Contra a criminalización dos movementos ecoloxistas e sociais

megustariadeciralgo

Viñeta de Ferrán Martín

A Plataforma Sarriana polo Río móllase para defender pacificamente o río a paisaxe, impedir a tala indiscriminada de árbores, o patrimonio de Sarria e o Camiño de Santiago.

Cun xesto solidario, ContraMINAcción quere mollarse tamén. Por iso: esiximos aos gobernantes que escoiten as súas reivindicacións e a retirada inmediata das, de momento, 35 multas que ascenden a 20.550 €.

Entendemos as multas coma unha reacción represora e caciquil, que busca acalar e reprimir a defensa pacífica do patrimonio de todos, das árbores, da natureza, do río. Unha reacción que pretende facer de calquera persoa que participe dalgún tipo de mobilización social, por moi pacífica que esta sexa, “o inimigo”,

Son esas multas un feito illado? Nin moito menos! É unha parte máis da estratexia de amedrentamento do goberno contra os colectivos sociais, e de criminalización de calquera mobilización; unha estratexia que tamén está a afectar a ContraMINAcción. Esta Rede de colectivos contra a minaría destrutiva na Galiza afronta unha multa de 400 Euros tras a numerosa e impecable manifestación levada a cabo en xuño de 2013 en Santiago de Compostela por supostas pintadas.

Desde os poderes públicos estase a levar a cabo unha auténtica campaña contra todo o que se mova, tanto por medio de medidas coercitivas e punitivas, como as multas, como por medio do control dos medios de comunicación, manipulando a realidade e intoxicando respecto ás causas, os obxectivos e o desenvolvemento pacífico das nosas mobilizacións.

Desde ContraMINAcción queremos dicir alto e claro que este tipo de medidas non nos van calar. Moi ao contrario: anímannos aínda máis, se cabe, a proseguir a nosa loita en defensa do territorio desde todos os ámbitos. Tamén na rúa. Non nos van botar dela!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.