Arquivos da etiqueta: Petón do Lobo

Colectivos de ContraMINAcción recorren a licenza outorgada a Cementos COSMOS.

Dous colectivos integrados en ContraMINAcción presentaron xa cadanseu recurso de reposición contra a licenza concedida polo Concello, solicitando a súa suspensión inmediata. Nos vindeiros días presentaranse novos recursos por parte de outros colectivos da nosa Rede.

Nos recursos, presentados polos colectivos Cova Crea e Petón do Lobo, exíxese a suspensión inmediata da licenza concedida á empresa Cementos Cosmos, así como a revisión da mesma, por entender que reviste o carácter de acto administrativo nulo de pleno dereito.
Desde os colectivos alegantes explican que o recoñecemento administrativo por parte da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, limítase ao proxecto de explotación e plan de restauración vixente a 1 de xaneiro de 2003, non podendo ser obxecto de recoñecemento administrativo as ampliacións ou modificacións posteriores a esa data.

Aldea de Castiñeiro, en Triacastela

Aldea de Castiñeiro, en Triacastela

Ao tratarse dun proxecto diferente do anteriormente aprobado (distinto nome, distintas concesións, maior envergadura, maiores impactos e incluso distinto tipo de recursos a explotar), precisaría, para ser levado a cabo conforme a lexislación vixente, da correspondente avaliación ambiental, así como da análise dos impactos directos e indirectos da actividade na área na que se desenvolve. Así pois, non se trata dunha simple regularización dunha actividade extractiva xa existente.

Desde ContraMINAcción queremos recordar á opinión pública que a explotación en cuestión atópase enriba da Cova de Eirós, onde se fixeron importantísimos achádegos arqueolóxicos, sendo considerada unha auténtica xoia da arte rupestre, ata o punto de ser bautizada como a “Atapuerca galega”.

As actividades mineiras danan gravemente este xacemento arqueolóxico, producindo filtracións de auga que danan as pinturas, así como as voaduras e detonacións no seu entorno inmediato, como o propio departamento de Patrimonio Cultural recoñece, a pesar de informar favoravelmente permitindo detonacións a só 50 metros da Cova de Eirós.

Tamén é necesario lembrar que esta mina se encontra sobre o leito fluvial do rio de Teixido, en Rede Natura nun ámbito con varias ducias de especies protexidas, no ámbito de protección do Camiño de Santiago, e afecta cinco aldeas e as vías de comunicación entre elas. A pesar diso, foi outorgada unha licenza sen avaliación dos impactos dun xeito totalmente irregular no procedemento e contra o máis elemental senso común.

Os colectivos Cova Crea e Petón do Lobo, ademais da nulidade da licenza, solicitan como medida preventiva, dada a importancia histórica desta parte do noso patrimonio, a paralización inmediata da explotación e a suspensión da autorización para o exercicio da actividade.

Outros colectivos integrados na rede ContraMINAcción preparan novos recursos de reposición que irán presentando nos vindeiros días.