A rede de colectivos contra minaría destructiva ContraMINAcción presentou alegacións no trámite administrativo iniciado no Concello de Triacastela para tentar legalizar a mina a ceo aberto que Cementos Cosmos S.A. veu explotando de forma ilegal durante as últimas catro décadas e que neste momento se encontra paralizada por non contar con licenza municipal, sendo esta só unha das innúmeras ilegalidades e irregularidades desta canteira de pedra caliza para a fabricación de cemento.
Este trámite consiste nunha nova solicitude de licenza municipal ao abeiro da disposición transitoria 12ª da Lei do Solo feita no seu día para legalizar as canteiras ilegais, ademáis dunha tentativa de saltar a avaliación ambiental dos impactos en virtude a outra disposición adicional do decreto 133/2008, o cal que xa non está actualmente en vigor.
Todo este procedemento é escandaloso, pois ademáis das trapalladas e da búsqueda de fisuras na lexislación para legalizar unha auténtica barbaridade, desde un punto de vista administrativo a prepotencia da empresa é tal que nen sequera garda as formas, con omisión de documentación, falsidade na que se presenta, e tantas irregularidades que a simple admisión a trámite demostran o servilismo e colaboracionismo da administración cas mafias mineiras e a súa total falta de respeito aos veciños directamente afectados e aos direitos da cidadanía en xeral, ao medio ambiente, ao patrimonio, e como non, á legalidade. Para ilustrar a situación, é un trámite de avaliación ambiental onde nen sequera o solicitante presenta un estudo de impacto ambiental, e onde nen sequera existe o documento do proxecto mineiro para o que se solicita a licenza urbanística.
Ademáis das irregularidades na forma, o fondo ainda é máis vergoñoso, pois preténdese conceder licenza urbanística de forma automática e sen ningunha avaliación ambiental para unha concesión mineira en recursos C) de 11 cuadrículas mineiras que poderían borrar do mapa varias aldeas, incluíndo ducias de vivendas na súa demarcación e dando direitos de expropiación forzosa sobre elas e centos de hectáreas de territorio, principalmente terras agrícolas de primeira calidade, deixando sen viabilidade case un cento de explotacións agrícolas familiares se isto se autoriza. Por se fora pouco, destruiría fisicamente un río e toda a súa bacía fluvial de prados de regadío. Resulta alarmante que Cementos Cosmos xa conte unha concesión de auga e outra de verquidos sobre ese río, feito descoñecido polos veciños da zona antes de se ter iniciado este expediente. A cousa ainda non fica ahí, pois tamén destrue fisicamente 6 camiños que forman parte do dominio público obrigando aos seus usuarios da dar un rodeo de 12 Km para comunicarse con lugares a menos de 2 Km, creando un buraco de quilómetros facendo de barreira insalvábel no territorio.
A concesión mineira tamén afecta a Rede Natura, encontrándose no LIC Ancares-Courel, pero isto tentan salvalo definindo un perímetro mineiro que se retira da súa delimitación. Ainda así, na área onde se solicita legalizar definitivamente esta canteira, hai hábitats prioritarios e várias ducias de especies de flora e fauna protexidas, feito que Cementos Cosmos oculta, e frente ao cal a administración olla para outro lado. O dano medioambiental é terrorífico, e o que pretenden é que non se avalíe.
Por se fora pouco, no referente ao patrimonio, esta canteira sitúase fisicamente sobre o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós, onde ademais de seren achados nela importantes restos paleontolóxicos e arqueolóxicos se encontram as primeiras pinturas rupestres galegas, estando encontradas até o momento un total de 94, ainda que non se descartan novos descubrimentos. Ademáis da Cova de Eirós, na área están outras 3 covas que ainda non foran estudadas e que serían totalmente destruídas. Todos estes feitos son ocultados, tanto por parte do socilitante, Cementos Cosmos, como por parte dos informes técnicos do Concello de Triacastela, como por parte da Dirección Xeral de Patrimonio. O único patrimonio que se cita é o Camiño de Santiago, ao pé do cal se encontra esta mina a ceo aberto, de desde o cal xa agora crea un impacto paisaxístico brutal durante quilómetros. A falta de escrúpulos é tal, que a empresa recoñece que o impacto sobre o Camiño de Santiago é tan negativo e de tal magnitude que non se pode evitar, polo que propón como medida correctora «potenciar a visión da canteira» e facer un mirador sobre ela cun panel informativo louvando os beneficios da minaría.
Desde ContraMINAcción consideramos que non podemos deixar que destrúan a nosa terra, a nosa economía sustentábel e o noso patrimonio deste xeito, e que por riba cando mexan por nós teñamos que dicir que chove. Consecuentemente, se este procedemento de legalización no Concello de Triacastela non se anula inmediatamente, iniciaremos todas as accións xurídicas que consideremos oportunas.
Galiza non é unha mina! A loita continúa!