Arquivos da etiqueta: minas

A manifestación “Galiza non é unha mina”, en imaxes

Publicamos o vídeo resume da masiva manifestación de onte en Compostela, convocada pola nosa rede ContraMINAcción, realizado pola xente de GzVídeos. Tamén vos convidamos a ver a súa reportaxe fotográfica e a ler o manifesto que se leu ao remate do acto, nunha ateigada Praza da Quintana. En breve publicaremos a nosa avaliación do acto, así como máis fotos e información sobre a xornada. De momento vaia o noso maior agradecemento para todos os que fixestes posible e participastes nesta histórica mobilización cidadá!

Texto de ContraMINAcción lido no remate da manifestación de hoxe en Compostela

Cartaz manifestación Galiza non é unha mina. 2 de xuño de 2013. Santiago de CompostelaBoa tarde!

Velaquí o comunicado de ContraMINAcción, a rede de colectivos contra a minaría destrutiva na Galiza, en forma de chamada dirixida á cidadanía galega presente hoxe nesta Quintana, así como a aqueles que non puideron vir e que talvez nos escoiten desde outros lugares.

Galiza está baixo ameaza dun dobre axente perigoso: a megaminaría, o negocio especulativo das multinacionais, e dos gobernos colaboracionistas que, en vez de defender, consenten á destrucción do noso territorio.

O desenvolvemento industrial e económico previsto pola Xunta nos depara un futuro escuro como boca de mina.

Un destino decimonónico e colonial pretende furar e abrir as vetas as montañas galegas co obxectivo de pulverizar as súas entrañas, para mellor as esquilmar/depredar. Farano a ceo aberto e, se non nos opoñemos, co beneplácito da nosa Administración, sufragados cos nosos impostos. Neste ataque sen precedentes ao noso futuro desaparecerán do mapa montes, terras de cultivo, aldeas e poboacións, e no seu lugar ficarán montañas de entullos e lagoas envelenadas. Non deixarán rocha sobre rocha.

Nós nunca seremos cómplices!
Nós nunca o permitiremos!

Por iso decidimos esconxurarnos contra o destino e hoxe vimos estes coletivos a Compostela traer esta declaración de principios:

  1. CORCOESTO NON É UNHA MINA!

    Corcoesto é noso, é a nosa vida, a nosa ledicia, Corcoesto está no noso corazón. As nosas leiras, o noso gando, os nosos montes, as nosas casas, a nosa xente; a xente, a gran esquecida neste conflicto.

    Non debemos permitir que, nin a Xunta de Galicia nin os nosos gobernantes locais decidan por nós, non permitiremos que a súa codicia arrase cunha forma de vida arraigada e respetuosa ca terra.

    Corcoesto é Cereo, Valenza, Bergantiños, Corcoesto é Galiza. É un ben que herdamos dos nosos ancestros e que agora nos toca defender a nós.

    A rosa de Corcoesto non se vende! Queremos a ria de Corme e Laxe libres de arsénico e de cianuro.

    LOITEMOS POR CORCOESTO, LOITEMOS POLA NOSA TERRA, LOITEMOS POLA NOSA DIGNIDADE, LOITEMOS POLOS NOSOS FILLOS!

  2. CASTRELO DE MIÑO NON É UNHA MINA!

    En Castrelo de Miño non temos ningún tesouro enterrado que precise de grandes máquinas ou procesos físico-químicos altamente contaminantes e perigosos para extrae-lo. O noso tesouro está ben á vista. O noso tesouro son as máis de 500Has. de terreo cultivado adicado á vide, que nos converten no principal produtor de uva da D.O. Ribeiro. O noso tesouro é o turismo enolóxico, a pesca, a caza, o turismo rural, as actividades deportivas, o desenrolo sostible e a calidade de vida, que fan que Castrelo de Miño sexa un referente a tódolos niveis.

    A instalación deste tipo de actividades extractivas no concello vai a supoñer non só a expropiación das nosas terras, senón tamén do noso pasado, presente e futuro, e non imos permitir que unha excavadora destrúa en 4 ou 5 anos o que nos costou séculos acadar. Non queremos Nin Minas nin Canteiras nas Nosas Ribeiras. Castrelo de Miño non é unha mina. Galicia non é unha mina.

  3. AS COMARCAS DE ORDES-COMPOSTELA NON SON UNHA MINA

    A minería contaminante está a ameazar os concellos de Oroso, Frades, Mesía, Ordes, O Pino e Compostela

    LOITAMOS POLO NOSO FUTURO E POLO NOSO MEDIO DE VIDA. A extracción de seixo que pretende a transnacional Erimsa en miles de hectáreas suporá a destrucción da capa vexetal e da fertilidade da terra durante anos e anos. Onde Erimsa só ve rochas, nós vemos vida, forraxes para os nosos animais, o sustento de moitas persoas que viven dun xeito directo ou indirecto dos sectores agrogandeiro e forestal, os soños e a oportunidade de centos de mozos e mozas que queren construír o seu futuro na terra que os viu nacer.

    LOITAMOS POR UNHA PROTECCIÓN REAL PARA OS NOSOS RÍOS E OS NOSOS ESPAZOS NATURAIS. A nivel medioambiental, estas concesións mineiras afectan de cheo ao río Tambre e afluentes seus como o Maruzo ou o Samo, que ademais están catalogados como Lugar de Interese Comunitaria (LIC) e espazos da Rede Natura 2000.

    LOITAMOS POLA CALIDADE DE VIDA DOS NOSOS VECIÑOS E VECIÑAS. Estas minas tamén afectan zonas poboadas, algunhas urbanas con importantes concentracións de vivendas como Sigüeiro, Penateixa, Gándara, Porto Avieira, Piñeirón ou Oroso.

    LOITAMOS POLA DEMOCRACIA. Para que os nosos concellos e a Xunta velen dunha vez por todas polo interese xeral e non sexan cómplices nos atropelos e abusos das empresas mineiras.

    As nosas terras non son unha mina.

  4. A GROBA, A RAXADA, O TETÓN E A SERRA DO ARGALO NON SON UNHA MINA!

    A Consellería de Industria dirixida por Francisco Conde OFRECE o país a quen queira vir tirarlle os tesouros mineiros das súas entrañas ó prezo que sexa. Ó chamado do mel acoden abellas de todo o mundo. Para A Serra do Galiñeiro hai oferta de explotación de terras raras e para unha ampla zona que xira ó redor da Serra da Groba hai intención de tirarlle o ouro e de seguro outros minerais que lle paguen a pena.

    Os propietarios milenarios destes montes non saben ren.
    As administracións de maior proximidade non informan nada, nin se informan de nada.
    Os membros de SOS GROBA procuran información e están a pasarlla ós veciños:

    Diante do ofrecemento do país ó gran capital especulativo mundial hai unha empresa canadiana: MEDGOLD RESOURCES que envía un proxecto de investigación que chama PINZÁS GOLD PROJECT na que solicita, durante tres anos, prospectar e tirar mostras no espazo de 275 cadrículas mineiras de 30 hectáreas cada unha, polo tanto solicita a investigación -e futura explotación- ó longo de 82’5 km cadrados nos concellos de Gondomar, Baiona, Oia, O Rosal, Tui e Tomiño.

    A delegación da Xunta en Pontevedra convocou e reuniuse cos alcaldes dos cinco concellos afectados para informalos do proxecto.

    Ningún dos cinco alcaldes se puxo en contacto cos veciños para explicarlles o proxecto e tomar unha posición, considerando que cada concello ten que emitir un informe de impacto medio-ambiental, como tamén o teñen que emitir a Consellería de Medio Ambiente que é a mesma que a de Industria e tamén o Servizo de Arqueoloxía da Consellería de Cultura.

    A ampla zona de posible instalación mineira xa fora prospectada e explotada por outro imperio multinacional; Roma, daquela de xeito menos agresivo pero levando a produción para a metrópole. Esta explotación de hai uns 2000 anos deixounos unha densa rede de xacementos arqueolóxicos sumados a varios campos de mámoas e petróglifos e castros e a achados líticos paleolíticos.

    Á riqueza arqueolóxica temos que engadirlle o patrimonio etnográfico da serra (a rede hídrica antrópica, casetas forestais, foxos de lobo, curros, meixóns, …) tanto construído como inmaterial.

    É a serra dos cabalos salvaxes de pura raza galega tamén ameazados polo decreto equino e que xuntan nos curros da Valga, Torroña, Mougás e San Cibrán.

    A ameaza da minería do ouro súmase ós proxectos de varios parques eólicos, campos de golf, balsa de auga (un millón de metros cadrados), pista de autocross, …

    Por moito isto e moito máis non queremos a explotación industrial capitalista e contaminante da Serra da Groba.

  5. A LIMIA NON É UNHA MINA!

    Na Limia, temos o millor Entroido do mundo e producimos as millores patacas, como todos saben.

    E iso e o que queremos defender, defender a nosa forma de vida como fixeron os nosos ancestros, como o facedes vos, os labregos e gandeiros actuais, como o faremos nos, as xeracions vindeiras.

    Polo noso futuro, pedimos un plan sectorial, non para axudar a por minas, senon para o desarrollo da agricultura e gandaria, un plan que fomente e axude o desenvolvemento das zonas agricola-gandeiras de Galicia, que representan o 90% da economia galega, que son as que prevalecen e deben prevalecer en Galicia, e non as actividades que represenan o 1%, as mineiras.

    Tamen pedimos que se axude a instalacion de novas empresas de transformacion dos nosos productos, e con ese plan sectorial agricola-gandeiro, señores da Xunta, con el crearemos empregos e aseguraremos o futuro da nosa terra e o futuro dos nosos fillos.

    Porque a Limia non e unha mina.
    Porque Galicia non e unha mina.

  6. A TERRA CHA NON É UNHA MINA!

    “Eu son esta terra e esta auga” . Con estas palabras do noso chairego máis universal Manuel María queremos berrar alto é claro: A TERRA CHA NON ESTÁ EN VENDA

    O seixo que hai nas nosas leiras permite que, despois das chuvias do inverno, a terra drene e conserve a súa fertilidade.

    Rexeitamos as supostas modernidades que promete a empresa de capital noruego e chinés Erimsa. Onde temos prados e terras de labranza propoñen deixar inmensas lagoas de augas mortas, onde temos carballeiras propoñen deixar ermos, onde hai granxas e o medio de vida de centos da familias propoñen uns poucos empregos temporais… Non nos deixamos enganar por cantos de serea. O noso seixo non é a súa mina.
    Erimsa pretende ocupar 6.000 hectáreas dos concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Vilalba, Abadín e Riotorto. Para Erimsa 6.000 hectáreas non serán nada. Para nós son unha inmensidade. Son a nosa vida.

    A NOSA TERRA NON É A SÚA MINA.
    GOBERNE QUEN GOBERNE A TERRA CHA NON SE VENDE

  7. A SERRA DO GALIÑEIRO NON É UNHA MINA!

    De seguir esta senda de absurdo desenvolvemento económico só lograremos trocar o territorio como lugar de vida e fonte de alimentación, con toda a súa biodiversidade, por enfermidade e miseria para a gran maioría das persoas. Estannos a propor alegremente… traballo… traballo de enterradores… cavando a tumba dos nosos soños, dos nosos fillos, do noso pais e a nosa propia. E os que propoñen e deciden tal negocio son as mesmas elites económicas e políticas que meteron o pais na crise do ladrillo, co mesmo dogma económico, coa mesma irresponsabilidade, cegados neste caso polo cobizoso relumbrar do metal. Pero por moito que se empeñen, por moito que o repitan, a megaminería non é solución a ningún dos problemas actuais que sofre este ou calquera outro pobo.

  8. VALEIRA, BURON, BECERREA E BARALLA NON SON UNHA MINA

    Desde as Terras altas do Oriente, Valeira, Burón, Becerreá e Baralla, vales do Eu, do Neira, do Návia, defendemos o chao que sustenta as nosas vidas, no que camiñamos, no que cultivamos, no que pasce noso gado, no que medran as nosas fragas, no que se refuxían animais e florescen as urces. Non aceitaremos a barbárie do seu esfolamento, a samesuga de ferro que quer extirpar as entrañas da nosa terra.
    Resistiremos! Non pasarán!

  9. SANTA COMBA, ZÁS E MAZARICOS NON SON UNHA MEGAMINA

    Eliximos o agro e a gandería para vivir deles e a minaría a ceo aberto é totalmente incompatible coas nosas actividades,

    Nin as explosións, nin as emisións de po, nin a contaminación da auga e o solo poden ser compatibles coa crianza de animais e o cultivo dos vexetais que alimentan a todos.

    Non pode ser compatible coa saúde das persoas.

    Queremos que a nosa arsenopirita que acompaña ao ouro permaneza enterrada, afastada de onde poda facer mal, de onde esteamos nós.

    O ouro que queren extraer non é para nós, é para eses canadenses.

    O que si é valioso para nós é o alimento que inxerimos, que sexa de calidade, que sexa saudable. A capacidade de producirlo xera na comarca miles de postos de traballo directos e indirectos de carácter permanente.

    Imos cambiar estes recursos, que fixan poboación e manteñen viva a nosa terra por uns recursos a curto prazo que provocan despoboamento e nos envelenan?

    Non queremos cianuro, non queremos arsénico, queremos poder vivir tranquilos sen que veñan a modificar as nosas vidas. Se quixésemos vivir de outro xeito, o decidiríamos nós e non os gobernantes nin os estranxeiros, por iso nós dicimos ben alto: Non

  10. TAPIA DE CASARIEGO EN EL OCCIDENTE DE ASTURIAS NO ES UNA MINA / O OCCIDENTE ASTURIANO NON É UNHA MINA MINA

    ORO NO rechaza os proxetos de megaminaría que ameazan os nosos modos de vida, a nosa economía, o noso medioambiente, e en definitiva, o noso presente e futuro, e o dos nosos fillos. A megaminaría de ouro supoi a destrucción de todo isto. Queremos continuar vivendo da pesca, da gandeiría e o turismo, á vez que conservamos o noso patrimonio natural e paisaxísttico.

  11. TRIACASTELA NON É UNHA MINA

    Estamos cansos de ilegalidades e caciquismos, de roubos e mentiras, de que sempre nos traten de parvos. TEMOS DIGNIDADE!

    Estamos cansos de que nos dividam e manipulen utilizando o emprego duns poucos como moeda de cambio, e desa ruina que é o pan para hoxe e fame pra mañá. TEMOS FUTURO!

    Estamos cansos de que nos quiten as terras e a auga, de que destruan a agricultura e as nosas economías locais, de que destruan o noso patrimonio arqueolóxico e natural. TEMOS ALTERNATIVAS!

    Non queremos vivir ao pé dun buraco que medra e medra destruindo o noso medio de vida, o fértil solo agrícola fruto do trabalho dos nosos antepasados, nen os nosos lugares da infancia. Non queremos estar sempre en pé de guerra baixo dunha ameaza constante. Non queremos que destruan as nosas aldeas nen as nosas vidas e nos obriguen a emigrar. QUEREMOS VIVIR AQUI E QUEREMOS VIVIR TRANQUILOS!

    Non mais buracos!
    Non mais terras e montes comunais roubados!
    Non mais camiños e rios cortados!
    Non mais explosivos danando as nosas casas!
    Non mais expropiacions!
    Non mais lucros duns poucos a conta de todos!

    Veciños de Cancelo, O Castiñeiro, A Lagua, O Teixo, Vilar e Vilavella, TODOS EN PÉ!
    Galegos e persoas de bem de todo o mundo, ERGAMOS E PAREMOS ESTA DESFEITA!

    Aqui estamos e aqui berramos hoxe, A NOSA TERRA É NOSA!, O FUTURO É NOSO!


A terra é nosa!

As nosas riquezas que nos queren roubar non cotizarán na bolsa de Toronto, nin servirán aos intereses e fins especulativos das empresas multinacionais.

A todas elas diremos: Galiza non é unha mina, así que fóra de aquí! E por se non nos entenden probaremos con frack off e go home!

Galiza non é unha mina, volvemos dicir hoxe en Compostela ao goberno da Xunta.

A mina ou nós!

Porque non permitiremos que dinamiten o noso territorio.
Non nos deixaremos explotar,
nin que minen a nosa saúde,
nin consentiremos
que os traballos que nos dan de comer
voen polo aire,
nin toleraremos que enterren o futuro das xeracións vindeiras,
nin que desapareza o legado dos nosos ancestros:
o noso patrimonio, que é a nosa memoria.

Galiza non é unha mina!
Que non nos toquen o mercurio,
Nin nos remexan o wolframio,
Nin nos esquilmen o estaño,
Que non acaben co granito,
Nin nos desarmen o xisto.
Que o arsénico, o chumbo e o ouro
descansen en paz,
alá onde están, onde deben estar,
na rocha e baixo terra.

A natureza e a auga son as nosas primeiras fontes de riqueza e sustento. Sen elas non somos nada. Elas serán as primeiras víctimas colaterais desta invasión mineira. En dez, en quince anos, trala contenda, Galicia será só un campo minado, unha sombra do que foi, unha triste paisaxe devastada.

A natureza e a auga son hoxe a nosa máis grande canteira, o noso máis prezado tesouro, un tesouro colectivo, de todos nós, que vimos aproveitando desde tempos inmemoriais e que agora pretenden destruír para sempre.

Xentes de ouro de lei
aquí reunidas,
dignidades aquilatadas,
que nos estades escoitando,
habitantes das terras raras,
herdanza de Breogán:
defendede a terra,

defendede a vida,

Galiza non é unha mina!

Grazas!

“O prioritario agora é deter a mina de Corcoesto”

(Artigo publicado en Praza Pública.)

A recentemente creada Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza era máis necesaria que nunca. Así o cren os seus promotores, que conformaron xa o colectivo ContraMINAcción pola necesidade de dar “unha resposta global” a un problema “que tamén se converteu en global” para todo o país.

“O que antes eran proxectos illados e cinguidos a unhas determinadas comarcas, acabáronse por converter nunha problemática global para toda Galicia porque non fan máis que xurdir proxectos de investigación mineira por todas as zonas”, explica Margarida Prieto, representante do SLG na plataforma creada en Vilalba contra a mina e voceira desta nova Rede, que está aberta a todas as agrupacións que queiran participar” e “ás persoas que a título individual poidan achegar algo”, pero excluíndo “os partidos políticos”.

Son todos os que están, pero non están todos os que son. No entanto, desde ContraMINAcción xa agardan a entrada de novos colectivos e persoas a título individual co paso dos días. “En moitos casos hai plataformas que aínda non están formalmente unidas á Rede porque deben debatelo en asemblea e acordalo”, conta.

O colectivo galego nace logo de que a súa creación fose un dos obxectivos marcados tras o encontro galego sobre a minería celebrado o pasado 16 de febreiro en Teo. Aquel foi o xermolo cunha Rede que xa prepara unha gran manifestación nacional para o 2 de xuño en Compostela pero que, sobre todo, pretende que “os diferentes grupos que loitan contra diferentes proxectos mineiros se axuden mutuamente e se coordinen”. “As prácticas que se aplican nuns lugares poden ser moi útiles noutros e ese debe ser o espírito”, continúa Prieto, que aclara que “non é o mesmo” explicarlle á sociedade o que supón un proxecto mineiro concreto nunha comarca que “trasladarlles a problemática global dun país que sofre as mesmas ameazas de norte a sur”.

“O proxecto da Xunta é levantar o país enteiro e facelo unha mina”, engade Margarida Prieto, que recoñece que “a prioridade” da Rede agora é deter o proxecto da mina a ceo aberto de Corcoesto. “Iso é o máis importante agora porque se sae adiante, a Xunta entraría a saco noutras zonas”, explica, aínda que recoñece que o diálogo co Executivo galego non está aínda previsto vistas as decisións tomadas ultimamente neste ámbito.

“Centrámonos en Corcoesto porque a aprobación dese proxecto como estratéxico sería un precedente moi perigoso para todo o país; se esta mina con tan pouco sentido é aceptada polo Goberno galego, calquera infraestrutura posterior sería declarada estratéxica”, advirte, antes de preguntarse “por que se considera estratéxica” unha iniciativa empresarial tan polémica como a de Bergantiños “e non o comer”. “Acaso non é estratéxico comer e asegurar o abastecemento da poboación e a súa alimentación”, remata, logo de aclarar que “para nada se descoidan” outros casos. De feito, xa son varias as alegacións presentadas por numerosos colectivos ante os proxectos de investigación que se levan en diferentes comarcas.

Para empezar, e xa nos vindeiros días, ContraMINAcción prevé a organización de xornadas informativas en Vigo e Ourense, nas que participarán activistas, xuristas, persoal técnico e economistas, así como encontros nas “zonas ameazadas” para difundir “os valores naturais, sociais e económicos do lugar e a importancia de conservar o que hai neses lugares”.

Crónica do Encontro sobre os impactos da minaría en Galiza

Colectivos e organizacións sociais sentan as bases para crear un movemento de oposición á minaría salvaxe na Galiza

As diversas organizacións e colectivos que participaron no primeiro Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría, que se celebrou o sabado 16 de febreiro en Teo, remataron a xornada co compromiso de crear unha rede de traballo de cara a constituír un movemento global de oposición á minaría salvaxe na Galiza.

Imaxe do encontro sobre o impacto da minaría en Galiza (Teo, 16/02/2013)Antes de acadar este compromiso, abordouse a problemática dos impactos da minaría dende diversos puntos de vista: xurídico, ecoloxista, xeolóxico, técnico, económico e agrario. A encargada de abrir a xornada foi a profesora da Universidade de Santiago, Alba Nogueira, que centrou a súa intervención en explicar as leis que avalan as explotacións mineiras en Galiza e o xeito de utilizar a lexislación para recorrer as concesións e licencias. Alba Nogueira afirmou a necesidade de forzar á Xunta a utilizar todas as ferramentas legais das que dispón —informes de impacto ambiental ou declaracións de proxecto industrial estratéxico— para impedir proxectos mineiros que poñan en perigo o medio ambiente, o territorio ou o tecido socio-económico dos eidos onde se desenvolven.

A seguinte mesa de relatores centrou a súa intervención no impacto da minaría no medio ambiente. O biólogo Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, achegou cifras interesantes que demostran que se está arrasando o noso país con explotacións mineiras a ceo aberto pola permisividade política que existe cara a este tipo de actividades extractivas. Non en van, en Galiza extráese o 50% da lousa para tellados do mundo. O presidente do Instituto Universitario de Xeoloxía, Xoán Ramón Vidal Romaní, recordou que a lousa tamén se extrae en países veciños, como Francia, onde non se fai a ceo aberto como na Galiza, senón a través de minaría subterránea, con moito menos impacto no entorno. Por iso, Vidal Romaní preguntouse se realmente é necesario que produzamos a metade da lousa mundial a costa da devastación que isto supón.

Para xustificar esta sobreexplotación de efectos ecolóxicos e paisaxísticos irreversibles, Serafín González explicou que a Cámara Mineira de Galicia e a Xunta ampáranse en datos contraditorios sobre a xeración de emprego e riqueza: mentres que a primeira afirma que a minaría na Galiza mantén 10.000 postos de traballo, a segunda cifra estes en 7.000. Ambas menten interesadamente, tal e como revelou o profesor de Economía da Universidade de Santiago, Xoán Doldán, pois os datos do Instituto Galego de Estatística ao respecto revelan que, en 2010, en Galiza había 4.549 postos de traballo relacionados coa minaría, os cales descenderon aínda máis nos últimos anos debido ao declive do sector da construción.

Doldán sinalou que a actividade mineira só rexistra os beneficios directos obtidos da súa actividade, pero na súa contabilidade non computan os custes sociais e ambientais nin a curto nin a longo prazo, gastos que sempre acaba pagando o erario público e sufrindo as persoas que viven no radio de influencia das minas. Tampouco computan as subvencións públicas millonarias que levan estas empresas, algo ao que se opuxo rotundamente Xoán Ramón Vidal Romaní, que afirmou que “deben ser as empresas mineiras as que xeren riqueza para Galiza coa súa actividade, e non Galiza a que xere riqueza para estas empresas”.

Imaxe do encontro sobre o impacto da minaría en Galiza (Teo, 16/02/2013)O proxecto mineiro para extraer ouro en Corcoesto ocupou un bo anaco da atención dos participantes. Mentres que Serafín González achegou datos sobre a contaminación que xeraría, o enxeñeiro de minas Emilio Menéndez advertiu que se trata dunha explotación a moi curto prazo e puramente especulativa, pois só é rendible neste intre polo pico acadado polo prezo do ouro. Neste senso, Menéndez lembrou que mentres que o ouro se cotiza agora a 1.690 $ a onza, en 2000 o seu prezo era de 250 $. Cando a crise económica comece a remitir, o prezo do ouro baixará e deixará de ser rendible a extracción en Corcoesto, polo que a súa permanencia de seguro que será inferior aos dez anos que promete a empresa explotadora, Edgewater Exploration. Fronte a este tipo de minería especulativa e a curto prazo que extrae minerais e metais innecesarios; Menéndez avogou por unha minaría sostible no tempo, respectuosa co entorno, xeradora de riqueza a longo prazo e baseada na utilidade e necesidade das súas extraccións. Lonxe disto, o proxecto para Corcoesto prevé destruír o 50% do territorio da parroquia, imposibilitando a explotación forestal e agraria que se vén facendo agora nesas terras e a escasos metros de vivendas habitadas que pasarán a ser inhabitables.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, pechou as intervencións advertindo do impacto irreversible sobre os sectores agrogandeiros, e denunciou a “cultura colonial” que leva aos nosos gobernos a fomentar unha actividade económica a curto prazo e con data de caducidade que só beneficia o lucro dunha empresa privada e xera unhas ducias de empregos temporais; fronte a outra permanente, que mantén vivo o medio rural e da que depende totalmente o territorio agredido porque mantén miles de postos de traballo e supón o medio de vida de miles de familias. Vilalba concretou a conivencia do poder político coas empresas mineiras sacando a colación a Lei do Solo, do ano 2010, que autorizou as actividades extractivas en solo de especial protección agropecuaria, até entón prohibidas.

Sen dúbida, o primeiro Encontro Galego sobre o Impacto da Minaría deixou ben claro que Galiza se enfronta a unha problemática que se dá ao longo de todo o seu territorio e, dun xeito ou outro, afecta a toda a cidadanía ameazando amplos espazos e sectores socio-económicos. De aí o compromiso das organizacións e colectivos participantes de callar un movemento amplo e global que responda a esta problemática de xeito integral. Por iso, na vindeira semana seguirán producíndose encontros para concretar e facer realidade esta iniciativa.

Difundiron o encontro:

Información sobre os conflitos coa minaría en Galiza

Hoxe vimos de publicar a primeira versión dunha páxina fixa deste blog que pretende dar información de contexto mediante ligazóns a artigos, noticias, vídeos e outros documentos acerca dos diversos conflitos relacionados con minas na Galiza.

Se ti coñeces máis información de interese dispoñible en Internet envíanola a esa mesma páxina en forma de comentario. Grazas!

Programa do I «Encontro galego sobre o impacto da minaría»

Organizado por diversos colectivos ecoloxistas, agrarios e de oposición ás minas terá lugar o sábado 16 de febreiro o primeiro Encontro Galego sobre os Impactos da Minaría.

O obxectivo desta xornada é compartir distintas visións ao redor dunha problemática que está a medrar de xeito exponencial na Galiza nos últimos anos: a concesión de licencias para a explotación mineira de terras, prevalecendo os intereses empresariais duns poucos, a costa dun impacto irreparable nos usos de eidos (forestais, agrícolas, sociais, medioambientais, infraestruturas…) que afecta a miles de persoas. De Bergantiños á Limia, da Terra Chá ao Xallas, a ameaza das minas afecta cada vez a máis bisbarras galegas, polo que urxe unha resposta unitaria e coherente para facerlle fronte que se tentará definir neste encontro.

Programa

  • 09:00 – 10:00h: “A compatibilidade ou prevalencia de usos e os dereitos mineiros”
    Alba Nogueira. USC.
  • 10:00 – 11:45h: “O Impacto da minaría no medioambiente”
    Serafín González. Sociedade Galega de Historia Natural.
    Xoán Ramón Vidal-Romaní. Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, UDC.
    Emilio Menéndez Pérez. Enxeñería de Minas.
  • 11:45 – 12:15h: Descanso de 30 minutos.
    Ás 12:00 h haberá unha rolda de prensa para os medios de comunicación que cubran o evento.
  • 12:15 – 13:30h: “O impacto da minaría no tecido socioeconómico”
    Xoán R. Doldán. USC.
    Isabel Vilalba. Sindicato Labrego Galego.
  • 13:30 – 16:00h: Xantar conxunto.
  • 16:00 – 19:00h: Dinámica de intercambio de experiencias entre colectivos.
  • 19:30 – 21:00h: Proposta de creación e xestión de rede de colectivos.

Data e lugar do encontro

16/02/2013. Hotel Congreso. Teo, Galiza.

Inscrición

Enche o noso formulario de inscrición.

Difusión

Podes descargar o cartaz da xornada sobre o impacto da minaría (PDF), e espallalo en Facebook, Twitter e outras redes sociais utilizando os botóns que atoparás nesta mesma páxina.

Grazas!

Imaxe de fondo do cartaz, CC by bychaa