ContraMINAcción reúnese cos partidos políticos galegos

minaria galiza mapa

A rede ContraMINAcción reunirase cos partidos políticos galegos para esixirlles un posicionamento claro fronte á megaminería destrutiva.

Co fin de darlles a coñecer o traballo desenvolvido polos máis de vinte colectivos que integran a rede ContraMINAcción contra a megaminería destrutiva, integrantes desta plataforma cidadá reuniranse mañá, venres 22, con representantes de Compromiso por Galicia (CxG) e do Partido Socialista (PSdG).

A primeira destas xuntanzas terá lugar ás 16.00hrs. no Local Nacional do Sindicato Labrego Galego (SLG) en Compostela con CxG. Posteriormente, ás 18.00hrs. levarase adiante a reunión co PSdG nas dependencias ocupadas por dito partido no Parlamento da Galiza.

O obxectivo destas xuntanzas será pedir un posicionamento público e claro por parte destas formacións políticas diante dos proxectos de megaminería destrutiva que ameazan neste momento o ecosistema e tecido produtivo galego. Na actualidade máis de 50.000ha. do noso territorio están baixo o punto de mira de transnacionais mineiras, ameazando zonas como Corcoesto, A Limia, Castrelo de Miño, Santa Comba, Zas, Compostela, Ordes, A Fonsagrada e os Ancares, así como espazos naturais coma as serras da Groba, do Argalo e do Galiñeiro; os montes do Tetón e da Arxada e o Parque Natural das Fragas do Eume.

Unha segunda xeira de reunións terá lugar no Local Nacional do SLG o venres da vindeira semana, 29 de novembro, con representantes da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ás 16.00hrs., e co Bloque Nacionalista Galego (BNG) ás 18.00hrs.

Arestora estamos pendentes tamén da resposta do Partido Popular (PP), quen inda non se pronunciou ao respecto da posibilidade de se reunir coa rede ContraMINAcción no marco desta rolda de xuntanzas cos grupos políticos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.