A xustiza dá a razón a Máxima Acuña fronte á empresa mineira Yanacocha

A XUSTIZA DÁ A RAZÓN A MÁXIMA ACUÑA FRONTE Á EMPRESA MINEIRA YANACOCHA
A xustiza de Cajamarca (Perú) vén de fallar a favor da activista ambiental Máxima Acuña Atalaya de Chaupe, que fora denunciada pola Empresa Mineira Yanacocha, e falsamente acusada dunha suposta apropiación ilícita en relación a un terreo situ
ado en Tragadero Grande (distrito de Sorochuco, provincia de Celendín, Cajamarca, Perú) sobre o que Yanacocha reclama a súa propiedade.

En 1994, Máxima Acuña mercara un terreo fronte a Lagoa Azul, en Celendín. En 2011, a mineira Yanacocha puxo os seus ollos sobre o terreo, que ten unha situación estratéxica, pois está na zona onde se executaría o proxecto Conga. Yanacocha quixo mercarlle o terreo a Máxima, pero ela opúxose, e, seguindo as prácticas habituais deste tipo de empresas, a mineira denunciona por usurpación ilegal de terreos.

Hai uns meses, o xulgado Penal de Celendín condenara a Máxima e a súa familia a máis de dous anos de privación de liberdade, ademais dun pago de cinco mil soles. A acusación era ter utilizado a violencia para despoxar á mineira das terras que supostamente eran da Compañía.

Pero onte esa decisión foi revogada, quedando Máxima absolta de tódolos cargos. O veredicto, que foi ditado pola Sala Penal de Apelacións de Cajamarca, foi dado a coñecer por Mirtha Vásquez, avogada de Máxima, a través da súa conta de Twitter.

En Perú, distintas personalidades da política saudaron a decisión xudicial, entre elas a presidenta da Coordinación de Dereitos Humanos, Rocío Silva, e a Ministra da Muller, Carmen Omonte.

Dende ContraMINAcción queremos mostrar a nosa solidariedade con Máxima e a súa familia, así como a nosa ledicia pola nova, e esperamos que “a dama das lagoas”, como coñecen a Máxima no seu país, deixe de ser acosada pola mineira, que xa anunciou que presentará recurso contra a decisión xudicial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.