Arquivos da etiqueta: teo

“O prioritario agora é deter a mina de Corcoesto”

(Artigo publicado en Praza Pública.)

A recentemente creada Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza era máis necesaria que nunca. Así o cren os seus promotores, que conformaron xa o colectivo ContraMINAcción pola necesidade de dar “unha resposta global” a un problema “que tamén se converteu en global” para todo o país.

“O que antes eran proxectos illados e cinguidos a unhas determinadas comarcas, acabáronse por converter nunha problemática global para toda Galicia porque non fan máis que xurdir proxectos de investigación mineira por todas as zonas”, explica Margarida Prieto, representante do SLG na plataforma creada en Vilalba contra a mina e voceira desta nova Rede, que está aberta a todas as agrupacións que queiran participar” e “ás persoas que a título individual poidan achegar algo”, pero excluíndo “os partidos políticos”.

Son todos os que están, pero non están todos os que son. No entanto, desde ContraMINAcción xa agardan a entrada de novos colectivos e persoas a título individual co paso dos días. “En moitos casos hai plataformas que aínda non están formalmente unidas á Rede porque deben debatelo en asemblea e acordalo”, conta.

O colectivo galego nace logo de que a súa creación fose un dos obxectivos marcados tras o encontro galego sobre a minería celebrado o pasado 16 de febreiro en Teo. Aquel foi o xermolo cunha Rede que xa prepara unha gran manifestación nacional para o 2 de xuño en Compostela pero que, sobre todo, pretende que “os diferentes grupos que loitan contra diferentes proxectos mineiros se axuden mutuamente e se coordinen”. “As prácticas que se aplican nuns lugares poden ser moi útiles noutros e ese debe ser o espírito”, continúa Prieto, que aclara que “non é o mesmo” explicarlle á sociedade o que supón un proxecto mineiro concreto nunha comarca que “trasladarlles a problemática global dun país que sofre as mesmas ameazas de norte a sur”.

“O proxecto da Xunta é levantar o país enteiro e facelo unha mina”, engade Margarida Prieto, que recoñece que “a prioridade” da Rede agora é deter o proxecto da mina a ceo aberto de Corcoesto. “Iso é o máis importante agora porque se sae adiante, a Xunta entraría a saco noutras zonas”, explica, aínda que recoñece que o diálogo co Executivo galego non está aínda previsto vistas as decisións tomadas ultimamente neste ámbito.

“Centrámonos en Corcoesto porque a aprobación dese proxecto como estratéxico sería un precedente moi perigoso para todo o país; se esta mina con tan pouco sentido é aceptada polo Goberno galego, calquera infraestrutura posterior sería declarada estratéxica”, advirte, antes de preguntarse “por que se considera estratéxica” unha iniciativa empresarial tan polémica como a de Bergantiños “e non o comer”. “Acaso non é estratéxico comer e asegurar o abastecemento da poboación e a súa alimentación”, remata, logo de aclarar que “para nada se descoidan” outros casos. De feito, xa son varias as alegacións presentadas por numerosos colectivos ante os proxectos de investigación que se levan en diferentes comarcas.

Para empezar, e xa nos vindeiros días, ContraMINAcción prevé a organización de xornadas informativas en Vigo e Ourense, nas que participarán activistas, xuristas, persoal técnico e economistas, así como encontros nas “zonas ameazadas” para difundir “os valores naturais, sociais e económicos do lugar e a importancia de conservar o que hai neses lugares”.