Arquivos da etiqueta: pp

Encontros da nosa Rede con PP, BNG e AGE

A plataforma contraMINAcción continuou antonte, 29 de novembro, a súa rolda de contactos cos partidos políticos de maior representación na Galiza co obxectivo de trasladarlles unha táboa reivindicativa (achégase xunto a este comunicado) con 13 medidas para poñer a salvo o noso territorio da depredación destrutora e lucrativa da minaría salvaxe. Tras facelo a semana pasada co PsdG e CxG, desta vez as xuntanzas foron co Partido Popular (PP), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Alternativa Galega de Esquerdas (AGE). Nesta ocasión, representaron a ContraMINAcción Isabel Vilalba Seivane e Margarida Prieto Ledo (Sindicato Labrego Galego), Paco García Trigo (Plataforma en defensa de Corcoesto), Marcos Celeiro (O Iribio), María Díaz (Plataforma Veciñal Corno do Monte) e Xoán Doldán (Véspera de Nada).

A primeira das xuntanzas tivo lugar no Parlamento de Galicia cos deputados do PP, Miguel Tellado e Aurelio Núñez, que escoitaron as propostas de ContraMINAcción e se comprometeron a trasladarllas ao seu grupo parlamentario e aos responsables no goberno da Xunta en áreas como Medio Ambiente ou Industria. En concreto, compartimos cos deputados populares a nosa fonda preocupación diante de accións políticas da Xunta encamiñadas a eliminar os obstáculos legais que existen para impedir que as empresas mineiras saqueen o noso territorio ao seu antollo: o borrador do Plan Sectorial de Actividades Extractivas ou a modificación que se quere levar a cabo da Lei do Solo apuntan nesa dirección, deixando indefensos o solo de especial protección agropecuaria, os espazos de interese natural ou os recursos hídricos, diante de actividades destrutoras e especulativas a curto prazo como a minaría.

A primeira das xuntanzas do venres foi co PP

A primeira das xuntanzas do venres foi co PP

Outro dos impactos denunciados ten que ver coa inexistencia de leis que obriguen ás empresas mineiras a reparar toda a desfeita que deixan tras súa. Tristemente, na Galiza xa temos sufrido en demasiadas ocasións actividades mineiras que, ao rematar, deixan grandes áreas erosionadas nas que desapareceu o solo; fontes, mananciais e ríos extinguidos; perda de postos de traballo e desaparición de actividades económicas ligadas ao territorio agredido; ou balsas de lodos tóxicos e contaminación permanente da terra e da auga. Trátase de danos irreparables ou cuxa rexeneración esixe un altísimo custe que sempre acaba pagando a cidadanía. Precisamente, os 13 puntos da táboa reivindicativa de ContraMINAcción abordan todas as problemáticas devanditas.

No encontro co Bloque Nacionalista Galego (BNG) -representado por Xavier Vence, Ana Pontón e Saleta Chao- analizouse a proposta que presentaron no Parlamento de Galicia, esta mesma semana, para prohibir o uso de cianuro en explotacións mineiras, e que foi rexeitada pola maioría do PP.

Pola súa banda, representaron a Alternativa Galega de Esquerdas (AGE): Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez García e Manuel Santos. Con eles, coincidimos na preocupación pola perda de superficie agraria útil que está a sufrir Galiza por mor do acaparamento de terras a mans de empresas que operan a curto prazo e que, como as mineiras, non teñen nada que ver nin co medio rural, nin coa produción de alimentos, deixando o territorio que explotan desfeito e inservible para calquera outro uso. Neste senso, analizáronse datos como o feito de que Galiza estea a gastar cada ano máis de 900 millóns de euros en importar alimentos, mentres o meirande das súas explotacións agrogandeiras teñen serios problemas para acceder a máis base territorial para poder producir.

Encontro cos representantes de AGE

Momento do encontro cos representantes de AGE

Tanto BNG como AGE, do mesmo xeito que a semana pasada CxG, comprometéronse a defender a táboa reivindicativa presentada por ContraMINAcción e a difundila entre a cidadanía. Trátase de xuntar os esforzos dos colectivos sociais e dos partidos políticos de cara a que a xente estea informada e saiba até onde pode chegar o impacto da minaría salvaxe e como pode afectar e causar danos irreversibles ao seu medio de vida e ao lugar onde habita.

Dende ContraMINAcción agardamos que esta información sexa do voso interese, e pedímosvos que lle deades a máxima difusión posible nos medios de comunicación cos que traballades.

Estamos todos e todas no mesmo barco e de todos e todas é a terra que está ameazada.

O concello de Compostela quere silenciar os milleiros de voces contra a minaría

O concello de Santiago de Compostela, a través do seu Concelleiro delegado Juan de la Fuente Fuentes comunicou a ContraMINAcción a denegación de enganche ao servizo eléctrico do Concello para o acto final da manifestación deste domingo na Quintana sen máis explicación que o que segue:

“En virtude do Decreto de Alcaldía de 26 de febreiro de 2013, relativo ao nomeamento de delegados de Alcaldía polo que se delegan no Concelleiro que subscribe as competencias de alumeado público, entre outras, é polo que vista a solicitude de D.[…] de enganche ao servizo de alumeado público en relación coa manifestación prevista para o vindeiro domingo, 2 de xuño con comenzo ás 12:00 h. na Alameda e remate na Praza da Quintana ás 14:00, comunícase a denegación da conexión a este servizo público”

A manifestación xa fora comunicada en tempo e forma o pasado día 13 de maio por ContraMINAcción, e a solicitude de enganche á enerxía eléctrica, que parecía un mero trámite administrativo, fíxose o día 22. Mais aínda recebemos esta resposta só onte (día 30 de maio), cando xa tiñamos todo organizado.

Sen dúbida ao concello do PP non lle gusta que lle gusta que protestemos contra as políticas do seu partido que promoven unha minaría destrutiva e altamente contaminante, mais podedes estar segur@s de que non van calarnos. Polo contrario o domingo imos berrar con moita máis forza “GALIZA NON É UNHA MINA!”

Cartaz manifestación Galiza non é unha mina. 2 de xuño de 2013. Santiago de Compostela