Arquivos da etiqueta: Irlanda

ContraMINAcción, nas xornadas antimineiras de Irlanda

A pasada fin de semana celebráronse en Belfast (Irlanda) unhas xornadas de encontro de loitas antimineiras, promovidas por Friends of the Earth. Contraminacción estivo presente nelas, pois a compañeira María Schery, da Plataforma de Xinzo, viaxou a Irlanda para participar no encontro.

María Schery, da Limia, xunto ao resto de representantes dos colectivos participantes

Nada máis chegar a Irlanda, María deuse conta de dúas cousas: a primeira, que a xente de Irlanda do Norte é moi acolledora e cariñosa. A segunda, que alí tamén chegou a “moda” da minería tal como pasou antes en Grecia, Rumanía…e en Galiza.

O primeiro grupo en intervir foi Save Our Sperrins. Loitan contra unha mina de ouro que está en Greencastle, Co. Tyrone. Están lanzando unha campaña de alegacións que nos piden que firmemos. Pódense descargar aquí, se algún grupo está interesado en apoialas. Para saber máis sobre este grupo, podedes ir á súa páxina de Facebook, SaveOurSperrins.

Lugar onde iría a balsa de lodos

Despois informou a xente de Cavan Mining Objection Group, que se opón a unha mina situada no parque natural Lough Oughter e os seus lagos. Se queredes visitar o seu Facebook, pinchade aquí.

Estes dous casos lembran moito ao caso de Corcoesto.

Seguindo cos parecidos, en County Down hai unha empresa sen licenza de obras que está esnaquizando a costa. A que se parece??? A Triacastela: Sen licenzas e destruíndo o patrimonio de todos.

Soubemos tamén do caso de Lough Neagh. Alí están sacando area de maneira ilegal, e vendéndolla ao estado norirlandes. Con esta acción están destruíndo o ecosistema do lago.

E hai moitos máis lugares afectados. En todos as mesmas dinámicas, os problemas. Só cambian os nomes dos lugares.

No encontro tamén estiveron presentes Kiran Pereira, da Plataforma Sandstories, que se opón á extracción industrial de area e aos problemas medioambientais que esta ocasiona; e Karina Flores, de Honduras, do movemento social e popular de América e da mesa de negociación.

A solidariedade entre as persoas e os colectivos, e o apoio mutuo é o único que pode parar estas desfeitas.

Dende Contraminacción expresamos todo o noso apoio ás loitas iniciadas contra estes proxectos, e animamos aos distintos colectivos a asinar as alegacións dos grupos antimineiros irlandeses.