Asemblea de ContraMINAcción en Ramil

asemblea_abril_14

Reunión de ContraMINAcción. Máis imaxes

O pasado sábado tivo lugar en Ramil (Agolada) un novo encontro dos colectivos da Rede ContraMINAcción, co fin de analizar o estado actual dos diversos conflitos mineiros do noso país, e continuar coas propostas de intervención e denuncia diante dos mesmos.

Ao encontro acudiron representantes dos colectivos Asociación socio-cultural O Iribio, Cerne da Terra, Comisión das minas da Terra Cha, Contramínate, Petón do Lobo, Salva la Selva, Sindicato Labrego Galego, Véspera de nada e Verdegaia. Demos repaso a diversos conflitos mineiros ao longo do noso territorio, a situación na que se encontran neste momento, e as posibles liñas de traballo a seguir respecto aos mesmos.  Falamos da situación derivada da cancelación do proxecto de Corcoesto mentres a súa Declaración de Impacto Ambiental DIA segue, teoricamente, vixente; das repercusións que sobre un patrimonio cultural da envergadura da Cova de Eirós está tendo a explotación de Cementos Cosmos, en Triacastela; da caducidade nas concesións da Terra Cha; das  louseiras do Courel, agora subterráneas; dos permisos mineiros solicitados na Fonsagrada; da posibilidade de que o Plan Sectorial de Actividades Extractivas poida supoñer a reapertura do proxecto da Limia; e da ameaza que supón o proxecto de explotación de Presqueiras,en Forcarei, proxecto que pretenden converter no maior de Europa de tántalo e estaño

A Lei do Solo, o Plan Sectorial de Actividades Extractivas ou o Plan Director  de Rede Natura, recentemente feito público, e que abre as portas a todo  tipo de explotacións mineiras, mesmo nos lugares onde se encontran hábitats e especies que deberían ter a máxima protección, están a ter unha incidencia moi negativa na protección dos usos tradicionais do solo, como a agricultura e a gandeiría, e na protección do ambiente.

A maioría dos colectivos expresaron as súas queixas polas irregularidades na tramitación dos proxectos mineiros, tanto no referente ao cumprimento dos prazos, como, sobre todo, ás dificultades encontradas á hora de acceder a información pública. A estas irregularidades súmanse as diversas estratexias de intimidación que as empresas mineiras e funcionarios públicos utilizan sobre as persoas e colectivos activos contra os proxectos.

Na Asemblea acordouse denunciar públicamente estas trabas, así como pedir aos representantes dos distintos grupos políticos que as leven ante o Parlamento galego.

ContraMINAcción perfilou tamén as liñas xerais do II Encontro galego sobre os impactos da minaría que terá lugar cara o último trimestre de 2014. Centrarase nos impactos sobre a auga e a saúde, os cambios lexislativos e o Patrimonio cultural.

Neste sentido, desde a Rede queremos facer pública a nosa defensa a ultranza de que un patrimonio arqueolóxico como a Cova de Eirós, que o propio Conselleiro de Educación cualificou como “o maior achado arqueolóxico do noroeste peninsular”, sexa considerado xa BIC, e se tomen as medidas necesarias para evitar un maior deterioro desa importante xoia da nosa historia. 

O encontro rematou cun xantar festivo ao aire libre, no que as persoas representantes dos colectivos participantes aproveitamos para estreitar lazos nun ambiente distendido e cordial.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.