Apoio da comunidade científica á prohibición do uso do cianuro na minaría

Recollidos 160 apoios da comunidade científica á petición para que a Xunta de Galicia prohiba o emprego de cianuro na minería

sopadedgewater Durante as dúas últimas semanas a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños desenvolveron unha exitosa campaña entre o profesorado e a comunidade científica de Universidades e OPIs (Organismos Públicos de Investigación) para recabar apoios á petición de que se prohiban en Galicia as tecnoloxías mineiras que empregan cianuro, sumándose así á “Declaración de Berlín” e a resolución aprobada polo Parlamento Europeo en 2010.

A petición recolleu 160 apoios da comunidade científica e universitaria, procedentes de 67 Departamentos pertencentes á 7 universidades e 9 OPIs. O texto da petición, acompañado da listaxe de asinantes, enviouse hoxe 8 de outubro por rexistro ao Presidente da Xunta de Galicia (PDF).

O obxectivo desta petición é evitar os gravísimos riscos medioambientais e para a saúde das persoas no caso de que se implementasen estas tecnoloxías nas explotacións auríferas proxectadas en Galicia, das que a máis adiantada é a mega explotación mineira de ouro a ceo aberto en Corcoesto (Cabana de Bergantiños) na que se pretenden empregar milleiros de toneladas de cianuro no proceso de extracción do ouro (ata 128 kg de cianuro por cada kilo de ouro).

Á vista do clamor social e co apoio significativo da comunidade científica, a Sociedade Galega de Historia Natural e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños pedíronle ao Presidente da Xunta de Galicia que prohiba canto antes o emprego das tecnoloxías mineiras a base de cianuro en Galicia e o teña en conta en todolos proxectos actualmente en tramitación, nomeadamente o de Corcoesto.

Podes ver aquí o listado de apoios á petición.

Máis información en www.sghn.org

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.