-
A Asociación Sociocultural O Iribio solicitara a súa anulación.
-
A sentenza recoñece que a licenza concedida a Cementos Cosmos non é válida.
-
A rede ContraMINAcción amosa a súa satisfacción, pero pide que se cumpra a lei e que se respecte o medio ambiente, os bens culturais e as persoas.
A sentenza confirma que “la licencia impugnada está viciada de nulidad radical y debe ser revocada”. Os motivos son varios e a sentenza exponos con claridade.
O concello de Triacastela concedeu unha licenza mineira a Cementos Cosmos e segundo a sentenza todo apunta a que intentou pasar por riba da lei.
A canteira Don Isidro Nº 6043, explotada por Cementos Cosmos, está situada no lugar de Monte Penedo, parroquia de Vilavella, Concello de Triacastela, en Lugo. Alí extraen caliza mediante a técnica extractiva de banqueo descendente e arranque con perforación e voadura (explosión).
A demanda expón motivos legais contundentes polos cales o permiso concedido polo concello de Triacastela non es válido e debe anularse.
Os principais motivos son:
-A ausencia dunha declaración de impacto ambiental favorable ao proxecto. Cementos Cosmos presentou un proxecto mineiro anacrónico -concretamente do ano 1978-. O seu único plan de restauración referíase á antiga explotación mineira.
-A falta dos permisos preceptivos por parte da Xunta de Galicia. Isto é debido a que o solo afectado polo proxecto mineiro de Cosmos es maioritariamente “rústico de especial protección agropecuaria e de interese patrimonial, histórico ou artístico no ámbito territorial”.
Ademais, incumpriuse o procedemento legal, omitindo trámites como a publicación obrigatoria en canles oficiais.
Outros motivos para a revogación dos permisos ao proxecto mineiro son a desprotección dos bens de valor cultural existentes no lugar, entre os que cabe salientar a Cova de Eirós, onde se atoparon gravados rupestres de tal importancia que foi cualificada como a “Atapuerca galega”, ademais de outros vestixios do Paleolítico.
Para a subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, a área entra dentro da “categoría de especial protección do patrimonio”. A área de protección a preservar arredor da cova é moito maior que a que se pretendía dar: 200 m fronte 50 m.
Outra tanta preocupación esperta a dificultade para o uso de camiños públicos que Cosmos, nunha práctica habitual en empresas mineiras, utilizan e pechan ao paso veciñal, como se fosen seus.
A todas estas razóns para rexeitar o proxecto mineiro, súmase o feito de que a mineira non notificou convenientemente aos propietarios dos terreos afectados polo seu proxecto.
As 20 organizacións que facemos parte de ContraMINAcción e que vimos dando seguimento desde 2013 ao desempeño administrativo das autoridades en torno aos proxectos mineiros, estamos de acordo en valorar unha vez máis que as autoridades obvian sistematicamente cuestións sociais, ambientais e culturais relevantes e que forman parte fundamental da vida das comunidades rurais, outorgando unha protección desmesurada ás empresas e deixando a cidadanía exposta a todo tipo de atropelos e abusos”.
Pola súa parte, a propia sentenza remarca como a empresa mineira Cosmos apela ás institucións e as leis para o que lle convén, e descualifícaas ou minimízaas no momento en que lle impiden ou significan o control da súa actividade. Neste sentido, unha das cuestións máis salientables recollidas na sentenza é que, máis aló da actitude da empresa, que defende os seus intereses comerciais, as principais irregularidades son cometidas polas institucións públicas autonómicas, ao non cumprir coas exixencias que deben facerse a este tipo de proxectos.
Basicamente, non consideran a clasificación real do solo onde está situada a mina, e os informes que achegaron ao proceso non eran os que se lles requirían. Pola contra, queda de manifesto que tenden a súa alfombra vermella á empresa para que poida continuar ao seu antollo coa actividade extractiva, tal como viña facendo en décadas pasadas, sen exixirlle o cumprimento estrito da lei nin o respecto ao medio ambiente e as persoas.
Desde ContraMINAcción celebramos esta sentenza, que supón un éxito na nosa loita pola defensa do territorio, e unha recarga de forzas para continuar nela.