Arquivos da etiqueta: Serra do Courel

A Federación Ecoloxista Galega, no Día do Ambiente, contra a megaminería

F.E.G.(Manifesto da FEG co gallo do Día Internacional do Medio Ambiente.)

A crise da débeda e a incerteza sobre os seus límites inflúen nos prezos das materias primas. A xente está a investir e deposita a súa confianza en metais nobres como o ouro, a prata ou o platino e as multinacionais do sector emprenden unha carreira polas materias primas dentro dun modelo de desenvolvemento totalmente insustentable baseado na exportación e traslado de inxentes cantidades desa materia prima lonxe da súa orixe ao seu destino final, provocando un enorme gasto enerxético e unha irreversible pegada ecolóxica por todo o planeta. Ademais, organismos como o Banco Mundial ou a Unión Europea apoian políticas neoliberais e neocoloniais nas que a explotación dos minerais e dos recursos naturais son esenciais para impulsar o crecemento económico, onde o que priman son os movementos de capital e a especulación por enriba da xestión sustentable da codia terrestre. Os gobernos de Compostela e de Madrid, polo que podemos ver, apúntanse a estas políticas de desbaldimento dos recursos a nivel internacional. Nesta conxuntura, o pobo galego, ao igual que o doutros países da periferia de Europa e do sur, está baixo ameaza por unha minaría que, cada vez máis, se desenvolve a ceo aberto, removendo a capa superficial da terra e mesmo da fracturación xeolóxica a grandes profundidades a nivel xeotérmico. Para acceder aos xacementos de mineral é necesario destruír plantas, animais e, a miúdo, vilas e asentamentos humanos xunto con todos os seus recursos e medios de vida. A tecnoloxía punta permite acceder a calquera lugar e a calquera profundidade baixo o solo, e permite explotar con métodos moi agresivos e contaminantes minerais de cada vez menor pureza. Deste modo, máis e máis áreas fráxiles e de alto valor de conservación están en perigo, e as cantidades de escouras e residuos contaminantes mineiros aumentan. Obviamente, tamén periga a saúde, a calidade de vida, os recursos e os medios de vida tradicionais e sustentables das persoas que habitan na contorna destas explotacións mineiras, que teñen (ou terían) que soportar nun primeiro momento os impactos pola extracción dun produto alleo aos seus beneficios e necesidades.

Cremos que a estas alturas non é necesario entrar no detalle das distintas clases de agresións ao medio e ás persoas que se poden producir: explosións, destrución física do territorio con cráteres de centos de hectáreas e centos de metros de profundidade, amoreamento de inxentes cantidades de contaminantes de todo tipo (metais pesados, arsénico, cianuro, etc.) en balsas e en entulleiras, destrución dos acuíferos, contaminación das augas e do aire, etc. Pero, despois da alteración e aceleración da mudanza climática provocada pola nociva actividade contaminante do ser humano, na atmosfera, hai que salientar o dano engadido que se está causar e se pretende ampliar tamén na codia do planeta con actividades como a mineira, ameazando os seus recursos e mesmo a súa estabilidade, fundamentais tamén para o desenvolvemento de vida humana e das outras especies animais, vexetais, fúnxicas, liquénicas e microbianas da biosfera.

Galiza, dentro desa periferia e como neocolonia a nivel estatal, europeo e mundial, ten nin máis nin menos que arredor de 520 explotacións mineiras activas na actualidade e as concesións de exploración ou explotación abranguen máis da metade da superficie do país. Parte delas están en terreos francos ou rexistrables para os que parece non haber data de caducidade malia a súa manifesta inactividade. A minaría en Galicia está basicamente regulada por dúas leis franquistas, pola Lei de Minas estatal de 1973 e a Lei de Expropiación Forzosa de 1954 cos seus respectivos regulamentos de aplicación. Sobre estas leis, caducas e baseadas no espolio sen control do territorio, deberían prevalecer os usos legais do solo e as normativas ambientais, estas si de competencia dos gobernos galegos. Porén, o goberno da Xunta non só mira para outro lado e non fai valer os dereitos de uso do solo e os dereitos á protección do ambiente e ao seu gozo, senón que por riba fai leis ad hoc para protexer os dereitos dos intereses mineiros. Un exemplo desta situación aberrante é o proxecto mineiro de ouro en Corcoesto, que foi tramitado como proxecto de interese estratéxico, aínda que nunca foi declarado como tal; e ao que a Xunta lle deu unha Declaración de Impacto Ambiental positiva, agachando a información ambiental ás persoas afectadas, cun proxecto que recoñece verquidos de arsénico por riba dos niveles máximos de referencia e onde as alegacións presentadas nin sequera son contestadas e, moito menos, tomadas en consideración. Ou, sen máis, o plan sectorial de actividades extractivas, actualmente a información pública pola Xunta propón, entre outras cousas, autorizar permisos mineiros ata en espazos naturais protexidos (aí están, por exemplo , a ameaza de 54 explotacións na Serra do Courel na actualidade na Rede Natura e candidata, a maiores, para ser catalogada parque natural polos seus extraordinarios valores xeolóxicos e naturais) sen ter en conta que Galiza na actualidade non supera o 12% de territorio protexido, estando ao rabo de todo o Estado en protección ambiental. E do mesmo xeito, dado o carácter supramunicipal dese plan sectorial que emana da Lei 3/2008, de ordenación da minería en Galicia, unha vez aprobado daríalle carta libre ás empresas para levar adiante proxectos mineiros por enriba dos planeamentos urbanísticos e a autonomía municipais e mesmo da vontade popular das poboacións afectadas.

En relación a iso temos que salientar que, ademais do proxecto de Corcoesto, na comarca de Bergantiños, tamén existe oposición social a proxectos mineiros de “terras raras” e de obtención de minerais para fabricación de coltan na Serra do Galiñeiro, de Wolfram, estaño e litio, entre outros minerais, nas comarcas do Ribeiro e de Terras de Celanova, de feldespatos na comarca da Limia, de andalucita na contorna das Fragas do Eume ou de cuarzo na Terra Chá e outros proxectos máis.

Os supostos beneficios económicos e de xeración de postos de emprego, en entredito pola actual crise global mesmo nas zonas tradicionalmente mineiras, non compensan, polo contrario, os moitos e variados prexuízos ambientais e socioeconómicos derivados doutros recursos naturais afectados (forestais, agrogandeiros, pesqueiros, hídricos, de lecer, turísticos, etc.) ou mesmo a saúde humana. E, ademais, estamos diante dunha actividade sobre un recurso cada vez máis limitado.

O Día Mundial do Ambiente ten como lema este ano “Pensa. Aliméntate. Aforra.” Aínda que non está directamente relacionado coa minaría senón coa alimentación, ambas están intimamente ligadas, na medida que compiten polo territorio. Tendo en conta o enorme desequilibrio alimentario e os efectos devastadores que isto ten para o ambiente, o tema deste ano pretende dar a coñecer o impacto que teñen as nosas decisións alimentarias, e como tomalas 100% informados.

A campaña “Pensa. Aliméntate. Aforra” quere animarte a actuar. Quere que sexas testemuña de como certas decisións reducen o volume de desperdicios, aforran diñeiro e diminúen o impacto medio ambiental da produción de alimentos.

Pero, que significa tomar decisións informadas? Sería elixir aqueles alimentos co impacto ao medio menor ou adquirir produtos en mercados locais nos que se sabe que non foi necesario o transporte e, xa que logo, non supuxeron tantas emisións de gases. É dicir, este ano, desde o Programa de Nacións Unidas para o Ambiente están a convidarnos a consumir alimentos de proximidade. Mais a produción alimentar no noso país, está a entrar en competencia coa minaría polo uso do solo e polo consumo da auga. As dúas actividades, minaría e produción de alimentos demandan gran cantidade de solo e auga.

O uso doutros produtos que empregamos a cotío tamén temos que facelo dun xeito informado e aforrando. O 70% da industria europea depende de sustancias minerais do subsolo para a produción de todo tipo de bens de consumo. Para o transporte, as telecomunicacións, a electrónica ou a construción, estímase que máis ou menos cada europeo consome anualmente entre 5 e 10 toneladas de produtos minerais. E, ao longo da súa vida, unhas 400 toneladas de produtos da minaría. Isto sen incluír os enerxéticos, que tamén no caso das renovables demandan gran cantidade de metais para a súa xeración e transporte.

Se desperdiciamos comida, significa que todos os recursos empregados para producila tamén o son. Se desperdiciamos produtos industriais tamén estamos a desaproveitar recursos e poñendo en risco o noso entorno, non só porque estaremos contribuíndo ao aumento da actividade mineira, senón tamén á destrución de acuíferos, á emisión de gases, deforestación, perda de biodiversidade, etc.

En Galiza cómpre de modo moi especial prestar atención á redución, reutilización e á reciclaxe dos materiais. Nos pasados días, o Partido Popular rexeitou a ILP que pretendía dar forza xurídica á xerarquía dos “3R” consagrada nas leis e actualmente subvertida por modelos como SOGAMA. É necesario dar prioridade aos “3R” sobre a incineración e o verquido do modelo de tratamento do lixo actual, e recuperar o uso de materiais para non abusar da súa extracción, mellorar o ambiente e gozar doutros beneficios sociais e económicos.

Mongolia será o país anfitrión do Día Mundial do Medio Ambiente en 2013, durante as celebracións do 5 de xuño. Desde 2010, Mongolia suspendeu as licenzas para explotar novas zonas mineiras, protexendo deste xeito o medio ambiente do país, rico en minerais, e a vida dos seus habitantes, e promovendo, ao mesmo tempo, un desenvolvemento verde tendo en conta as limitacións de auga e a degradación da terra.

Nós, en Galiza, tamén solicitamos unha moratoria na exploración de novas zonas mineiras en tanto non se definan as prioridades nos usos do solo e non se estableza claramente a preeminencia do ambiente, da alimentación e a saúde das persoas sobre os usos mineiros. Ademais, cómpre prohibir indefinidamente a macrominaría a ceo aberto e a minaría con cianuro e é necesario os establecementos de avais e garantías suficientes para as restauracións mineiras, seguros de responsabilidade civil que permitan cubrir a situación máis catastrófica que puidera ocorrer e, finalmente, convén a derrogación da lei de expropiación forzosa.

Pola destrución ambiental, social e cultural que implica e os conflitos que xera, minaría e desenvolvemento sustentable non son termos compatibles. A actitude máis responsable é un uso racional dos recursos existentes, así como a reciclaxe e a reutilización de materias primas. Mais tamén cómpre adicionalmente unha necesaria aposta polo decrecemento, rexeitando máis especulación urbanística e industrial, por un modelo de transporte baseado no colectivo e na proximidade, polo aforro e a eficiencia enerxética e hídrica e pola autosuficiencia alimentaria, buscando modos lóxicos e convencidos de vivir mellor con menos, e de modo máis acorde e respectuoso coa contorna e cos demais.