No acto alertouse sobre os impactos negativos dos proxectos mineiros nas comarcas do Deza, Tabeirós-Terra de Montes e O Carballiño
A charla, titulada “A mina de Presqueiras, Xirarga e Rubillón: Prexuízo ou beneficio?”, tivo lugar na casa do pobo de Guisande, en San Miguel de Presqueiras,
Este acto informativo correu a cargo de Margarida Prieto Ledo, coordinadora da loita contra as minas no Sindicato Labrego Galego, e representante do mesmo en ContraMINAcción; Xoán Doldán, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España (EcoEcoEs), e representante de Véspera de Nada na nosa Rede; Roberto Jorge Correa, presidente da Comunidade de Montes de San Miguel de Presqueiras; e Víctor Manuel Gil Ramos, secretario da Comunidade de Montes de Xirarga.
Marga Prieto centrouse nos impactos da megaminaría nas actividades agrogandeiras e forestais; e Xoán Doldán, nas características depredadoras da megaminaría e do carácter especulativo das empresas multinacionais que a impulsan. Roberto Jorge Correa, pola súa parte, falou dos proxectos que teñen para a parroquia, das xuntanzas que tiveron coa empresa Solid Mines e dalgúns detalles do anteproxecto que esta lles acaba de presentar. Víctor Manuel Gil expuxo a preocupación que existe na veciñanza cos previsibles impactos da mina en proxecto e a desconfianza respecto do pouco que reverterá na economía da zona.
Despois destas intervencións, houbo un coloquio de máis de unha hora, onde veciños e veciñas deron conta das súas moitas inquedanzas. Un dos temores máis grandes da veciñanza afectada ten que ver co impacto que tería a actividade mineira sobre os recursos hídricos da zona, xa que as minas precisan utilizar cantidades inxentes de auga. Ademais, o impacto que tería a utilización de maquinaria pesada e a utilización de explosivos contribuiría a aumentar os efectos negativos da explotación mineira. Preocupa tamén a incerteza das compensacións, así como a necesidade de que exista unha comisión de seguimento integrada polo conxunto de persoas afectadas, que estea vixiante e trate coa empresa todas as posibles actuacións con capacidade de veto sobre as mesmas.
Na actualidade están solicitados permisos de investigación para 5 proxectos mineiros nesta zona que afectarían a un total de 11.590 hectáreas. O maior destes proxectos é o Vilatuxe 3.129, solicitado en 2011 e pendente de resolución, que afecta a 7.650 hectáreas dos concellos de Forcarei, Silleda e Lalín. Ademais, tamén afectan a Forcarei, Cerdedo, Beariz, A Lama e Avión os proxectos Alberta 1 e 2, que abranguen en conxunto 6.491 hectáreas.
Coma sempre, as empresas interesadas en explotar estes xacementos son estranxeiras. No caso do proxecto Alberta, trátase de Solid Mines, filial española da compañía canadense de con sede en Vancouver, Solid Resources LTD, que quere explotar minerais como tantalio, estaño ou litio nunha área de 11 quilómetros entre os núcleos de Presqueiras, Correa, Doade, Coto-Tocaio, Acebedo, Rubillón e Taboazas (Forcarei, Beariz e Avión), nunha zona que se inclúe na Rede Natura 2000.