Se algo quedou claro no II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza é que todo o noso territorio está ameazado pola proliferación de proxectos mineiros en fase de permiso solicitado, concedido, de exploración, etcétera, que se suman ás explotacións de mineral xa en activo. E para iso, moitas empresas mineiras non só realizan a súa actividade saltándose a legalidade vixente e destruíndo espazos como solos rústicos de protección agropecuaria, reservas da biosfera ou Rede Natura; senón que, no caso concreto de Cementos Cosmos, tamén pasaron á represión dos e das activistas que denuncian estas ilegalidades. Ese foi o caso do noso compañeiro Marcos Celeiro, presidente da Asociación Cultural O Iribio, de Triacastela, que denunciou esta empresa por estar a desenvolver a súa actividade sen os permisos e licenzas pertinentes e se atopou cunha demanda da cementeira de 45.000 euros máis as costas xudiciais do proceso.
Precisamente, este último feito foi un denominador común das diversas análises que se fixeron no Encontro sobre proxectos mineiros como os que Erimsa pretende levar a cabo na Terra Chá ou Edgewater en Bergantiños, ou explotacións en marcha como a de Cementos Cosmos en Triacastela. Estes exemplos deixan ben claro que a destrución irreparable do noso patrimonio e dos postos de traballo que provoca a minaría salvaxe sáelle infinitamente máis cara á sociedade galega que os lucros particulares que obteñen desa explotación os accionistas dunhas empresas que, na maior parte, adoitan ser estranxeiras. E falamos da Terra Chá, de Bergantiños e Triacastela, pero tamén poderiamos engadir á lista importantes bisbarras dende o punto de vista medioambiental ou agrario como A Fonsagrada, O Courel, Barbanza, a Serra do Galiñeiro, Ordes, A Limia, etcétera.
Polo demais, o II Encontro sobre os Impactos da Minaría, amais de analizar os principais conflitos abertos na Galiza, tivo unha parte didáctica na que as persoas asistentes se formaron en lexislación urbanística e medioambiental de cara a ter ferramentas para investigar os atentados da minaría salvaxe contra os nosos bens comúns e acadar, a maiores, a capacidade para levar adiante procesos de denuncia contra as empresas infractoras.
Estamos todos e todas no mesmo barco e de todos e todas é a terra que está ameazada.