Na tarde de onte tivo lugar en Compostela, no local do Sindicato Labrego Galego, unha xuntanza de colectivos para tratar a problemática da tramitación pola vía de urxencia do Proxecto de Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais de Galicia. Esta lei vai supor unha auténtica Lei de Depredación de Galicia xa que pretende desregular ámbitos como o eólico, forestal, mineiro, usos hidráulicos, cooperativas, etc, constituíndo a aprobación de varias leis nunha, tratando de eliminar calquera debate público sobre temas que requirían dun amplo consenso social e político. Supón, ademais, unha ameaza absoluta ao conxunto da poboación que podería verse sometida a un uso abusivo e xeralizado da lei de expropiación para favorecer iniciativas privadas de grandes empresas coa protección do goberno galego.
Cunha lei como a que se pretende aprobar será practicamente imposíbel facer defensa do patrimonio ambiental galego, tal e como colectivos sociais e ambientais veñen facendo desde hai anos, como foron os casos dos proxectos da mina de Corcoesto, os proxectos de extracción da Limia ou da Terra Chá ou, fóra do ámbito da minaría, a lei de acuicultura, etc.
A información ambiental ficará secuestrada, dereito que na práctica se elimina, deixando en mans das empresas mineiras que decidan que é secreto industrial, nun claro conflito coa lexislación europea e española. Elimínanse controis ambientais e acúrtanse os prazos para evitar todo tipo de alegacións da cidadanía.
Contraminacción considera que é unha auténtica falacia, argumentar que esta lei se promove para tratar de competir cos investimentos empresariais no norte de Portugal. Tendo en conta que toda a desregulación vai dirixida á sectores primarios e extractivos, ditas actividades dependen fundamentalmente da existencia ou non de recursos e, en menor medida, do marco normativo.
A xuntanza de onte serviu para poñer en común as preocupacións dos distintos colectivos sociais respecto o proxecto de lei e acordar iniciativas de mobilización contra a mesma.
Participaron nesta primeira xuntanza representantes de: ADEGA, CIG, Comisión contra as minas da Terra Chá, Comisión de Medio da Gentalha do Pichel, ContraMinAcción, Equo, Organización Galega de Comunidades de Montes, Plataforma para a Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Véspera de Nada.
Na tarde do sábado, celebrouse unha nova xuntanza en Vigo para tratar o mesmo tema. Asistiron á mesma representantes de Galiza Contrainfo, A Revolta, ContraMINAcción, Comuneiros de Cabral, CS Faísca, Luita Verde, A Ría non se Vende e Verdegaia.