Arquivos da etiqueta: San Rafael

ContraMINAcción súmase ás 54 organizacións guatemaltecas e internacionais que rexeitan a intervención dos EEUU no caso mineira de Guatemala

 54 organizacións de Guatemala, América Latina, Estados Unidos, Canadá e Europa entregaron unha carta ao embaixador dos EEUU en Guatemala, Luis Arreaga. As organizacións expresaron a súa preocupación diante da intervención do goberno dos EEUU acerca do caso en contra da mina de prata de Tahoe Resources, un proxecto asociado con numerosas e ben documentadas violacións de dereitos humanos. Actualmente, as operacións mineiras están suspendidas mentres a Corte de Constitucionalidade guatemalteca emite unha resolución definitiva que poida rematar no peche permanente da mina por discriminación contra o pobo indíxena Xinca e pola falta de consulta previa.

O 21 de maio, a embaixada dos EEUU publicou un comunicado de prensa que instaba a Corte a emitir unha resolución final, facendo referencia á importancia do Organismo Xudicial para crear un clima de inversión estable para explotar os abundantes recursos naturais de Guatemala. Dada a contundente oposición á minería en todo o país e o patrón de conflito e violencia asociado co proxecto de Tahoe en particular, a declaración da embaixada dos EEUU é censurable.

A carta enviada polas organizacións, entre as que se encontra a rede Contraminacción, así como de xeito individual algún dos colectivos da nosa rede, é a seguinte:

 

Estimado Embaixador Arreaga,

As organizacións abaixo asinantes están profundamente preocupadas pola continua interferencia do goberno dos EEUU e as ameazas de demandas internacionais, xa que un tribunal guatemalteco suspendeu provisionalmente a mina de prata O Escobal, de Tahoe Resources no sueste de Guatemala. A mina foi suspendida por orde do tribunal desde xullo de 2017, en resposta a unha demanda presentada contra o Ministerio de Enerxía e Minas por discriminación e por non obter o consentimento previo do pobo indíxena Xinka. Un mes antes, nunha iniciativa independente liderada pola comunidade, os residentes de cinco municipalidades comezaron unha protesta pacífica no camiño que conduce á mina por preocupacións sobre os impactos ambientais e sociais do proxecto. A protesta efectivamente detivo a actividade mineira e continúa ata a data.

Desde entón, congresistas estadounidenses, representantes do Departamento de Comercio dos EEUU e a Embaixada dos EEUU en Guatemala realizaron esforzos extraordinarios para influír no resultado da demanda a favor de Tahoe Resources. En varias ocasións, os funcionarios estadounidenses reforzaron e repetiron o discurso problemático da empresa a través da comunicación directa co presidente guatemalteco, en cartas internas escritas polo congresista estadounidenses Mark Amodei e o senador estadounidense Dean Heller que a empresa fixo públicas, e nunha carta do Congreso instando o goberno a facer máis para mellorar o clima de investimento para as empresas dos EEUU.

O 21 de maio de 2018, a Embaixada dos EEUU en Guatemala emitiu un comunicado de prensa destacando a importancia da extracción de recursos naturais e pedíndolle á Corte de Constitucionalidade que “ditamine sen demora” a resolución final no caso de Tahoe. Dada a abafadora oposición á minaría en toda Guatemala e o patrón de conflito e violencia asociado co proxecto de Tahoe en particular, a declaración da Embaixada dos Estados Unidos é reprensible. O esforzo da Embaixada dos Estados Unidos por interferir coa independencia do poder xudicial guatemalteco está fóra de lugar e pon os defensores e as defensoras do medio ambiente e os líderes e as lideresas indíxenas que se opoñen lexítima e pacificamente aos proxectos mineiros en maior risco de represión.

Aínda que a intervención dos EEUU nos procesos xudiciais independentes de Guatemala é fundamentalmente errónea, Tahoe Resources fixo presión e afirmou que a intervención dos EEUU inclinará a decisión do tribunal ao seu favor. O 25 de setembro de 2017, o CEO de Tahoe Ron Clayton comentou que, a petición de Tahoe, o goberno dos Estados Unidos “tivo unha gran influencia mesmo nesta última decisión xudicial”, referíndose á intervención estadounidense no fallo da Corte Suprema de Xustiza de Guatemala a principios de mes, que temporalmente restableceu a licenza de explotación da empresa.

A ameaza da arbitraxe internacional e a presión sobre os tribunais están exacerbando o clima de conflito. O 8 de maio de 2018, o International Law Institute, con sede en Washington, presentou un escrito na Corte de Constitucionalidade, indicando o risco de arbitraxe internacional no caso de que a Corte non lle permita a Tahoe Resources continuar traballando na súa mina infestada de conflitos. O escrito foi presentado por avogados guatemaltecos, cuxa firma representa a subsidiaria de total propiedade de Tahoe Resources en Guatemala, Mineira San Rafael. Pouco máis dunha semana despois, o 16 de maio, Kappes, Cassiday & Associates (KCA), con sede en Nevada, notificou a súa intención de demandar ao goberno guatemalteco en virtude do Tratado de Libre Comercio entre Centroamérica e República Dominicana (CAFTA-DR) polo menos 300 millóns de dólares. KCA fundamenta a súa reclamación na suspensión da Corte de Constitucionalidade da súa mina de ouro, O Tambor, en 2016, por falta de consulta previa coas comunidades afectadas, pola suspensión da súa licenza de exportación por parte do Ministerio de Enerxía e Minas e por unha suposta falta de protección estatal para a empresa contra as protestas comunitarias, que di que obstrúen o seu traballo de explotación de cara ao futuro.

Tal interferencia, a través da súa influencia no goberno dos EEUU e as ameazas de custosas demandas internacionais contra o goberno guatemalteco, só serven para elevar as tensións e proxectar dúbidas sobre a independencia xudicial de Guatemala. Estas accións aumentan a ameaza de violencia e represión contra as comunidades indíxenas e non indíxenas opostas á mina de Tahoe Resources, así como os riscos da actual resistencia pacífica ao proxecto Tambor de KCA.

Atopar “unha solución beneficiosa para todos”, como di o comunicado da Embaixada dos EEUU, non debe ser a prioridade da Corte de Constitucionalidade. Máis ben, débese garantir ás comunidades afectadas o debido trato en relación coa discriminación e a violación do seu dereito á autodeterminación.

A medida que a Corte de Constitucionalidade avalíe este caso, a Embaixada dos EEUU, as empresas mineiras e os seus asociados, deben deter a interferencia dirixida a exercer presión sobre a Corte para que falle a favor de Tahoe. Instamos á Embaixada a que se retracte do seu comunicado máis recente e tome medidas concretas para apoiar aos defensores e as defensoras dos dereitos humanos que actualmente están en maior risco por defender lexítima e pacificamente a súa terra, a súa auga e os seus medios de subsistencia.

Atentamente:

GUATEMALA
Parlamento del Pueblo Xinca de Guatemala
Consejo Diocesano de Defensa de la Naturaleza – CODIDENA
Colectivo Vida Justicia
Consejo del Pueblo Maya (CPO)
Asociación Feminista La Cuerda
Asociación Para La Promoción Y El Desarrollo De La Comunidad “Ceiba”
Asociación Q’anil, Guatemala
Fundación Tierra Nuestra (FUNDATIERRA)
Libertad para las Mujeres, Huehuetenango
Plataforma Internacional contra la Impunidad
Unidad de Protección a Defensoras y Defensores de Derechos Humanos – Guatemala (UDEFEGUA)

ESTADOS UNIDOS
Amnesty International
Casa Baltimore/Limay
Earthworks
Guatemala Human Rights Commission (GHRC)
Guatemala Solidarity Project
Human Rights Defenders Project
Network in Solidarity with the People of Guatemala (NISGUA)
Oberlin Students in Solidarity with Guatemala (OSSGUA)
Rights Action (U.S. & Canada)
Rochester Committee on Latin America (ROCLA)
Santa Elena Project of Accompaniment (SEPA)
Students for Energy Justice (SEJ)
Swift Foundation

CANADÁ
Atlantic Regional Solidarity Network
Comité pour les droits humains en Amérique latine (CDHAL)
Education in Action Café Justicia Ottawa
Guatemala Research Group (GRG), at University of Northern British Columbia
Maritimes-Guatemala Breaking the Silence Network
Mining Injustice Solidarity Network (MISN)
Mining Justice Action Committee (MJAC)
Mining Justice Alliance
MiningWatch Canada
Projet accompagnement Québec-Guatemala
Socialist Project
Todos por Guatemala-Canada
Tzijolaj Guatemala-Canada
United for Mining Justice
University of British Columbia Social Justice Centre & Co-chair, Jacob Fischer-Schmidt

AMERICA LATINA
Procesos Integrales Para La Autogestión De Los Pueblos
Red Mexicana de Afectados por la Minería (REMA)
Movimiento Mesoamericano contra el Modelo extractivo Minero (M4)
The Oscar Romero Christian Network in Solidarity with the Peoples of Latin America (SICSAL)

EUROPA & AUSTRALASIA
Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo
Asociación Ecoloxista Verdegaia
Asociación galega Cova Crea
ContraMINAcción, Rede contra a minaría destructiva na Galiza (20 organizacións de Galiza)
Guatemala Solidarity Network (GSN)
Peace Watch Switzerland (Switzerland)
Protection International
Salva la Selva
Sí a la Vida No a la Minería/ Yes To Life No To Mining YLNM (64 organizaciones internacionales)
Swedish Fellowship of Reconciliation (SweFOR)
Wellinngton Zapatista Support Group

A mina de San Rafael ameaza con deixar sen auga potable centos de vivendas e granxas en Touro e O Pino e pon en risco directo a vida de máis de 200 persoas

A veciñanza de Touro e O Pino presentou hoxe 500 alegacións contra un proxecto mineiro que tornaría inhabitable a zona por contaminación de acuíferos e traídas por metais pesados altamente tóxicos

Unha comitiva de veciños e veciñas de Touro e da plataforma contraMINAcción acudiu onte, 3 de outubro, até o Rexistro Xeral da Xunta de Galicia para facer entrega de 500 alegacións contra o proxecto da mina de San Rafael, que afecta unha ampla zona dos termos municipais de Touro e O Pino. Tamén desde O Pino se presentaron alegacións*. Son moitas as persoas que se interesaron pola posibilidade de presentar alegacións en ambos concellos, polo que ao longo desta semana agárdase que o número destas ascenda considerablemente.
A pouco que se afonde nas alegacións presentadas, comprobamos que este proxecto impulsado pola sociedade Cobre San Rafael SL** ameaza seriamente a habitabilidade e futuro dos dous concellos afectados polo enorme e irreversible impacto que terá a actividade mineira nos recursos hídricos e económicos da zona (achégase documento de alegacións).
Sen minimizar outras consecuencias graves do proxecto da mina de San Rafael, o impacto máis grande viría dado polas drenaxes ácidas da actividade mineira, que xa é algo que vén sufrindo de vello a veciñanza da zona. De feito, un estudo que analiza estas drenaxes entre 1974 e 1988, di que “en apenas 14 anos, a anterior fase de explotación provocou alteracións ambientais críticas, con cortas profundas, paredes verticais, grandes escombreiras de materiais xeradores de drenaxes ácidas de mina, unha extensa balsa de lodos, por súa vez causantes de problemas continuos de contaminación de augas e solos, por augas de drenaxe hiperácidas que se verten de forma continua na cunca do Ulla e nos acuíferos subterráneos. Que ante a xeración continua de emisións con altas concentracións de metais pesados, a administración non teña obrigado ás concesionarias a instalar unha planta de tratamento
destas emisións, ou teña practicado calquera sanción, deixa en evidencia a súa incapacidade para entender a gravidade do fenómeno”.
O estudo da propia empresa recoñece concentracións significantes de metais pesados como cadmio, cobalto, cobre, molibdeno, antimonio, selenio e cinc. Porén, non sabemos se por erro ou intencionadamente, omite no seu estudo a violación para substancias perigosas prioritarias como o cadmio ou o mercurio, presentando de xeito errado os límites das Normas de Calidade Ambiental marcados no Real Decreto 817/2015, de 11 de septiembre, por el que se establecen los criterios de seguimiento y evaluación del estado de las aguas superficiales y las normas de calidad ambiental.

Veciños de Touro e O Pino presentando alegacións

Extracción de máis de 100 millóns de metros cúbicos de materiais

A actividade da mina de San Rafael crearía unha xigantesca escombreira onde se pretenden acumular máis de 80 millóns de metros cúbicos dos residuos potencialmente máis contaminantes (ocupando 484.000 m2 e cunha cota de coroamento de 510 m). Nas alegacións denúnciase que “a acumulación neste punto garante a contaminación dos mananciais presentes na zona a ocupar, e que subministran aos núcleos de poboación próximos e á propia traída municipal que fornece boa parte do concello. A escombreira está a menos de 500 metros dos primeiros núcleos de poboación e a menos de 1 km dos núcleos do Castelo San Saturniño, sen ter en conta a afectación ao subministro de auga destas poboacións”.
A maiores, faríanse tamén dúas balsas de refugallos, denominadas no proxecto e de maneira eufemística “laguna de Arinteiro y Vieiro”, que albergarían 69.000 toneladas de lodos tóxicos (50.000 metros cúbicos) e estarían situadas a menos de 200 metros de Arinteiro (42 habitantes) e a menos de 1 km de Tribas (20 habitantes), Goleta (100 habitantes), Bravos (14 habitantes), Cruz de Méndez (23 habitantes) ou Torreis. O proxecto da empresa dálle categoría de falla “Moi alta” porque estima que hai menos de 100 habitantes a poboación que se atopa en risco de morte; en realidade, esa poboación supera as 200 persoas e a cualificación debería ser “Extrema” e “Permanente”. A este respecto, as alegacións din que “a realización do proxecto non só supón un risco extremo e permanente para a vida das persoas residentes nas poboacións próximas, máis non caso de núcleos de poboación como Arinteiro, unha condena sumaria á desaparición do lugar, tornando imposíbel a vida nel, mesmo despois da conclusión do proxecto”.
Este apartado conclúe que “os enormes riscos asociados á extracción de máis de 100 millóns de metros cúbicos de materiais que producirán de forma constante drenaxes ácidas de mina capaces de contaminar as augas superficiais e subterráneas con metais pesados, incluídas substancias perigosas prioritarias, durante un longo período de tempo, mesmo con posterioridade ao peche da eventual explotación, torna temeraria a autorización do proxecto na súa actual formulación. Isto prodúcese ademais non nunha zona illada e despoboada, senón nunha área inmediata e contigua a numerosos núcleos de poboación que obteñen o seu subministro de auga potábel da área de afectación e ademais dentro dunha cunca fluvial como a do Ulla, que abastece a millares de persoas e sostén a economía de comarcas enteiras”.

Afectación ás traídas de auga

Tralo devandito, folga dicir que a destrución e contaminación de acuíferos serán amplas, como xa aconteceu co a explotación mineira desta zona nos anos 70 e 80, e “tornará a habitabilidade do contorno especialmente difícil, se non imposíbel”. Aínda que só consta unha captación de auga para abastecemento humano na zona afectada, o depósito municipal do Monte Arinteiro que fornece centos de veciños e veciñas; existen ducias de captacións que fornecen casas, granxas e núcleos de poboación enteiros que non están rexistradas en Augas de Galicia e que tamén quedarían contaminadas ou destruídas nunha zona que xa padece problemas de restrición e fornecemento de auga potable por mor do impacto das actividades mineiras do pasado (detállanse no documento de alegacións).

Afectación crítica a núcleos de poboación

O proxecto pretende localizar varios depósitos de residuos mineiros, perigosos por tratárense de materiais xeradores de drenaxes ácidas con altas concentracións de metais pesados, ao carón de diversos núcleos de poboación, sen apenas separación nalgúns casos. Téñase en conta que as distancias aproximadas desde os diversos depósitos de residuos mineiros ata os núcleos de poboación son: Arinteiro (80 metros); Os Torreis de Arriba (100 metros); Os Torreis de Abaixo (200 metros); Castelo (400 metros); Tribas (450 metros); As Goritas (600 metros); Eiresa (650 metros); Goleta (700 metros); Bravos (790 metros); Cruz de Méndez (800 metros); San Saturniño (800 metros); etc. Por só citar os que se encontran a menos de 1 km. Sinálese ademais que as capitais (e maiores núcleos de poboación) dos municipios de Touro e do Pino se encontran en ambos os dous casos a 1,5 km do perímetro da explotación.
Ademais, destruiríanse moitas vías de comunicación construídas en procesos de concentración parcelaria e as estradas que comunican a parroquia de Loxo con Arca e Santiago de Compostela, e a que vai a Pedrouzo pola Reigada.

Un grupo de persoas protagonizou unha concentración diante do Parlamento galego

Destrución de muíños do século XVIII e do Camiño Real

O estudo de impacto medioambiental da empresa di que a zona afectada non conta cun patrimonio etnográfico e arquitectónico salientábeis. Porén, no rego das Pucheiras existen diversos muíños que se remontan ao século XVIII, en bo estado de conservación, algún dos cales sería totalmente sepultados pola escombreira proxectada. Tamén se destruiría o Camiño Real da Feira do 20 e posíbeis elementos arqueolóxicos identificados na tradición oral aínda conservada, e que fan referencia a “casas dos mouros” que ben poderían ser continuación dos complexo megalíticos do Cotiño (8 túmulos) e da Croa de Pereiro (5 túmulos), na parroquia de Loxo. Ademais, no pasado, os traballos de rexeneración medioambiental das anteriores explotacións mineiras destruíron boa parte do Castro de Copa.

Varias granxas quedarán sen auga e sen base territorial

Nas alegacións referentes ao abastecemento de augas presentáronse algunhas das explotacións agrogandeiras que se verán directamente afectadas polo fin das súas fontes de auga potábel, subministro que dificilmente poderá ser substituído por unha traída municipal de insuficiente capacidade. Pero é que ademais da auga, a actividade mineira prevista implicará a destrución a perpetuidade da base territorial destas e outras explotacións, co agravante de que as terras a destruír forman parte de procesos de concentración parcelaria, que determinan a utilidade pública destes terreos con fins agrarios ademais da función social das propiedades, coa necesidade de que estas terras cultivables non queden abandonadas, se manteña e se conserve a súa capacidade agrícola, se aproveiten axeitadamente os seus recursos en consonancia cos plans de aproveitamento de cultivos ou forestal recollidos no acordo de concentración.
Estamos a falar dunha actividade económica multixeracional e sustentábel, de modo que oimpacto destrutivo non se limita ao período de explotación, senón que afecta á viabilidade agrícola, agrogandeira e forestal da zona por séculos. Téñase en conta que estamos a falar en algúns casos de explotación con un alto número de cabezas de gando (até 200 cabezas), nas que hai mozos e mozas recentemente incorporados á actividade agraria, e que realizaron nos últimos anos constantes investimentos nas súas explotacións para a súa modernización e ampliación. En síntese, o proxecto proposto é incompatíbel coa continuidade da actividade agrogandeira da zona e determinará o peche de numerosas explotacións, a perda de postos de traballo e a destrución a perpetuidade da base territorial na que se sustentaría a viabilidade de explotacións futuras.

 

*Podes descargar as nosas alegacións para presentar, témolas en texto e en pdf. 

**En realidade, esta sociedade é a punta do iceberg dun escuro entramado empresarial no que estarían os dereitos mineiros na zona que tiveron antano Explotaciones Gallegas e Minas Metálicas del Noroeste, que se unificaron en Explotaciones Gallegas del Cobre SL; e a participación de multinacionais estranxeiras como Atalaya Mining. Este ocultamento da verdadeira identidade dos inversores que queren explotar a mina de San Rafael favorecería a elusión de responsabilidades diante do inevitable impacto socioeconómico e medioambiental da actividade mineira na zona (ver páxinas 1 e 2 das alegacións).

Save