Arquivos da etiqueta: minería

Colectivos de Galiza, España e Portugal colaboran no IV Encontro de Contraminacción para enfrontar a minaría

A Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza ContraMINAcción desenvolveu durante a xornada deste sábado, 16 de febreiro, a parte principal da programación do seu IV Encontro. Nesta ocasión, como xa temos informado, acudiron representantes de organizacións e plataformas de toda a Península Ibérica que están a enfrontar nos seus respectivos territorios a ameaza, o impacto directo ou as secuelas da actividade mineira. Precisamente, esta pluralidade de voces serviu para tirar varios denominadores comúns que se están a dar nesta loita.

En primeiro lugar, estamos a vivir a nivel global un auténtico boom da minaría, coa multiplicación exponencial de solicitudes de prospección e extracción. Só en España, hai unhas 3.600 explotacións mineiras en activo, das cales 360 están na Galiza. O incremento imparable do consumo a nivel mundial está levando a maiores demandas de recursos mineiros e ao esgotamento dos xacementos tradicionais. De feito, as empresas mineiras explotan xacementos cada vez máis dispersos e que precisan de métodos de extracción moito máis agresivos pola súa dificultade de obtención. E ás veces nin eso: fanse con concesións só para especular con elas e facer negocio revendéndoas tras obter plusvalías ou demandando a gobernos para obter compensacións económicas millonarias.

Diante desta ameaza global que acapara grandes áreas territoriais onde a minaría entra en colisión con outras actividades económicas esenciais, como as agrogandeiras, ou coa propia vida e saúde das persoas, chegamos á conclusión de que a clase política está a suspender na súa función de defender os intereses xerais da cidadanía. Diversas testemuñas explicaron que, con independencia do partido político que goberne, sexa de esquerdas ou de dereitas, os gobernos e as administracións de calquera rango case sempre se poñen da banda dos intereses das empresas mineiras.

Así as cousas, son os colectivos e plataformas sociais quen están a defender en solitario os intereses das comunidades ameazadas ou afectadas pola minaría. E fano loitando tamén contra as propias administracións, que entorpecen o seu labor con todo tipo de atrancos burocráticos, ocultan información, modifican as normativas e leis para favorecer os intereses mineiros e, decotío, miran cara a outro lado cando estas vulneran a legalidade.

De aí a importancia deste IV Encontro de ContraMINAcción, pois agardamos que esta primeira toma de contacto entre colectivos contra a minaría de Galiza, España e Portugal poida servir para establecer lazos de colaboración que mellore a nosa capacidade para plantarlle cara a unha actividade industrial absolutamente insostible, que arrasa os territorios que explota deixándoos inservibles para calquera outra actividade e que, invariablemente, nunca se fai responsable do dano causado nin restaura a destrución que deixa ao seu paso.

Os colectivos invitados ao IV Encontro son:

Asociación de afectados por metales pesados (Cartagena), Coordinadora No a la Mina de Uranio (Salamanca), La Raya sin Minas (Valencia de Alcántara, Cáceres), No a la Mina en el Valle del Corneja (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Ávila (Ávila), No a la Mina en la Sierra de Yemas (Ávila), No en mi Tierra (Zamora), Oro No (Asturias), Plataforma Ciudadana Sierra de Morón (Sevilla), Plataforma Sierra de Gata Viva (Cáceres), Salvemos la Montaña (Cáceres), Salvemos las Villuercas (Cáceres) e Unidos em Defesa de Covas do Barroso UDCB (Portugal).

A minería irresponsable do Monte Neme continúa a dar problemas

Augas de Galicia propón sancionar a Leitosa, S.A.U por vertidos non autorizados ao dominio público hidráulico

A empresa, xa disolta no seu día por un xuíz, non se dá por notificada e Augas de Galicia emprázaa por un edito público a través do DOG e do BOE

O DOG de hoxe publica a proposta de resolución ditada no expediente sancionador en materia de verteduras de augas residuais coa clave DH.D15.62226.

Con data do 24 de setembro de 2018 ditouse proposta de resolución no expediente sancionador seguido por Augas de Galicia e iniciado o 14 de maio deste ano, contra Leitosa, S.A.U. (termos municipais de Carballo e Malpica de Bergantiños) pola comisión dunha infracción de carácter leve en materia de verteduras de augas residuais, tipificada no artigo 85.e) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Leitosa, S.A.U. estaría a ser sancionada polos vertidos que puideran alterar a calidade da auga ou as condicións ambientais ou hidráulicas do medio receptor, efectuados sen contar coa autorización de vertido correspondente.

Intentada a notificación da dita proposta de resolución por correo certificado con aviso de recepción no domicilio que obraba no expediente administrativo, esta resolutou ser infrutuosa, polo que Augas de Galicia notifica a través dun anuncio no DOG e no BOE, por un prazo de quince (15) días, contado a partir do día seguinte ao desta publicación no Boletín Oficial del Estado, para os efectos de que Leitosa compareza ante Augas de Galicia.

Sen embargo, todo parece indicar que Augas de Galicia está a comunicarse con unha empresa que non existe, porque xa fora disolta no seu día por un xuiz que ordeara a disolución de Leitosa, a empresa que recibira 600.000 euros en axudas públicas e que tras declararse a súa insolvencia, non houbera bens para cubrir as débedas cos acreedores.

O xuíz xa ditaminara no seu momento a disolución da concesionaria do Monte Neme. A empresa vencellada á familia Cotino do Partido Popular de Valencia (coñecido pola famosa trama Gúrtel), non tiña bens para afrontar as débedas contraídas cos acreedores.

A data da resolución xudicial do Xulgado do Mercantil de Valencia foi do día 9/07/2015. O auto concluía o concurso por inexistencia de bens, extinguía a sociedade e cerraba a súa folla de inscrición no Rexistro Mercantil.

No ano 2014, unha balsa mineira do Monte Neme fendía e provocaba o vertido de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos mineiros. Aqueles danos foran valorados preto de 1,5 millóns, e dos que ao parecer non se recuperou nada, nen se vai a recuperar ao disolverse xa a empresa concesionaria.

O que debe facer a Xunta de Galicia é asumir a execución subsidiaria da restauración mineira do Monte Neme e deixar de perseguir panaceas e empresas que xa non existen. Agora tócalle á Xunta asumir a súas responsabilidades dunha vez por todas.

https://galicia.economiadigital.es/directivos-y-empresas/el-juez-ordena-disolver-leitosa-la-minera-del-monte-neme-que-recibio-600-000-euros-en-ayudas_366598_102.html#

http://www.infocif.es/empresa/leitosa-sa

 

Fonte: https://valfluvialdolouridocorcoesto.com

Opositores á mina din que Atalaya ‘non ten licenza social’

“A nosa oposición a mina de Touro consiste en defender un modo de vida, un tipo diferente de industria para Galicia”, di Luis Gallardo.

Luis viaxou a Londres para asistir a xunta anual de accionistas de Atalaya o 27 de xuño. A empresa está listada no mercado alternativo de valores (AIM) do Reino Unido, así como na bolsa de Toronto (TSX).

Luis nunca foi a unha xunta de accionistas de unha empresa mineira, pero este ano e diferente.

As portas da xunta de accionistas de Atalaya Mining en Londres

Atalaya ten plans de abrir unha mina de cobre a ceo aberto en Touro, cerca de Santiago de Compostela. A empresa di que conta co apoio do goberno galego e das comunidades locais.

Pero os opositores á mina négano. Sinalan especialmente os recentes informes sectoriais que resaltan os impactos negativos do proxecto mineiro no auga, a terra, o medio ambiente, a saúde e a economía local, ademais da deficiente avaliación dos riscos.

O 10 de xuño, máis de 50.000 persoas manifestáronse contra o proxecto da mina de touro en Santiago. Políticos de todas as cores uníronse á protesta, tamén algúns alcaldes do PP.

“A xente non vai permitir que o proxecto siga adiante”, di Luis, que fala en representación da Plataforma Mina Touro O Pino NON.

“Vimos á Xunta de Accionistas como parte das nosas actividades para parar a mina. Queremos asegurarnos de que os investidores de Londres entendan que é un proxecto imposible e que Atalaya está a mentir con respecto ao goberno galego, a sociedade e a propia empresa. Estamos aquí para explicar a verdade sobre o proxecto: e defectuoso, tecnicamente malo, prexudicial para o medio ambiente, non é viable, non é benvido e non se aprobará”.

A Plataforma Touro O Pino Non formouse segundo comezou a resistencia ao proxecto dende agosto 2017, co apoio inicial de ContraMINAcción – a rede contra a minaría destrutiva na Galiza.

As súas preocupacións inclúen a contaminación, o ruído e pó das explosións previstas, a contaminación e mingua de auga, e os roubos de terras. O proxecto ten previsto utilizar dez toneladas de explosivos por día; as persoas que viven do turismo en torno ao Camiño de Santiago pregúntanse que sería dos miles de turistas que atrae o camiño cada ano.

Esta parte de Galicia xa é próspera. A economía da área afectada baséase na agricultura e gandería, e tamén a pesca se atopa entre as actividades afectadas.

“Os cursos de auga das vilas circundantes xa están contaminadas pola antiga mina de cobre. Unha nova mina pon en perigo todas as industrias”.

Catrocentos postos de traballo non compensan os 60.000 a máis longo prazo ameazados. Os métodos da minaría do século XXI son incompatíbeis ca industria local.

Os plans de Atalaya son adquirir o 80 por cento do proxecto Touro en fase de permisos, estando o outro 20 por cento en mans da empresa local Explotacións Gallegas. Anque o proxecto localízase parcialmente nunha antiga mina, a intención e expandilo das 700 hectáreas iniciais ata 1.827 hectáreas ocupadas por terras agrícolas e forestais. A empresa pretende operar a mina durante 24 horas o día durante 15 anos.

Ao preguntar a Luis que pode facerse dende o Reino Unido e Europa para solidarizarse cas comunidades afectadas, di que os impactos do proxecto non son só locais, senón tamén rexionais e globais.

“A nosa forza está a crecer, cada día temos máis apoios de cidadáns preocupados e organizacións de dentro e fóra de Galicia. Estamos a conectar con outra xente afectada pola minaría en todo o mundo”.

Calquera persoa interesada pode participar na organización de actividades e difundindo estas cuestións por tódolos medios posibles. Estades invitados a coñecer Galicia, a nosas comunidades, o proxecto e os seus impactos nas nosas vidas, e a solidarizarvos coa nosa loita”.

Luis Gallardo estará na Xunta de Accionistas de Atalaya en Londres o 27 de xuño, representando a Plataforma Mina Touro O Pino Non xunto con Elena Solis, avogada ambiental de Ecoloxistas en Acción.

Máis info no comunicado de prensa conxunto ou sigue @minatouropinono e @mineriagalicia

Ligazón
Artigo do activista da nosa Rede Roberto Roget, publicado no Sermos Galiza.

A palabra castelá “chiringuito” significa pequeno establecemento, máis ou menos provisional, cuxo fin é facer un negocio. Adoita empregarse este termo na política española con semellante significado, para subtraer diñeiro público. O exemplo sangrante máis recente na Galiza é o chiringuito leiteiro promovido pola Xunta, co nome de Alimentos Lácteos e dirixido por “persoal amigo”, e que actualmente se encontra en concurso de acredores: durou 3 anos, recibiu 9 millóns de euros en axudas públicas e acumulou 16 millóns de euros en débedas. Pois ben, debullaranse aquí datos que sustentan a sospeita da existencia dun novo chiringuito promovido pola Xunta, o chiringuito mineiro.

(Seguir lendo)

Información sobre os conflitos coa minaría en Galiza

Hoxe vimos de publicar a primeira versión dunha páxina fixa deste blog que pretende dar información de contexto mediante ligazóns a artigos, noticias, vídeos e outros documentos acerca dos diversos conflitos relacionados con minas na Galiza.

Se ti coñeces máis información de interese dispoñible en Internet envíanola a esa mesma páxina en forma de comentario. Grazas!