Esperando pola absolución de Marcos Celeiro

Os colectivos de ContraMINAcción agardamos a absolución de Marcos Celeiro trala denuncia intimidatoria e infundada de Cementos Cosmos

Un momento da concentración en apoio a Marcos

Un momento da concentración en apoio a Marcos

Esta mañá tivo lugar en Vigo a vista oral do proceso que se segue contra o activista Marcos Celeiro, da asociación O Iribio, por suposto delito de danos contra o honor da empresa Cementos Cosmos, que desenvolve a súa actividade en Triacastela, enriba dunha das xoias da arte rupestre, a Cova de Eirós.

Á súa saída do xulgado, Marcos atopouse cun numeroso grupo de veciños de Triacastela, que se desprazaron ata Vigo para arroupalo durante o proceso. Estaban presentes na porta do xulgado tamén un considerable número de activistas de distintas organizacións medioambientais, nomeadamente de ContraMINAcción, rede contra a minaría destrutiva na Galiza, da que O Iribio fai parte. Ás persoas que se congregaron diante dos xulgados, habería que engadir o apoio expreso a Marcos Celeiro que deron medio cento de organizacións sociais de Galiza e do resto do mundo, que asinaron durante esta semana un manifesto de solidariedade que se pode ler na anterior entrada do noso blog.

Marcos, á saída do xuízo

Marcos, á saída do xuízo

As persoas alí presentes portaban diversas pancartas con lemas alusivos á defensa das liberdades, así como ao dereito a defender a nosa terra.

Na vista pública, ademais de Marcos, declararon un representante da empresa e dous peritos en cuestións relacionadas coas redes sociais. As conclusións de ambas partes (acusación e defensa), que non chegaron a lerse por falta de tempo, serán analizadas pola xuíza nun prazo de menos dunha semana, antes de que quede visto para sentencia.

O que está en xogo neste xuízo non é só se Marcos é ou non inocente (algo sobre o que desde ContraMINAcción non temos dúbida ningunha), nin se a empresa -que, non o esquezamos, acumula un gran número de denuncias nos xulgados por diversas irregularidades- ten ou non dereito a unha indemnización.

O que está en xogo é algo que vai moito máis aló: a nosa posibilidade de continuar loitando libremente para defender o noso medio ambiente e a nosa terra. E o noso dereito á liberdade de expresión.

Que vai ser das organizacións sociais se se ameazan as nosas liberdades?

Desde ContraMINAcción pensamos que esta demanda é un castigo da multinacional contra unha das cabezas visibles da loita contra as irregularidades detectadas na súa actividade. Deste xeito preténdese, á vez que manter un activista (e mesmo a todo un colectivo) apartado da súa loita, ocupado en responder a esa demanda, desactivado, en fin; amedrentar tamén a tódalas persoas, a tódolos colectivos, que se atreven a levantar a súa voz contra a inxustiza, as irregularidades empresariais e os abusos.

Equivócase Cementos Cosmos se agarda que abandonemos a nosa loita e deixemos a nosa labor de denuncia. Moi ao contrario, o ataque a Marcos só serve para mobilizarnos aínda máis e unirnos.

Nin nos van calar, nin nos van parar.

Un comentario en “Esperando pola absolución de Marcos Celeiro

  1. epdi

    Aí estamos. Eu loito desde Fene contra Reganosa fora da ría Xa. Ferrol e a súa comarca contra esta noxenta eiva da nosa ría e por á supervivencia da riqueza marisqueira. É a expresión máxima da corrupción da #casta78. Xuntos na loita por deixar descolonizador a nosa Nación do imperio de “una grande libre capital Madrid”

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.