Arquivos da etiqueta: Vigo

Nós tamén somos Marcos. Nin nos van calar, nin nos van parar.

¿Silenciando nos xulgados os defensores da terra?

O vindeiro 7 de maio terá lugar no xulgado número 13 de Vigo a vista oral da demanda iniciada por Cementos Cosmos contra o veciño de Triacastela Marcos Celeiro, por suposto atentado contra o honor da empresa. Marcos Celeiro oponse xunto á veciñanza de Triacastela á mina a ceo aberto de Cementos Cosmos.

O xoves que vén non se xulga a Marcos Celeiro. Xúlgase, sobre todo, o dereito das persoas e das comunidades a se mobilizaren para defender o que é seu: a súa terra, o seu patrimonio natural, o seu futuro. Xúlgase o noso dereito, o de toda a cidadanía, a denunciar en voz alta e publicamente as irregularidades que as empresas cometen no seu afán desmedido de explotación dos recursos e das persoas. Xúlganse, en fin, as máis básicas liberdades democráticas, esas que a nosa administración ten a obriga de garantir. E non de perseguir. Porque o exercicio da liberdade de expresión é un dereito, non un delito.

Nin nos van calar, nin nos van parar

Nin nos van calar, nin nos van parar

Os motivos que Cementos Cosmos, pertencente á multinacional Votorantim, esgrime para a demanda, son o de ter denunciado Marcos nas redes sociais (Facebook, Twitter, Youtube) as irregularidades cometidas pola empresa. Esas irregularidades veñen sendo recollidas ao longo do tempo por distintos medios de comunicación. Nalgúns casos, a denuncia da irregularidade ía acompañada de vídeos nos que se podía comprobar a veracidade dos feitos denunciados.

Desde ContraMINAcción pensamos que o obxectivo desta demanda de Cosmos contra o noso compañeiro Marcos non é outro que amedrentar ás persoas que se opoñen á súa actividade, ao tempo que criminalizar a loita dos colectivos que denunciamos as súas irregularidades.

Cementos Cosmos ten un longo historial de denuncias desde distintos colectivos, polas súas malas prácticas na explotación. Entre outras cousas, está a poñer en risco o noso patrimonio arqueolóxico coa súa actividade, diante da pasividade da nosa administración. Somos moitos os colectivos que denunciamos a afección que, a causa da actividade da empresa, está a sufrir unha das maiores xoias do noso patrimonio cultural, a Cova de Eirós. Mentres as nosas denuncias caen en saco roto, a demanda inxustificada da empresa contra o noso compañeiro continúa o seu curso.

ContraMINAcción denuncia que desde a empresa e con esta demanda, quere reducirse a loita de distintos colectivos a unha cuestión persoal e anecdótica, a un suposto capricho de Marcos Celeiro en contra da empresa. Así, ao tempo que se criminaliza a nosa loita cidadá e se trata de paralizar a mesma mediante a busca dun castigo exemplarizante e a todas luces inxustificado contra unha das cabezas visibles da mesma, preténdese minimizar a oposición veciñal, tratando de facer ver á opinión pública que só se trata dunha arroutada persoal aquilo que é en realidade unha loita colectiva dunha comunidade polo seu territorio.

En lugar de levar a un xuízo longo e desgastante a un cidadán de a pe como Marcos Celeiro, Cementos Cosmos debería presentar publicamente toda a documentación que aínda non facilitou, comprobar que ten ao día todos os seus permisos, e vixiar que a súa explotación cumpra toda a normativa vixente.

Porque non queremos renunciar aos nosos dereitos civís, porque non queremos que nos rouben a nosa voz a base de demandas dos poderosos, desde ContraMINAcción queremos berrar forte e alto que hoxe e aquí nós tamén somos Marcos Celeiro.

Somos Marcos, e o vindeiro xoves estaremos con el diante do xulgado de Vigo, desde as 9 e media ata as 11, nunha concentración pacífica de apoio ao noso compañeiro, na que vos animamos a participar.

Non nos resignamos a que a lei sexa a lei do máis forte

Nin nos van calar, nin nos van parar.

 

Vigo, 18A: día de acción global contra os tratados de libre comercio e investimentos

cartaz-non-ao-ttip-final-correxidoAs persoas e o Planeta antes que o Capital!” será o lema baixo o cal se mobilizará a cidade olívica o vindeiro 18 de Abril, que acollerá a mobilización central de Galiza.

A campaña Non ao TTIP integrada por ADEGA, A Cova dos Ratos, ACOUGA, ANOVA Vigo-Mos, Asemblea de Movementos Sociais de Vigo, BNG, CIG, ContraMINAcción, Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres, Democracia Real Xa-Vigo, DesPensa, Entremos na Panificadora, ECOAR))), EQUO Galiza, Esquerda Unida, Horta Comunal de Donas, Moeda Social Val Miñor, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Podemos Vigo, RSP-Vigo, TANKOllectif e Verdegaia, convocan a toda a cidadanía e organizacións a mobilizarse o vindeiro 18 de Abril. Vigo sumarase aos millóns de voces que sairán ás rúas en decenas de países de catro continentes no Día de Acción Global Contra os Tratados de Libre Comercio e Investimentos baixo o lema “As persoas e o Planeta antes que o Capital!”.

As diferentes accións e mobilizacións son a resposta unitaria e coordinada dunha cidadanía que sente que ten problemas e solucións semellantes perante unha situación actual insostible. Os Tratados de Libre Comercio e Inversións, impulsados pola empresas transnacionais e os gobernos de costas á cidadanía, vulneran os dereitos das persoas e o medio ambiente.

Todas as persoas e organizacións están chamadas a participar na xornada para organizar accións descentralizadas en cada recuncho do planeta baseadas na diversidade táctica das mesmas. As accións buscarán informar, sensibilizar, fomentar a participación e fortalecer a mobilización da xente rumbo a un novo movelo económico e de comercio que funcione para o beneficio de todas as persoas e o planeta.

En Vigo a saída efectuarase ás 20:00 dende a Farola de Urzáiz, descenderá por esta, pasará por Policarpo Sanz e rematará na Porta do Sol coa lectura dun manifesto.