses mineiros e, decotío, miran cara a outro lado cando estas vulneran a legalidade.

De aí a importancia deste IV Encontro de ContraMINAcción, pois agardamos que esta primeira toma de contacto entre colectivos contra a minaría de Galiza, España e Portugal poida servir para establecer lazos de colaboración que mellore a nosa capacidade para plantarlle cara a unha actividade industrial absolutamente insostible, que arrasa os territorios que explota deixándoos inservibles para calquera outra actividade e que, invariablemente, nunca se fai responsable do dano causado nin restaura a destrución que deixa ao seu paso.

Os colectivos invitados ao IV Encontro son:

Asociación de afectados por metales pesados (Cartagena), Coordinadora No a la Mina de Uranio (Salamanca), La Raya sin Minas (Valencia de Alcántara, Cáceres), No a la Mina en el Valle del Corneja (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Ávila (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Yemas (Ávila), No en mi Tierra (Zamora), Oro No (Asturias), Plataforma Ciudadana Sierra de Morón (Sevilla), Plataforma Sierra de Gata Viva (Cáceres), Salvemos la Montaña (Cáceres), Salvemos las Villuercas (Cáceres) e Unidos em Defesa de Covas do Barroso UDCB (Portugal).

Tentativa de lavado de cara do lobby mineiro galego

  • As mineiras buscan rodearse de altos cargos da Xunta, Deputación, Concello de Santiago, Ministerio de Transición Ecoolóxica, así como de SEO Bird Life a poucas semanas de que se inicie o maior concurso de dereitos mineiros da historia galega

  • Desde ContraMINAcción denuncian a presentación dunha imaxe irreal do sector, plagado de desastres ambientais e irresponsabilidade cómplice por parte das administracións

A realidade demostra que a meirande parte das canteiras de Galicia carecen de restauración algunha. Tal e como recolle o Catálogo dás Paisaxes de Galicia existen, a modo de exemplo, unhas 66 explotacións mineiras, canteiras e localizacións de extracción de áridos ou terra, e citan concretamente, «pola súa extensión e a calidade paisaxística dá contorna» as canteiras de O Courel e Casaio, así como as de Porriño e Salceda de Caselas, nas que a ausencia de restauración e o deterioro paisaxístico son lamentables.

Son o que se coñecen no catálogo como ámbitos de especial atención paisaxística, unha figura que identifica «zonas nas que se produciron alteracións ou impactos en relación á paisaxe, é dicir, nas que diversas actuacións xeraron transformacións que deterioraron ou carácter ou a calidade dá paisaxe» e que necesitan de «especiais medidas de intervención e protección».

Desde a mina de Serrabal de Vedra, explotada por Ramsa e vencellada a Ferroglobe e a Villar Mir, ata a canteira abandonada do Monte Neme, os desastres ambientais das minas de San Fins en Lousame ou de Touro, pasando pola lenta agonía das paisaxes afectadas polas louseiras; Galicia destaca en liñas xerais, pola ausencia de restauración das canteiras e a irresponsabilidade empresarial e política no tocante ao cumprimento da normativa en materia de restauración dos espazos degradados.

O certo é que as demandas de información e transparencia dirixidas á Consellería de Economía, Emprego e Industria son cada vez máis numerosas por parte da cidadanía, preocupada polos desleixos cometidos durante anos por este departamento da Xunta de Galicia, e que cristalizaron nunha política de restauración de espazos mineiros degradados inexistente ou inoperativa e ineficaz, á vista dos problemas ambientais e de saúde pública que se están a producir en espazos mineiros abandonados como os das antigas minas de Touro, Santa Comba, Lousame ou no Monte Neme, en Carballo. De feito, hai moitos espazos danados pola drenaxe áceda de mina que se convirte nun grave problema de saúde pública e ambiental, con incidencia noutros sectores económicos como a pesca, o marisqueo ou o sector gandeiro-agrícola.

O Director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, actúa como Vicepresidente do Comité organizador do V Congreso Nacional de Áridos, que organiza a FdA e Arigal, e comparte organización con Julio César Valle Feijóo, asesor de Mineira de Corcoesto, Edgewater, e da FdA (Federación española de áridos), organizadora do Congreso. Valle Feijóo está vencellado aos “dólares en una maleta Samsonite” e as “supostas mordidas” de altos cargos da Xunta no caso do fallido proxecto mineiro de Corcoesto. Tamén foi asesor da Cámara oficial mineira de Galicia ao mesmo tempo que a súa empresa litixiaba coa Xunta no caso Corcoesto. No evento tamén participa a empresa Erimsa, que recentemente anunciou un ERE na empresa de extracción de Frades, co que supostamente chantaxeaba á Xunta para obter máis dereitos mineiros. Erimsa presume de Sala propia co seu nome dentro do Congreso, e incluso recibirá dous premios nas categorías de “boas prácticas medioambientais” e “seguridade e saúde”, que supostamente outorga un xurado independente; e todo iso, a pesar das denuncias da Plataforma veciñal de Mesía, que hai uns días facíase eco do moito dano medioambiental na zona de Mesía, como cambio de augas subterráneos, o famoso enterramento das vacas “locas” en canteiras escavadas a varios metros de fondura, entradas en fincas particulares sen permiso, enganos na preparación do terreo, non executar os plans de recuperación  medioambientais, deixar balsas abertas de varios millóns de litros de auga ao aire aberto, etc. Todo o contrario do que predican”.1

No Congreso tamén participa Votorantim Ciment, cuxa filial Cementos Cosmos que explota o xacemento do Iribio, en Triacastela mantén numerosas batallas xudiciais coa veciñanza; chegando incluso a demandar ao representante da Asociación cultural O Iribio.

Baixo o lema “Comprometidos coa sociedade”, esa sociedade á que lle acostuman deixar os espazos sen restaurar cando rematan as explotacións, como é o alarmante caso dos ríos vermellos de Touro, vítimas da drenaxe áceda de mina; o lobby rodéase do Presidente da Xunta, do presidente da Deputación da Coruña, do alcalde de Santiago, do Adif e incluso dunha organización ambiental Seo Bird Life, para facer un “lavado de cara” sen precedentes, dentro do sector en Galicia e amosar o apoio institucional ás desfeitas ambientais, que están a sementar por Galicia adiante as explotacións mineiras sen restaurar e a irresponsabilidade empresarial e política inherentes á falla de restauración dos espazos degradados.

1 http://mesiaunida.es/nota-de-prensa-resposta-a-chantaxe-de-erimsa/

 

Nota de prensa emitida pola Rede ContraMINAcción (Rede contra a Minería Contaminante en Galicia)

Tecendo redes contra a mina de Touro e O Pino

Membros de Ecologistas en Acción que viaxan a bordo do veleiro Deusa Maat, atracaron no Náutico de Ribeira, e representantes de ContraMinacción, rede contra a minaría destrutiva na Galiza mantiveron o 28 de xuño unha xuntanza de traballo para estudar estratexias comúns contra proxectos como a da mina de Touro e O Pino que poden resultar moi danosos para o ambiente, a saúde das persoas e os medios de vida sostibles como a agricultura, o turismo, a pesca ou o marisqueo.

Posteriormente, houbo unha charla pública de Isidoro Albarreal, responsable de minaría en Ecoloxistas en Acción, que explicou as eivas, problemas e ilegalidades do proxecto que a mineira Atalaya Mining ten en Riotinto en Huelva, un proxecto moi semellante ao de Touro e O Pino. En conversación con membros de ContraMINAcción compararon as circunstancias de ambos proxectos, e a continuación houbo un rico debate sobre o avance da minaría en Galiza e na península ibérica e a resistencia surxida contra estes proxectos.

ContraMINAcción volve á rúa para berrar que Galiza non é unha mina

Hoxe, 10 de xuño de 2018, ContraMINAcción volve ás rúas de Santiago de Compostela para apoiar a nova mobilización masiva contra a minaría en Galiza. O colectivo organizador, a Plataforma contra a mina de Touro, que fai parte da rede, conta con replicar cinco anos despois a gran manifestación masiva de ContraMINAcción no 2013, que aínda resoa.

Se hai algo que caracteriza a nosa rede é a súa presencia activa naqueles lugares onde a veciñanza percibe a minaría coma unha ameaza. De feito, ContraMINAcción é a ‘Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza’ e acompaña a loita das comunidades que como as de Touro e O Pino se opoñen á minaría en calquera punto da nosa xeografía: Corcoesto, Terra Chá, Lousame Triacastela, Frades e Mesía, O Courel ou a Fonsagrada, entre outras.

ContraMINAcción leva 5 anos traballando, dende que a resistencia ao proxecto de Corcoesto facilitara a identificación mutua de diferentes colectivos interesados no tema. Actualmente agrupa a 20 organizacións, que teñen recollido un bo número de éxitos e gran cantidade de saber colectivo en torno ao tema da minería e do extractivismo como modelo económico imposto e ameazante para as comunidades que se opoñen a certos proxectos.

ContraMINAcción organizou a primeira xuntanza informativa sobre o proxecto mineiro San Rafael para a xente afectada, e a partir de aí colaborou coas entregas de alegacións, nos primeiros repartos de folletos na feira de Touro, e informando durante meses por toda Galiza acerca deste grave problema, ata que se formou a “Plataforma Mina Touro O Pino Non”.

Hoxe son os veciños de Touro-O Pino os que necesitan do noso apoio, mañá haberá sen dúbida novos proxectos. Necesitamos estar previdos, pois as empresas mineiras están a actuar dun modo escuro e sen os controis preceptivos, moitas veces influenciando cambios lexislativos feitos a medida dos seus intereses económicos”, di Marga Prieto Ledo representante do Sindicato Labrego Galego en ContraMINAcción.

Carlos Montero, un dos portavoces da Comisión das minas da Terra Chá sabe ben do que fala, pois unha concesión mineira para a extracción de seixo (cuarzo) afectaba negativamente a más de 5.000ha dos concellos de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza, e a un millar de explotacións agropecuarias nestas zonas de A Terra Chá. “O noso estado de alerta contra o proxecto mineiro comezou en 2006, e con moito traballo conseguimos paralo, pero a ameaza persiste porque as concesións mineiras de Erimsa para a extracción de seixo seguen en vigor para 30 anos prorrogables a 90”, di Montero.

A ría de Muros e Noia sofre desde hai décadas os efectos da contaminación das minas de San Fins. Apostamos pola vida e a pola ría o ‘non’ a minaría e rotundo”, fala Joam Evans sobre o soado caso da mina de wolframio en Lousame.

Pola súa parte, Paco García da Plataforma pola defensa de Corcoesto, conta como “despois de conseguir paralizar o proxecto de explotación da mina de ouro de Corcoesto e de que se desen por caducados os dereitos mineiros, a loita na zona de Corcoesto céntrase en paralizar dende a raíz os permisos de investigación adicionais solicitados en Corcoesto, Cereo, Valenza e Zas. A idea é evitar calquera megamina futura a ceo aberto, mantendo viva a mobilización social”.

Para isto, Nela Abella de Verdegaia explica que “ContraMINacción segue a loitar polo acceso a información, que é un dereito. A administración agocha a información relevante relativa aos proxectos mineiros de maneira sistemática. Dificulta a participación dos colectivos e persoas afectadas nos procesos. Esta cuestión é central no labor de contraMINAcción, que traballa para revertela.”

Eduardo Quintás, gandeiro afectado polo proxecto mineiro de Touro conta os motivos polos que se opón á mina frontalmente: “déixanos sen base territorial ás granxas da zona. Dous depósitos de lodos tóxicos e augas acedas con materiais perigosos para as persoas e a fauna acuática rodearán a aldea, o que significaría a nosa desaparición.”

Ninguén no seu san xuízo pode estar de acordo con estas desfeitas”, comenta Baldomero Iglesias de Xanceda, onde tamén se está a extraer seixo, mais referíndose a Touro.

Desde Véspera de Nada, o profesor de Economía Xoan Doldán lémbranos que “o desembarco mineiro na Galiza responde ás necesidades dunha economía baseada no crecemento continuo da produción e o consumo. Nesta lóxica, as empresas transnacionais procuran maximizar os seus beneficios espoliando os recursos naturais, polo que non dubidan en sacrificar as comunidades locais de calquera lugar do mundo, poñendo en perigo a súa saúde e os seus medios de vida, e degradando os ecosistemas. Contra esta dinámica perversa, cómpre manterse firme e facer unha fronte común que impida que estes proxectos saian adiante”.

Hoxe 10 de Xuño 2018, en Santiago de Compostela, ContraMINAcción vai berrar

“GALIZA NON É UNHA MINA – DEFENDE A TERRA DEFENDE A VIDA”, “NON QUEREMOS UNHA HERDANZA ENVELENADA” “MINA TOURO O PINO NON!”

A Federación Ecoloxista Galega, no Día do Ambiente, contra a megaminería

F.E.G.(Manifesto da FEG co gallo do Día Internacional do Medio Ambiente.)

A crise da débeda e a incerteza sobre os seus límites inflúen nos prezos das materias primas. A xente está a investir e deposita a súa confianza en metais nobres como o ouro, a prata ou o platino e as multinacionais do sector emprenden unha carreira polas materias primas dentro dun modelo de desenvolvemento totalmente insustentable baseado na exportación e traslado de inxentes cantidades desa materia prima lonxe da súa orixe ao seu destino final, provocando un enorme gasto enerxético e unha irreversible pegada ecolóxica por todo o planeta. Ademais, organismos como o Banco Mundial ou a Unión Europea apoian políticas neoliberais e neocoloniais nas que a explotación dos minerais e dos recursos naturais son esenciais para impulsar o crecemento económico, onde o que priman son os movementos de capital e a especulación por enriba da xestión sustentable da codia terrestre. Os gobernos de Compostela e de Madrid, polo que podemos ver, apúntanse a estas políticas de desbaldimento dos recursos a nivel internacional. Nesta conxuntura, o pobo galego, ao igual que o doutros países da periferia de Europa e do sur, está baixo ameaza por unha minaría que, cada vez máis, se desenvolve a ceo aberto, removendo a capa superficial da terra e mesmo da fracturación xeolóxica a grandes profundidades a nivel xeotérmico. Para acceder aos xacementos de mineral é necesario destruír plantas, animais e, a miúdo, vilas e asentamentos humanos xunto con todos os seus recursos e medios de vida. A tecnoloxía punta permite acceder a calquera lugar e a calquera profundidade baixo o solo, e permite explotar con métodos moi agresivos e contaminantes minerais de cada vez menor pureza. Deste modo, máis e máis áreas fráxiles e de alto valor de conservación están en perigo, e as cantidades de escouras e residuos contaminantes mineiros aumentan. Obviamente, tamén periga a saúde, a calidade de vida, os recursos e os medios de vida tradicionais e sustentables das persoas que habitan na contorna destas explotacións mineiras, que teñen (ou terían) que soportar nun primeiro momento os impactos pola extracción dun produto alleo aos seus beneficios e necesidades.

Cremos que a estas alturas non é necesario entrar no detalle das distintas clases de agresións ao medio e ás persoas que se poden producir: explosións, destrución física do territorio con cráteres de centos de hectáreas e centos de metros de profundidade, amoreamento de inxentes cantidades de contaminantes de todo tipo (metais pesados, arsénico, cianuro, etc.) en balsas e en entulleiras, destrución dos acuíferos, contaminación das augas e do aire, etc. Pero, despois da alteración e aceleración da mudanza climática provocada pola nociva actividade contaminante do ser humano, na atmosfera, hai que salientar o dano engadido que se está causar e se pretende ampliar tamén na codia do planeta con actividades como a mineira, ameazando os seus recursos e mesmo a súa estabilidade, fundamentais tamén para o desenvolvemento de vida humana e das outras especies animais, vexetais, fúnxicas, liquénicas e microbianas da biosfera.

Galiza, dentro desa periferia e como neocolonia a nivel estatal, europeo e mundial, ten nin máis nin menos que arredor de 520 explotacións mineiras activas na actualidade e as concesións de exploración ou explotación abranguen máis da metade da superficie do país. Parte delas están en terreos francos ou rexistrables para os que parece non haber data de caducidade malia a súa manifesta inactividade. A minaría en Galicia está basicamente regulada por dúas leis franquistas, pola Lei de Minas estatal de 1973 e a Lei de Expropiación Forzosa de 1954 cos seus respectivos regulamentos de aplicación. Sobre estas leis, caducas e baseadas no espolio sen control do territorio, deberían prevalecer os usos legais do solo e as normativas ambientais, estas si de competencia dos gobernos galegos. Porén, o goberno da Xunta non só mira para outro lado e non fai valer os dereitos de uso do solo e os dereitos á protección do ambiente e ao seu gozo, senón que por riba fai leis ad hoc para protexer os dereitos dos intereses mineiros. Un exemplo desta situación aberrante é o proxecto mineiro de ouro en Corcoesto, que foi tramitado como proxecto de interese estratéxico, aínda que nunca foi declarado como tal; e ao que a Xunta lle deu unha Declaración de Impacto Ambiental positiva, agachando a información ambiental ás persoas afectadas, cun proxecto que recoñece verquidos de arsénico por riba dos niveles máximos de referencia e onde as alegacións presentadas nin sequera son contestadas e, moito menos, tomadas en consideración. Ou, sen máis, o plan sectorial de actividades extractivas, actualmente a información pública pola Xunta propón, entre outras cousas, autorizar permisos mineiros ata en espazos naturais protexidos (aí están, por exemplo , a ameaza de 54 explotacións na Serra do Courel na actualidade na Rede Natura e candidata, a maiores, para ser catalogada parque natural polos seus extraordinarios valores xeolóxicos e naturais) sen ter en conta que Galiza na actualidade non supera o 12% de territorio protexido, estando ao rabo de todo o Estado en protección ambiental. E do mesmo xeito, dado o carácter supramunicipal dese plan sectorial que emana da Lei 3/2008, de ordenación da minería en Galicia, unha vez aprobado daríalle carta libre ás empresas para levar adiante proxectos mineiros por enriba dos planeamentos urbanísticos e a autonomía municipais e mesmo da vontade popular das poboacións afectadas.

En relación a iso temos que salientar que, ademais do proxecto de Corcoesto, na comarca de Bergantiños, tamén existe oposición social a proxectos mineiros de “terras raras” e de obtención de minerais para fabricación de coltan na Serra do Galiñeiro, de Wolfram, estaño e litio, entre outros minerais, nas comarcas do Ribeiro e de Terras de Celanova, de feldespatos na comarca da Limia, de andalucita na contorna das Fragas do Eume ou de cuarzo na Terra Chá e outros proxectos máis.

Os supostos beneficios económicos e de xeración de postos de emprego, en entredito pola actual crise global mesmo nas zonas tradicionalmente mineiras, non compensan, polo contrario, os moitos e variados prexuízos ambientais e socioeconómicos derivados doutros recursos naturais afectados (forestais, agrogandeiros, pesqueiros, hídricos, de lecer, turísticos, etc.) ou mesmo a saúde humana. E, ademais, estamos diante dunha actividade sobre un recurso cada vez máis limitado.

O Día Mundial do Ambiente ten como lema este ano “Pensa. Aliméntate. Aforra.” Aínda que non está directamente relacionado coa minaría senón coa alimentación, ambas están intimamente ligadas, na medida que compiten polo territorio. Tendo en conta o enorme desequilibrio alimentario e os efectos devastadores que isto ten para o ambiente, o tema deste ano pretende dar a coñecer o impacto que teñen as nosas decisións alimentarias, e como tomalas 100% informados.

A campaña “Pensa. Aliméntate. Aforra” quere animarte a actuar. Quere que sexas testemuña de como certas decisións reducen o volume de desperdicios, aforran diñeiro e diminúen o impacto medio ambiental da produción de alimentos.

Pero, que significa tomar decisións informadas? Sería elixir aqueles alimentos co impacto ao medio menor ou adquirir produtos en mercados locais nos que se sabe que non foi necesario o transporte e, xa que logo, non supuxeron tantas emisións de gases. É dicir, este ano, desde o Programa de Nacións Unidas para o Ambiente están a convidarnos a consumir alimentos de proximidade. Mais a produción alimentar no noso país, está a entrar en competencia coa minaría polo uso do solo e polo consumo da auga. As dúas actividades, minaría e produción de alimentos demandan gran cantidade de solo e auga.

O uso doutros produtos que empregamos a cotío tamén temos que facelo dun xeito informado e aforrando. O 70% da industria europea depende de sustancias minerais do subsolo para a produción de todo tipo de bens de consumo. Para o transporte, as telecomunicacións, a electrónica ou a construción, estímase que máis ou menos cada europeo consome anualmente entre 5 e 10 toneladas de produtos minerais. E, ao longo da súa vida, unhas 400 toneladas de produtos da minaría. Isto sen incluír os enerxéticos, que tamén no caso das renovables demandan gran cantidade de metais para a súa xeración e transporte.

Se desperdiciamos comida, significa que todos os recursos empregados para producila tamén o son. Se desperdiciamos produtos industriais tamén estamos a desaproveitar recursos e poñendo en risco o noso entorno, non só porque estaremos contribuíndo ao aumento da actividade mineira, senón tamén á destrución de acuíferos, á emisión de gases, deforestación, perda de biodiversidade, etc.

En Galiza cómpre de modo moi especial prestar atención á redución, reutilización e á reciclaxe dos materiais. Nos pasados días, o Partido Popular rexeitou a ILP que pretendía dar forza xurídica á xerarquía dos “3R” consagrada nas leis e actualmente subvertida por modelos como SOGAMA. É necesario dar prioridade aos “3R” sobre a incineración e o verquido do modelo de tratamento do lixo actual, e recuperar o uso de materiais para non abusar da súa extracción, mellorar o ambiente e gozar doutros beneficios sociais e económicos.

Mongolia será o país anfitrión do Día Mundial do Medio Ambiente en 2013, durante as celebracións do 5 de xuño. Desde 2010, Mongolia suspendeu as licenzas para explotar novas zonas mineiras, protexendo deste xeito o medio ambiente do país, rico en minerais, e a vida dos seus habitantes, e promovendo, ao mesmo tempo, un desenvolvemento verde tendo en conta as limitacións de auga e a degradación da terra.

Nós, en Galiza, tamén solicitamos unha moratoria na exploración de novas zonas mineiras en tanto non se definan as prioridades nos usos do solo e non se estableza claramente a preeminencia do ambiente, da alimentación e a saúde das persoas sobre os usos mineiros. Ademais, cómpre prohibir indefinidamente a macrominaría a ceo aberto e a minaría con cianuro e é necesario os establecementos de avais e garantías suficientes para as restauracións mineiras, seguros de responsabilidade civil que permitan cubrir a situación máis catastrófica que puidera ocorrer e, finalmente, convén a derrogación da lei de expropiación forzosa.

Pola destrución ambiental, social e cultural que implica e os conflitos que xera, minaría e desenvolvemento sustentable non son termos compatibles. A actitude máis responsable é un uso racional dos recursos existentes, así como a reciclaxe e a reutilización de materias primas. Mais tamén cómpre adicionalmente unha necesaria aposta polo decrecemento, rexeitando máis especulación urbanística e industrial, por un modelo de transporte baseado no colectivo e na proximidade, polo aforro e a eficiencia enerxética e hídrica e pola autosuficiencia alimentaria, buscando modos lóxicos e convencidos de vivir mellor con menos, e de modo máis acorde e respectuoso coa contorna e cos demais.

Texto de ContraMINAcción lido no remate da manifestación de hoxe en Compostela

Cartaz manifestación Galiza non é unha mina. 2 de xuño de 2013. Santiago de CompostelaBoa tarde!

Velaquí o comunicado de ContraMINAcción, a rede de colectivos contra a minaría destrutiva na Galiza, en forma de chamada dirixida á cidadanía galega presente hoxe nesta Quintana, así como a aqueles que non puideron vir e que talvez nos escoiten desde outros lugares.

Galiza está baixo ameaza dun dobre axente perigoso: a megaminaría, o negocio especulativo das multinacionais, e dos gobernos colaboracionistas que, en vez de defender, consenten á destrucción do noso territorio.

O desenvolvemento industrial e económico previsto pola Xunta nos depara un futuro escuro como boca de mina.

Un destino decimonónico e colonial pretende furar e abrir as vetas as montañas galegas co obxectivo de pulverizar as súas entrañas, para mellor as esquilmar/depredar. Farano a ceo aberto e, se non nos opoñemos, co beneplácito da nosa Administración, sufragados cos nosos impostos. Neste ataque sen precedentes ao noso futuro desaparecerán do mapa montes, terras de cultivo, aldeas e poboacións, e no seu lugar ficarán montañas de entullos e lagoas envelenadas. Non deixarán rocha sobre rocha.

Nós nunca seremos cómplices!
Nós nunca o permitiremos!

Por iso decidimos esconxurarnos contra o destino e hoxe vimos estes coletivos a Compostela traer esta declaración de principios:

  1. CORCOESTO NON É UNHA MINA!

    Corcoesto é noso, é a nosa vida, a nosa ledicia, Corcoesto está no noso corazón. As nosas leiras, o noso gando, os nosos montes, as nosas casas, a nosa xente; a xente, a gran esquecida neste conflicto.

    Non debemos permitir que, nin a Xunta de Galicia nin os nosos gobernantes locais decidan por nós, non permitiremos que a súa codicia arrase cunha forma de vida arraigada e respetuosa ca terra.

    Corcoesto é Cereo, Valenza, Bergantiños, Corcoesto é Galiza. É un ben que herdamos dos nosos ancestros e que agora nos toca defender a nós.

    A rosa de Corcoesto non se vende! Queremos a ria de Corme e Laxe libres de arsénico e de cianuro.

    LOITEMOS POR CORCOESTO, LOITEMOS POLA NOSA TERRA, LOITEMOS POLA NOSA DIGNIDADE, LOITEMOS POLOS NOSOS FILLOS!

  2. CASTRELO DE MIÑO NON É UNHA MINA!

    En Castrelo de Miño non temos ningún tesouro enterrado que precise de grandes máquinas ou procesos físico-químicos altamente contaminantes e perigosos para extrae-lo. O noso tesouro está ben á vista. O noso tesouro son as máis de 500Has. de terreo cultivado adicado á vide, que nos converten no principal produtor de uva da D.O. Ribeiro. O noso tesouro é o turismo enolóxico, a pesca, a caza, o turismo rural, as actividades deportivas, o desenrolo sostible e a calidade de vida, que fan que Castrelo de Miño sexa un referente a tódolos niveis.

    A instalación deste tipo de actividades extractivas no concello vai a supoñer non só a expropiación das nosas terras, senón tamén do noso pasado, presente e futuro, e non imos permitir que unha excavadora destrúa en 4 ou 5 anos o que nos costou séculos acadar. Non queremos Nin Minas nin Canteiras nas Nosas Ribeiras. Castrelo de Miño non é unha mina. Galicia non é unha mina.

  3. AS COMARCAS DE ORDES-COMPOSTELA NON SON UNHA MINA

    A minería contaminante está a ameazar os concellos de Oroso, Frades, Mesía, Ordes, O Pino e Compostela

    LOITAMOS POLO NOSO FUTURO E POLO NOSO MEDIO DE VIDA. A extracción de seixo que pretende a transnacional Erimsa en miles de hectáreas suporá a destrucción da capa vexetal e da fertilidade da terra durante anos e anos. Onde Erimsa só ve rochas, nós vemos vida, forraxes para os nosos animais, o sustento de moitas persoas que viven dun xeito directo ou indirecto dos sectores agrogandeiro e forestal, os soños e a oportunidade de centos de mozos e mozas que queren construír o seu futuro na terra que os viu nacer.

    LOITAMOS POR UNHA PROTECCIÓN REAL PARA OS NOSOS RÍOS E OS NOSOS ESPAZOS NATURAIS. A nivel medioambiental, estas concesións mineiras afectan de cheo ao río Tambre e afluentes seus como o Maruzo ou o Samo, que ademais están catalogados como Lugar de Interese Comunitaria (LIC) e espazos da Rede Natura 2000.

    LOITAMOS POLA CALIDADE DE VIDA DOS NOSOS VECIÑOS E VECIÑAS. Estas minas tamén afectan zonas poboadas, algunhas urbanas con importantes concentracións de vivendas como Sigüeiro, Penateixa, Gándara, Porto Avieira, Piñeirón ou Oroso.

    LOITAMOS POLA DEMOCRACIA. Para que os nosos concellos e a Xunta velen dunha vez por todas polo interese xeral e non sexan cómplices nos atropelos e abusos das empresas mineiras.

    As nosas terras non son unha mina.

  4. A GROBA, A RAXADA, O TETÓN E A SERRA DO ARGALO NON SON UNHA MINA!

    A Consellería de Industria dirixida por Francisco Conde OFRECE o país a quen queira vir tirarlle os tesouros mineiros das súas entrañas ó prezo que sexa. Ó chamado do mel acoden abellas de todo o mundo. Para A Serra do Galiñeiro hai oferta de explotación de terras raras e para unha ampla zona que xira ó redor da Serra da Groba hai intención de tirarlle o ouro e de seguro outros minerais que lle paguen a pena.

    Os propietarios milenarios destes montes non saben ren.
    As administracións de maior proximidade non informan nada, nin se informan de nada.
    Os membros de SOS GROBA procuran información e están a pasarlla ós veciños:

    Diante do ofrecemento do país ó gran capital especulativo mundial hai unha empresa canadiana: MEDGOLD RESOURCES que envía un proxecto de investigación que chama PINZÁS GOLD PROJECT na que solicita, durante tres anos, prospectar e tirar mostras no espazo de 275 cadrículas mineiras de 30 hectáreas cada unha, polo tanto solicita a investigación -e futura explotación- ó longo de 82’5 km cadrados nos concellos de Gondomar, Baiona, Oia, O Rosal, Tui e Tomiño.

    A delegación da Xunta en Pontevedra convocou e reuniuse cos alcaldes dos cinco concellos afectados para informalos do proxecto.

    Ningún dos cinco alcaldes se puxo en contacto cos veciños para explicarlles o proxecto e tomar unha posición, considerando que cada concello ten que emitir un informe de impacto medio-ambiental, como tamén o teñen que emitir a Consellería de Medio Ambiente que é a mesma que a de Industria e tamén o Servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura.

    A ampla zona de posible instalación mineira xa fora prospectada e explotada por outro imperio multinacional; Roma, daquela de xeito menos agresivo pero levando a produción para a metrópole. Esta explotación de hai uns 2000 anos deixounos unha densa rede de xacementos arqueolóxicos sumados a varios campos de mámoas e petróglifos e castros e a achados líticos paleolíticos.

    Á riqueza arqueolóxica temos que engadirlle o patrimonio etnográfico da serra (a rede hídrica antrópica, casetas forestais, foxos de lobo, curros, meixóns, …) tanto construído como inmaterial.

    É a serra dos cabalos salvaxes de pura raza galega tamén ameazados polo decreto equino e que xuntan nos curros da Valga, Torroña, Mougás e San Cibrán.

    A ameaza da minería do ouro súmase ós proxectos de varios parques eólicos, campos de golf, balsa de auga (un millón de metros cadrados), pista de autocross, …

    Por moito isto e moito máis non queremos a explotación industrial capitalista e contaminante da Serra da Groba.

  5. A LIMIA NON É UNHA MINA!

    Na Limia, temos o millor Entroido do mundo e producimos as millores patacas, como todos saben.

    E iso e o que queremos defender, defender a nosa forma de vida como fixeron os nosos ancestros, como o facedes vos, os labregos e gandeiros actuais, como o faremos nos, as xeracions vindeiras.

    Polo noso futuro, pedimos un plan sectorial, non para axudar a por minas, senon para o desarrollo da agricultura e gandaria, un plan que fomente e axude o desenvolvemento das zonas agricola-gandeiras de Galicia, que representan o 90% da economia galega, que son as que prevalecen e deben prevalecer en Galicia, e non as actividades que represenan o 1%, as mineiras.

    Tamen pedimos que se axude a instalacion de novas empresas de transformacion dos nosos productos, e con ese plan sectorial agricola-gandeiro, señores da Xunta, con el crearemos empregos e aseguraremos o futuro da nosa terra e o futuro dos nosos fillos.

    Porque a Limia non e unha mina.
    Porque Galicia non e unha mina.

  6. A TERRA CHA NON É UNHA MINA!

    “Eu son esta terra e esta auga” . Con estas palabras do noso chairego máis universal Manuel María queremos berrar alto é claro: A TERRA CHA NON ESTÁ EN VENDA

    O seixo que hai nas nosas leiras permite que, despois das chuvias do inverno, a terra drene e conserve a súa fertilidade.

    Rexeitamos as supostas modernidades que promete a empresa de capital noruego e chinés Erimsa. Onde temos prados e terras de labranza propoñen deixar inmensas lagoas de augas mortas, onde temos carballeiras propoñen deixar ermos, onde hai granxas e o medio de vida de centos da familias propoñen uns poucos empregos temporais… Non nos deixamos enganar por cantos de serea. O noso seixo non é a súa mina.
    Erimsa pretende ocupar 6.000 hectáreas dos concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Vilalba, Abadín e Riotorto. Para Erimsa 6.000 hectáreas non serán nada. Para nós son unha inmensidade. Son a nosa vida.

    A NOSA TERRA NON É A SÚA MINA.
    GOBERNE QUEN GOBERNE A TERRA CHA NON SE VENDE

  7. A SERRA DO GALIÑEIRO NON É UNHA MINA!

    De seguir esta senda de absurdo desenvolvemento económico só lograremos trocar o territorio como lugar de vida e fonte de alimentación, con toda a súa biodiversidade, por enfermidade e miseria para a gran maioría das persoas. Estannos a propor alegremente… traballo… traballo de enterradores… cavando a tumba dos nosos soños, dos nosos fillos, do noso pais e a nosa propia. E os que propoñen e deciden tal negocio son as mesmas elites económicas e políticas que meteron o pais na crise do ladrillo, co mesmo dogma económico, coa mesma irresponsabilidade, cegados neste caso polo cobizoso relumbrar do metal. Pero por moito que se empeñen, por moito que o repitan, a megaminería non é solución a ningún dos problemas actuais que sofre este ou calquera outro pobo.

  8. VALEIRA, BURON, BECERREA E BARALLA NON SON UNHA MINA

    Desde as Terras altas do Oriente, Valeira, Burón, Becerreá e Baralla, vales do Eu, do Neira, do Návia, defendemos o chao que sustenta as nosas vidas, no que camiñamos, no que cultivamos, no que pasce noso gado, no que medran as nosas fragas, no que se refuxían animais e florescen as urces. Non aceitaremos a barbárie do seu esfolamento, a samesuga de ferro que quer extirpar as entrañas da nosa terra.
    Resistiremos! Non pasarán!

  9. SANTA COMBA, ZÁS E MAZARICOS NON SON UNHA MEGAMINA

    Eliximos o agro e a gandería para vivir deles e a minaría a ceo aberto é totalmente incompatible coas nosas actividades,

    Nin as explosións, nin as emisións de po, nin a contaminación da auga e o solo poden ser compatibles coa crianza de animais e o cultivo dos vexetais que alimentan a todos.

    Non pode ser compatible coa saúde das persoas.

    Queremos que a nosa arsenopirita que acompaña ao ouro permaneza enterrada, afastada de onde poda facer mal, de onde esteamos nós.

    O ouro que queren extraer non é para nós, é para eses canadenses.

    O que si é valioso para nós é o alimento que inxerimos, que sexa de calidade, que sexa saudable. A capacidade de producirlo xera na comarca miles de postos de traballo directos e indirectos de carácter permanente.

    Imos cambiar estes recursos, que fixan poboación e manteñen viva a nosa terra por uns recursos a curto prazo que provocan despoboamento e nos envelenan?

    Non queremos cianuro, non queremos arsénico, queremos poder vivir tranquilos sen que veñan a modificar as nosas vidas. Se quixésemos vivir de outro xeito, o decidiríamos nós e non os gobernantes nin os estranxeiros, por iso nós dicimos ben alto: Non

  10. TAPIA DE CASARIEGO EN EL OCCIDENTE DE ASTURIAS NO ES UNA MINA / O OCCIDENTE ASTURIANO NON É UNHA MINA MINA

    ORO NO rechaza os proxetos de megaminaría que ameazan os nosos modos de vida, a nosa economía, o noso medioambiente, e en definitiva, o noso presente e futuro, e o dos nosos fillos. A megaminaría de ouro supoi a destrucción de todo isto. Queremos continuar vivendo da pesca, da gandeiría e o turismo, á vez que conservamos o noso patrimonio natural e paisaxísttico.

  11. TRIACASTELA NON É UNHA MINA

    Estamos cansos de ilegalidades e caciquismos, de roubos e mentiras, de que sempre nos traten de parvos. TEMOS DIGNIDADE!

    Estamos cansos de que nos dividam e manipulen utilizando o emprego duns poucos como moeda de cambio, e desa ruina que é o pan para hoxe e fame pra mañá. TEMOS FUTURO!

    Estamos cansos de que nos quiten as terras e a auga, de que destruan a agricultura e as nosas economías locais, de que destruan o noso patrimonio arqueolóxico e natural. TEMOS ALTERNATIVAS!

    Non queremos vivir ao pé dun buraco que medra e medra destruindo o noso medio de vida, o fértil solo agrícola fruto do trabalho dos nosos antepasados, nen os nosos lugares da infancia. Non queremos estar sempre en pé de guerra baixo dunha ameaza constante. Non queremos que destruan as nosas aldeas nen as nosas vidas e nos obriguen a emigrar. QUEREMOS VIVIR AQUI E QUEREMOS VIVIR TRANQUILOS!

    Non mais buracos!
    Non mais terras e montes comunais roubados!
    Non mais camiños e rios cortados!
    Non mais explosivos danando as nosas casas!
    Non mais expropiacions!
    Non mais lucros duns poucos a conta de todos!

    Veciños de Cancelo, O Castiñeiro, A Lagua, O Teixo, Vilar e Vilavella, TODOS EN PÉ!
    Galegos e persoas de bem de todo o mundo, ERGAMOS E PAREMOS ESTA DESFEITA!

    Aqui estamos e aqui berramos hoxe, A NOSA TERRA É NOSA!, O FUTURO É NOSO!


A terra é nosa!

As nosas riquezas que nos queren roubar non cotizarán na bolsa de Toronto, nin servirán aos intereses e fins especulativos das empresas multinacionais.

A todas elas diremos: Galiza non é unha mina, así que fóra de aquí! E por se non nos entenden probaremos con frack off e go home!

Galiza non é unha mina, volvemos dicir hoxe en Compostela ao goberno da Xunta.

A mina ou nós!

Porque non permitiremos que dinamiten o noso territorio.
Non nos deixaremos explotar,
nin que minen a nosa saúde,
nin consentiremos
que os traballos que nos dan de comer
voen polo aire,
nin toleraremos que enterren o futuro das xeracións vindeiras,
nin que desapareza o legado dos nosos ancestros:
o noso patrimonio, que é a nosa memoria.

Galiza non é unha mina!
Que non nos toquen o mercurio,
Nin nos remexan o wolframio,
Nin nos esquilmen o estaño,
Que non acaben co granito,
Nin nos desarmen o xisto.
Que o arsénico, o chumbo e o ouro
descansen en paz,
alá onde están, onde deben estar,
na rocha e baixo terra.

A natureza e a auga son as nosas primeiras fontes de riqueza e sustento. Sen elas non somos nada. Elas serán as primeiras víctimas colaterais desta invasión mineira. En dez, en quince anos, trala contenda, Galicia será só un campo minado, unha sombra do que foi, unha triste paisaxe devastada.

A natureza e a auga son hoxe a nosa máis grande canteira, o noso máis prezado tesouro, un tesouro colectivo, de todos nós, que vimos aproveitando desde tempos inmemoriais e que agora pretenden destruír para sempre.

Xentes de ouro de lei
aquí reunidas,
dignidades aquilatadas,
que nos estades escoitando,
habitantes das terras raras,
herdanza de Breogán:
defendede a terra,

defendede a vida,

Galiza non é unha mina!

Grazas!

ContraMINAcción convoca unha grande manifestación o 2 de xuño para frear a minaría salvaxe promovida pola Xunta

Representantes de varias das organizacións que integran o colectivo ContraMINAcción ofreceron unha rolda de prensa hoxe, 16 de maio, para anunciar unha grande manifestación en Compostela para o vindeiro 2 de xuño, que partirá ás 12:00 horas da Alameda. Con esta manifestación, que as entidades organizadoras auguran masiva, preténdese expresar o rexeitamento que está a xerar o incremento de concesións mineiras en Galiza por parte da Xunta sen atender á salvagarda de espazos protexidos, comunidades humanas e medio ambiente; nin á defensa dos miles de persoas e postos de traballo que están ameazados polas actividades extractivas dunhas poucas empresas.

Rolda de prensa de ContraMINAcción - convocatoria manifestación para o 2 de xuño de 2013

O primeiro en falar foi Xoán Doldán, profesor da USC e presidente da Asociación de Economía Ecolóxica de España, que participou como representante de Véspera de Nada. Doldán advertiu que os proxectos que ContraMINAcción denuncia non afectan só a algunhas parroquias e comarcas, senón que supoñen “un desembarco masivo de empresas transnacionais mineiras, co apoio activo do Goberno Galego, para transformar radicalmente o noso territorio e convertelo nunha mina a ceo aberto”. Tamén advertiu o profesor da USC que se está a promover unha “economía da miseria”, xogándose coa situación crítica pola que atravesan moitas familias ao prometer postos de traballo “que non van existir porque a minaría ten avanzado moito na utilización de maquinaria e na redución de man de obra humana. E iso sen falar da destrución de emprego que provocará en moitos sectores económicos asentados e incompatibles coa explotación mineira da terra. Coa economía da miseria se quere dividir ás comunidades e iso deixará unha herdanza terrible cando as empresas marchen, amais dunha perda patrimonial irreparable”.

Cartaz manifestación Galiza non é unha mina. 2 de xuño de 2013. Santiago de CompostelaIñaki Varela, da organización ecoloxista Verdegaia, denunciou que, tanto a Xunta como o Goberno do Estado, introduciron cambios lexislativos nos últimos tempos dirixidos a quitar todo tipo de traba á explotación da terra como fornecedora de recursos para empresas privadas: a Lei do Solo ou a de Costas, o plano acuícola, a construción de parques eólicos, ou as Directrices de Ordenación do Territorio estarían nesta liña. E este tipo de explotación só é posible “matando primeiro ao medio rural e botando á xente que o habita para que a Xunta poida cederllo ás grandes empresas extractivas”.

Na mesma liña abondou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, que comparou este modelo “depredador do noso medio rural e do noso futuro” coa explotación colonial que sufriron no pasado América Latina e África. Vilalba denunciou que Plan Sectorial de Actividades Extractivas da Xunta “é esclarecedor, pois permite a instalación de proxectos extractivos e contaminantes en todo o territorio galego —un total de 520 licencias a maiores das que xa están activas—, e autoriza a explotación mineira en espazos até o de agora protexidos polo seu valor ecolóxico ou agrario. Mesmo se fala de dotar de lexitimidade actividades extractivas que non cumpren sequera a lexislación”. A secretaria xeral do SLG criticou a desinformación e as trabas que teñen as persoas afectadas para alegar contra estes proxectos, e chegou a afirmar que “están secuestrando os nosos dereitos democráticos”.

Finalmente, falaron representantes de colectivos que se opoñen aos proxectos mineiros de extracción de feldespato na Limia e de ouro en Corcoesto. Respecto do primeiro, Iván Olmos, da Plataforma Veciñal Corno do Monte, comparou os dez postos de traballo que ofrece a empresa levantina Minecer fronte aos 350 empregos que destruiría a súa actividade na comarca limiá. “Seica representamos só o 0’08% da poboación galega, pero a nosa actividade económica produce 27 millóns de euros ao ano fronte aos 3 millóns que xeraría a extracción de feldespato ao ano no mellor dos casos”.

Pola Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños falou Roi Veres, que chamou a atención sobre a división e enfrontamento veciñal que está a provocar este proxecto. Veres denunciou as ameazas e mentiras que están a padecer os propietarios das terras afectadas por parte da empresa, que pretende mercar os terreos a prezo de saldo. Lola Torrano, de Contramínate Laxe, afondou sobre o impacto medioambiental que tería este proxecto, que supón unha seria ameaza para os recursos pesqueiros, percebeiros e marisqueiros, do mesmo xeito que para os acuíferos, o medio ambiente e a saúde das persoas que viven no entorno.

Rolda de prensa de ContraMINAcción - convocatoria manifestación para o 2 de xuño de 2013

Finalmente, Isabel Vilaba recordou que se xa son preocupantes e graves as ameazas de Corcoesto e A Limia, cómpre non esquecer que están en trámite licenzas mineiras en todo o territorio galego e en espazos protexidos como A Fonsagrada, Santa Comba, Zas, a Serra do Galiñeiro, Ordes, a Terra Chá, Cartelle, Castrelo de Miño, Compostela ou as Fragas do Eume.

Por todo o devandito, dende ContraMINAcción insistiron en animar a toda a cidadanía galega a participar masivamente na manifestación do 2 de xuño para facer entrar en razón á Xunta de Galicia e deter o espolio do noso territorio que está a piques de ser perpetrado por unhas poucas empresas, o meirande delas estranxeiras.

ACTUALIZACIÓN 22/05/2013

Publicamos o cartaz definitivo que será utilizado para difundir nas rúas a manifestación. Descárgao a cor ou branco e negro, imprime e cólao nos lugares onde poida velo máis xente. Grazas!
[wpdm_file id=2]
[wpdm_file id=3]

ACTUALIZACIÓN 25/05/2013

GALIZA NON É UNHA MINA! Manifestación o 2 de xuño de 2013 en Santiago de Compostela, convocada por ContraMINAcciónPublicamos un banner de 250×350 pixels para usarmos nas columnas dos nosos blogs e así espallar na Rede a convocatoria. Para poñelo no teu blog só tes que copiar o seguinte código:

<a href="http://www.mineriagalicia.org/2013/05/16/contraminaccion-convoca-unha-grande-manifestacion-o-2-de-xuno-para-frear-a-minaria-salvaxe-promovida-pola-xunta/" title="Infórmate sobre a convocatoria contra a megaminaría, difunde e acude!"><img src="http://www.mineriagalicia.org/wp-content/uploads/2013/05/banner-manifestacion-20130602-contraMINAccion-Galiza-non-e-unha-mina-250x350.png" alt="GALIZA NON É UNHA MINA! Manifestación o 2 de xuño de 2013 en Santiago de Compostela, convocada por ContraMINAcción" </a>

Se o largo da túa columna é menor de 250 pixels, terás que especificar un largo mediante o parámetro WIDTH. P.ex.:

<a href="http://www.mineriagalicia.org/2013/05/16/contraminaccion-convoca-unha-grande-manifestacion-o-2-de-xuno-para-frear-a-minaria-salvaxe-promovida-pola-xunta/" title="Infórmate sobre a convocatoria contra a megaminaría, difunde e acude!"><img src="http://www.mineriagalicia.org/wp-content/uploads/2013/05/banner-manifestacion-20130602-contraMINAccion-Galiza-non-e-unha-mina-250x350.png" alt="GALIZA NON É UNHA MINA! Manifestación o 2 de xuño de 2013 en Santiago de Compostela, convocada por ContraMINAcción" WIDTH="200"></a>

“O prioritario agora é deter a mina de Corcoesto”

(Artigo publicado en Praza Pública.)

A recentemente creada Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza era máis necesaria que nunca. Así o cren os seus promotores, que conformaron xa o colectivo ContraMINAcción pola necesidade de dar “unha resposta global” a un problema “que tamén se converteu en global” para todo o país.

“O que antes eran proxectos illados e cinguidos a unhas determinadas comarcas, acabáronse por converter nunha problemática global para toda Galicia porque non fan máis que xurdir proxectos de investigación mineira por todas as zonas”, explica Margarida Prieto, representante do SLG na plataforma creada en Vilalba contra a mina e voceira desta nova Rede, que está aberta a todas as agrupacións que queiran participar” e “ás persoas que a título individual poidan achegar algo”, pero excluíndo “os partidos políticos”.

Son todos os que están, pero non están todos os que son. No entanto, desde ContraMINAcción xa agardan a entrada de novos colectivos e persoas a título individual co paso dos días. “En moitos casos hai plataformas que aínda non están formalmente unidas á Rede porque deben debatelo en asemblea e acordalo”, conta.

O colectivo galego nace logo de que a súa creación fose un dos obxectivos marcados tras o encontro galego sobre a minería celebrado o pasado 16 de febreiro en Teo. Aquel foi o xermolo cunha Rede que xa prepara unha gran manifestación nacional para o 2 de xuño en Compostela pero que, sobre todo, pretende que “os diferentes grupos que loitan contra diferentes proxectos mineiros se axuden mutuamente e se coordinen”. “As prácticas que se aplican nuns lugares poden ser moi útiles noutros e ese debe ser o espírito”, continúa Prieto, que aclara que “non é o mesmo” explicarlle á sociedade o que supón un proxecto mineiro concreto nunha comarca que “trasladarlles a problemática global dun país que sofre as mesmas ameazas de norte a sur”.

“O proxecto da Xunta é levantar o país enteiro e facelo unha mina”, engade Margarida Prieto, que recoñece que “a prioridade” da Rede agora é deter o proxecto da mina a ceo aberto de Corcoesto. “Iso é o máis importante agora porque se sae adiante, a Xunta entraría a saco noutras zonas”, explica, aínda que recoñece que o diálogo co Executivo galego non está aínda previsto vistas as decisións tomadas ultimamente neste ámbito.

“Centrámonos en Corcoesto porque a aprobación dese proxecto como estratéxico sería un precedente moi perigoso para todo o país; se esta mina con tan pouco sentido é aceptada polo Goberno galego, calquera infraestrutura posterior sería declarada estratéxica”, advirte, antes de preguntarse “por que se considera estratéxica” unha iniciativa empresarial tan polémica como a de Bergantiños “e non o comer”. “Acaso non é estratéxico comer e asegurar o abastecemento da poboación e a súa alimentación”, remata, logo de aclarar que “para nada se descoidan” outros casos. De feito, xa son varias as alegacións presentadas por numerosos colectivos ante os proxectos de investigación que se levan en diferentes comarcas.

Para empezar, e xa nos vindeiros días, ContraMINAcción prevé a organización de xornadas informativas en Vigo e Ourense, nas que participarán activistas, xuristas, persoal técnico e economistas, así como encontros nas “zonas ameazadas” para difundir “os valores naturais, sociais e económicos do lugar e a importancia de conservar o que hai neses lugares”.

Nace “ContraMINAcción. Rede Contra a Minaría Destrutiva en Galiza”

Cos obxectivos de identificar e difundir os problemas da minaría en Galiza e facilitar os medios para a loita contra a minaría destrutiva.

É a reacción ao aumento das concesións mineiras con proxectos irracionais en localizacións con altos valores ambientais.

Un grupo de persoas e organizacións sensibles cos problemas e ameazas que están a supoñer o aumento das concesións mineiras —máis do 50% da superficie do país—, con proxectos irracionais en localizacións con altos valores ambientais —LIC Anllóns, Fragas do Eume, Serra do Galiñeiro, etc.— decidiron a creación de ContraMINAcción, rede contra a minaría destrutiva en Galiza.

Tres son os obxectivos principais de ContraMINAcción:

  • A identificación dos problemas establecendo un marco do que pasa en Galiza, analizando o que acontece en cada lugar ou proxecto mineiro, poñendo en valor o que se perde con el, e estudando tamén o que está a acontecer en outras partes do planeta.
  • Compartir estratexias e medios para loitar contra a minaría destrutiva con aquelas persoas e colectivos que se vexan ameazados, coordinármonos mediante o traballo en rede, tirando de cada loita información útil para as demais, facendo accesible información contrastada e fiable a todas elas, e facendo dispoñible na rede apoio xurídico e técnico.
  • Difusión na sociedade dos problemas que está a xerar a minaría, facendo visibles a especulación e ocupación do territorio, sendo unha voz fronte a todos os conflitos por igual, e levando a cabo accións informativas en tódalas comarcas.

Polo momento fan parte da rede, ademais de varias persoas que participan de xeito individual, os seguintes colectivos:

A rede está aberta a tódalas agrupacións que queiran participar, agás aos partidos políticos. As persoas que poidan aportar algo a título individual tamén son benvidas á rede.

Como propostas de acción máis inmediatas, imos organizar xornadas informativas en Vigo e en Ourense para explicar os impactos da minaría, nas que participarán activistas das plataformas de afectados, xuristas, economistas, e persoal técnico. Tamén imos ter encontros nas zonas afectadas para difundir os valores naturais, sociais, económicos do lugar, e da importancia de conservar o que hai neses lugares.

Finalmente, queremos que toda a acción conflúa nunha grande manifestación nacional en Compostela o día 2 de xuño para celebrar o día do ambiente dicindo NON a este modelo de minería neocolonial e destrutiva. Animamos a tódolos colectivos sociais e ecoloxistas do noso país a apoiar esta manifestación, para dar unha resposta visible e contundente á agresión que se está perpetrando contra Galiza.