A asociación vén de informar sobre o incumprimento dos requisitos e condicións de obrigado cumprimento que establece a licencia outorgada a nivel municipal e a total inacción do Concello de Triacastela para facelas cumprir.
Aínda que a citada autorización activouse o pasado 1 de agosto, non foi ata 12 días despois e tras abondosas dificultades impostas polo Concello que ‘O Iribio’ puido consultar o expediente de maneira completa, a partires do que, tras a análise detida do texto, solicitou á autoridade municipal a inmediata paralización da actividade de Cementos Cosmos na canteira de Vilavella ao constatar o flagrante incumprimento da filial de Votorantim dos condicionantes impostos ás tarefas mineiras.
A licenza establece que determinadas cuestións son previas ao reinicio da actividade extractiva. Entre elas están diversas autorizacións previas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que aínda non foran concedidas, como a autorización para o vertido de augas no cauce do río de Teixido, a preceptiva autorización para actividades e obras dentro do Dominio Público Hidráulico, un proxecto que contemple medidas estabilizadoras de taludes, un proxecto para sistemas de drenaxe e depuración das augas de escorrentía ou a execución dun expediente sancionador pola afectación directa de Cementos Cosmos ao dominio público hidráulico. Doutra banda, a licenza municipal tamén esixe a presentación na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dun «Plano de protección e conservación do xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós», por agora inexistente, ao igual que un novo proxecto de explotación que se axuste aos criterios de protección do Camiño de Santiago, que deberá ser verificado e autorizado por dito organismo.
Dende a Asociación ‘O Iribio’ solicitouse ao Concello de Triacastela o exercicio efectivo das súas competencias en materia urbanística, esixindo o cumprimento do disposto na Lei do Solo (Lei 9/2002 e sucesivas modificacións) e no Regulamento de Disciplina Urbanística (Decreto 28/1999) que obriga á suspensión inmediata das actividades que non se axusten ao disposto na licenza municipal, a incoar un expediente de reposición da legalidade e a adoptar medidas cautelares coa a suspensión dos subministros de auga, electricidade, telefonía e incluso o precintado das instalacións en caso de reincidencia. Legalmente, estas son medidas de aplicación inmediata que a alcaldía tería que executar de oficio nun prazo máximo de 24 horas.
Sen embargo, a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias Fontal, desatende a petición da asociación e segue a permitir a actividade mineira de Cementos Cosmos en condicións de ilegalidade, ao non axustarse ao que ela mesma dispuxo días antes.
DENUNCIA ANTE A POLICÍA AUTONÓMICA
Ante esta situación, o día 18 de agosto ‘O Iribio’ denunciou os feitos diante da Policía Autonómica de Lugo, á que corresponden as competencias de ámbito urbanístico como a a inspección das actividades sometidas á ordenación ou disciplina da Comunidade Autónoma, neste caso o incumprimento do disposto na licenza municipal.
A día de hoxe, a policía autonómica inspeccionou as actividades de Cementos Cosmos en Triacastela, e entregóuselle por parte da asociación diversa documentación para axuntar a dita denuncia.
Dende a Asocciación Socio-Cultural O Iribio denunciamos o constante trato de favor das institucións públicas a Cementos Cosmos ao permitirlle todo tipo de ilegalidades mediante políticas de «feitos consumados» nas que denuncias, demandas de inspeccións e peticións de información constantemente son desatendidas.
Triacastela, 20 de agosto de 2014