– Pretendía denunciar a situación crítica e de abandono dunhas instalacións de residuos de máis de 80 anos de actividade.
– A candidatura foi a que maior número de interaccións recibiu nas redes sociais, recibindo apoios de todo o mundo.
25 de abril de 2020.- Esta madrugada o Instituto Xeolóxico e Mineiro (IGME), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, fallou o “Premio Día Planeta Terra 2020”, outorgando o primeiro premio na categoría de interaccións en redes a unha campaña promovida por varios colectivos galegos para dar a coñecer a situación crítica das presas de residuos mineiros da explotación de San Finx, en Lousame.
Todas as participantes no certame debían achegar unha fotografía ou vídeo xunto cunha exposición sobre un dos Lugares de Interese Xeolóxico (LIG) incluídos no rexistro xestionado polo IGME, e entre os que están as minas de San Finx. A candidatura premiada consistía precisamente nunha detallada descrición da maior das presas de residuos mineiros, construída en 1939 pola mineira británica The San Finx Tin Mines Ltd.
Esta presa de 12 metros de alto e 50 de ancho de coronación erixiuse seguindo un método de decantación de lodos, entón frecuente nas colonias británicas, que implicaba levantar diques cortando vales fluviais (“presas de colas fluviais”) e do que quedan moi poucos exemplos en pé debido aos colapsos ou desmantelamentos. A presa foi de feito protagonista da chamada “Catástrofe de 1960” na que os lodos chegaron ata a ría de Noia e sobre a que se filmou o documentario “San Finx 1960” de Irene Pin.
Tanto esta presa como outra máis pequena constaron nos plans anuais de labores da mina ata que a empresa deixou de os presentar no ano 2000. Na actualidade están en situación de total abandono e a súa falla, segundo un informe de Augas de Galicia de 2017, produciría un importante impacto ambiental.
Tentando fuxir das súas responsabilidades sobre as presas, a Dirección Xeral de Minas encabezada por Ángel Bernardo Tahoces e a concesionaria do Grupo Sacyr pretenderon facer pasar as presas de residuos por instalacións hidroeléctricas, o que derivou no inicio de dilixencias penais por presuntos delitos contra o ambiente, prevaricación ambiental e falsidade documental.
Os colectivos que promoveron a campaña gañadora (ContraMINAcción, Montescola, Verdegaia e Vida e Ría ou Minaría?) esperan que este premio consiga dar visibilidade a esta situación insostible no tempo e contribúa a forzar as administracións a deixar de mirar para o outro lado.
—-
Imaxe premiada: http://www.vidaeria.org/wp-content/uploads/2020/02/presas_san_finx.jpg
Texto premiado: https://twitter.com/ApadrinaUnaRoca/status/1243832038546907136
Documentario “San Finx 1960”: https://youtu.be/zv_z2EEn_V8