Arquivos da etiqueta: Mina de Touro

A mina de Touro é inviable

Santiago de Compostela, 13 de Novembro 2018

As plataformas Mina Touro – O Pino NON e Pola Defensa da Ría de Arousa reiteran a inviabilidade do proxecto mineiro e denuncian o desleixo da Administración na súa obriga de protexer os elementos patrimoniais gravemente afectados pola explotación de cobre a ceo aberto.

Logo de coñecer o informe no que ICOMOS, órgano asesor da UNESCO en materia de conservación do patrimonio, alerta das graves consecuencias que a reapertura da mina de Touro e O Pino tería para o Camiño de Santiago, así como para outros elementos do patrimonio histórico e cultural dos concellos afectados, as organizacións que se opoñen ó proxecto vense na obriga de facer público novamente o seu descontento e a súa preocupación polas irreversibles consecuencias que o proxecto conlevaría de ser aprobado pola Xunta de Galicia.

Como o organismo asesor recolle no seu informe, o Estado signatario da Convención do Patrimonio Mundial, pola que se inclúe un ben na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO, asume voluntariamente o compromiso de protexelo, conservalo, revalorizalo e non adoptar deliberadamente medidas que o poidan danar, directa ou indirectamente. Asimesmo, tamén se adquire o deber de informar ó órgano da ONU cando existan factores que poidan afectar á conservación do valor excepcional dun ben inscrito na Lista de Patrimonio Mundial, como é o caso do Camiño Francés. No que lle compete á Xunta de Galicia, a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia tamén é clara ó establecer un réxime específico de protección dos Camiños de Santiago, e indicando que as obras e actividades no ámbito delimitado destes deben ser compatibles coa conservación e coa protección dos seus valores propios e, como criterio xeral, deben manter as características principais do territorio que conforman, o que supón o mantemento preferente dos núcleos tradicionais e das actividades agropecuarias e forestais. Sen ir máis lonxe, a Guía de Boas Prácticas Para As Actuacións Nos Camiños da Xunta de Galicia recolle que “con carácter xeral, non se permitirán novas canteiras a ceo aberto nin vertedoiros no territorio histórico nin no seu caso na zona de amortecemento”.

Ademáis de usurpar o valor eminentemente agrícola e gandeiro das terras de Touro e O Pino, a explotación mineira tamén suporía unha grave pérda económica pola grave afección ó Camiño Francés, especialmente no concello do Pino, onde o impacto da ruta xacobea na economía local é cada vez maior, tanto nos ingresos que supón o aumento anual de peregrinos que siguen esta vía como polo incremento de afiliacións á Seguridade Social, vinculado directa ou indirectamente ó boom de peregrinacións a Santiago.

Polo tanto, ICOMOS vén de unirse á loita contra a mina e a deixar moi claro que este proxecto non é posible, non é compatible e non é sustentable cos nosos medios de vida nin co noso patrimonio. E faino lembrándolle ás administracións competentes que a destrucción dos bens culturais e do seu entorno considérase expolio e está prohibido pola Constitución e pola normativa sobre patrimonio histórico, estatal e autonómica, que a desenrolan.

Esta mañá a Libraria Couceiro de Santiago de Compostela acollía a rolda de prensa convocada polas plataformas Mina Touro – O Pino NON e Pola Defensa da Ría de Arousa.