O acaparamento de terras, denunciado no Parlamento europeo

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG

Isabel Vilalba denuncia no Parlamento Europeo o acaparamento de terras na Galiza a mans de empresas mineiras

A secretaria xeral do SLG participou nunha conferencia sobre o problema da terra en Europa organizada pola ECVC e a Esquerda Unitaria Europea

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou onte, 25 de xuño, na conferencia “O problema da terra en Europa: do acaparamento de terras á reforma agraria”, organizada pola Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) e a Esquerda Unitaria Europea (GUE) no Parlamento Europeo, en Bruxelas. Tamén participaron no evento eurodeputados como Willy Meyer, Patrick Le Hyaric ou Joao Ferreira; representantes da Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) ou Tassos Haniotis, da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea.

O obxectivo da conferencia era o de poñer na axenda política comunitaria o acaparamento de terras, un problema que está a medrar cada vez máis na súa dobre expresión: por unha banda, multinacionais estranxeiras se están a apropiar de miles e miles de hectáreas dentro da UE para a súa explotación, mentres empresas europeas fan outro tanto en terceiros países.

A Coordinadora Europea da Vía Campesina expuxo o documento que elaborou xunto á Alianza Hands off the Land Network “Un novo informe sobre o acaparamento de terras en Europa”, mentres intervencións como a de Willy Schuster, de Ecoruralis, bosquexaron o desenvolvemento desta problemática con exemplos como o de Romanía, onde máis do 3% das terras agrícolas (unhas 300.000 hectáreas) están en mans de empresas italianas. Schuster citou o caso dunha soa empresa que, sendo propietaria de 11.000 hectáreas só dá traballo a 99 persoas. Isabel Vilalba explicou que “a creación de riqueza e de postos de traballo ou a vertebración do territorio é moitísimo menor cando unha empresa se fai con cantidades inxentes de terra, como no caso romanés, que cando as leiras son explotadas por pequenas e medianas explotacións. Nestas grandes extensións de terra acaparada desenvólvese un tipo de agricultura de monocultivo que emprega grandes cantidades de agrotóxicos e outros produtos químicos e ten un impacto moi negativo no medio ambiente, creando só riqueza e lucro para a empresa explotadora pero xerando un empobrecemento xeneralizado entre as comunidades labregas afectadas. Ademais, estas terras adóitanse a mercar para producir agrocarburantes e non alimentos, cos problemas que implica en cuestión de soberanía alimentaria para Europa seguirmos esta tendencia”.

A intervención da secretaria xeral do SLG estivo centrada en denunciar como está a sufrir o acaparamento de terras Galiza, onde dende hai décadas vemos como o noso territorio está a ser espoliado, paseniño, por industrias enerxéticas (parques eólicos, agrocarburantes, encoros) ou papeleiras (monocultivo de eucalipto). Pero o máis preocupante, agora mesmo, para Isabel Vilalba é o Plan Sectorial de Actividades Extractivas que pretende sacar adiante a Xunta no noso país. De ir para adiante este plan, “a actividade extractiva será prioritaria sobre calquera outra preexistente”. Neste senso, Vilalba ergueu a voz de alarma e advertiu que está en perigo unha parte moi importante do noso territorio, con proxectos contaminantes e destrutivos que farán inviable calquera outra actividade económica que se teña desenvolvido tradicionalmente ou que se estea a facer na actualidade nas terras afectadas, como a agricultura ou a gandería, e traendo para Galiza as consecuencias que antes viamos que están a padecer países comunitarios como Romanía.

A secretaria xeral do SLG amosouse satisfeita pola acollida que tivo o caso galego na conferencia e polo feito de que vai ser recollido no informe sobre o acaparamento de terras no Estado Español que, ao respecto, están elaborando os colectivos que editan a revista ‘Soberanía Alimentaria, Biodiversidad y Culturas”1

1A Fundación Agricultura Viva de COAG, Plataforma Rural e GRAIN.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.