Máis minas contaminantes para Galicia: alerta social

8933701484_c3b2cb96c3_b NOTA DE PRENSA ISABELA II

27 Xaneiro 2016

O Goberno da Xunta do PP segue a pensar que “Galiza é unha mina” como proclamaba a súa campaña institucional. Despois da multitudinaria manifestación contra a Megaminaría contaminante convocada por ContraMINAcción e as miles de sinaturas recollidas, xa non o din tan claramente, mais os feitos condúcennos a pensar que así é.

A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de anunciar que se somete a información pública o expediente da solicitude do permiso de investigación mineira Isabela II, tras resolver favorablemente a admisión definitiva da solicitude presentada o 20 de xuño de 2011, pola sociedade Grupo M-FM 2001, S.L., de permiso de investigación mineira de recursos da sección C), de 156 cuadrículas mineiras, situado nos termos municipais de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco, na provincia da Coruña.

Dificultades no acceso a información

O anuncio non facilita outra información ademais das coordenadas da superficie que será sometida a explotación. Desde Verdegaia, para facilitar a identificación da superficie afectada, trazamos a mesma en Google Maps. A superficie afectada é de 43.6 quilómetros cadrados (unha superficie equivalente a 4.360 campos de fútbol), que se encadran dentro da zona coñecida como cinto de ouro de Malpica-Tui.

Nos Concellos o público non dispón da información necesaria para facer alegacións, e para ver o expediente é necesario trasladarse ata A Coruña. Por desgracia, acotío acontece que na Sección de Minas da Xefatura Territorial, non dan moitas facilidades para ver os expedientes, e se son solicitados en formato electrónico, adoitan chegar fóra de prazo para alegar.

A Consellería debería informar ás persoas afectadas que un permiso de investigación de recursos mineiros tipo C pode converterse nun futuro non moi afastado nun permiso de explotación que podería cambiar para sempre as súas vidas.

Leis franquistas

Grazas a unha lei de minas franquista e a unha lei –tamén franquista– de expropiación forzosa, as persoas propietarias das terras afectadas poderán perder as súas terras por un xustiprezo, que normalmente non vai ser xusto. E iso no mellor dos casos, porque podería acontecer que a túa casa quedase ao pé da explotación, mais que non a expropiasen pero que tiveses que soportar ruídos, fendas, polución…

A empresa Grupo M-FM 2001, S.L., que nos últimos anos recibiu do Estado subvencións de varios centos de miles de euros para a exploración mineira, vai buscar a licenza social para a súa actividade. Para iso este tipo de empresas adoitan contratar a unha persoa que teña unha boa consideración entre a veciñanza da zona para convencer da necesidade de que permitan facer as catas nos seus terreos. Prometerán postos de traballo para aquelas persoas e as súas familias que permitan gratuitamente furar nas súas terras. Dirán que o ouro correrá polas mans de todas e todos, mais nada diso acontecerá.

Os concellos deben velar polos intereses da veciñanza

Segundo advirten dende a Asociación Ecoloxista Petón do Lobo, unha vez aprobado definitivamente o permiso de investigación mineira, os concellos xa non van poder facer nada por parar a exploración no seu dominio público, aínda que teñan prevista facer unha sondaxe no portal do Concello. Instamos polo tanto aos catro concellos afectados a que estuden o expediente, o divulguen entre a veciñanza e fagan as oportunas alegacións opoñéndose ao mesmo. Estamos a falar dun entorno humanizado, con valiosos elementos patrimoniais, explotacións agrícolas, gandeiras e forestais.

A xente ten que saber que ten dereito a non permitir que entren nas súas fincas a traballar. E que se entran, as autoridades teñen a obriga de protexer as súas propiedades, polo que poderán acudir á Garda Civil para que coiden dos seus intereses.

Se hai información e unión, no haberá licenza social

Se algunha persoa consente en que traballen na súa finca, deberá saber que se está arriscando a que nun breve prazo pode perder a súa finca e a súa vivenda. Cómpre que teñan isto en conta cando pidan unha compensación económica. As persoas cobizosas, que saiban que a empresa sempre lles vai dicir que están a pagarlles moito máis que ás súas veciñas e veciños. Habitualmente, as empresas mineiras rompen a paz social enfrontando á veciñanza entre as persoas que buscan un posto de traballo na mina e as que se opoñen ás instalacións mineiras. Para evitar este problema, recomendamos a obxectividade: que a xente se informe do que se pretende facer, e do que acontece e ou aconteceu con outros proxectos mineiros semellantes.

Consideramos prioritario que as persoas que residen ou teñan intereses lexítimos nos Concellos de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco se informen do plano de investigación mineira e das consecuencias que podería ter, e que comparezan como parte interesada no expediente para que sexan informadas e tidas en conta no desenvolvemento deste expediente de licenza de investigación. Para iso a A.S.C. O Iríbio facilitou modelos de comparecencia no expediente. Tamén, cando a administración nos facilite o expediente, elaboraremos alegacións para que sexan presentadas polas persoas afectadas. A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños acordou dar charlas informativas para contrarrestar a falta de transparencia por parte da administración, facilitando así a participación pública e a defensa do ambiente, da paz social e dos intereses dos particulares das persoas afectadas.

Outros proxectos en Galiza

Dende o Sindicato Labrego Galego advirten que este non é o único proxecto mineiro que está a desenvolver a Administración. Nos concellos de Santa Comba e Zas, empresas filiais da canadense Edgewater solicitaron os permisos de investigación para ouro denominados Grixoa, Vilar e Monte Castelo que afectan a 1.680 hectáreas; e na comarca de Bergantiños as Julias (tamén de ouro) mobilizaron a toda a contorna.

Moitos son os permisos de investigación, e proxectos de explotación en tramitación en Galiza: A mina de tantalio de Forcarei (a maior de Europa), a da Terra Cha que continúan a dirimirse nos xulgados, os de Seixo de Erinsa na comarca de Ordes Compostela (8000 ha), ou todos os permisos de ouro da montaña de Lugo A Fonsagrada, Baleira, Baralla, Becerreá, etc. En Lousame está a piques de estalar un grave conflito social pois a mineira Sacyr en busca de volframio está pechando ilegalmente o acceso ao monte aos seus comuneiros.

Non entendemos como non se dá prioridade á agricultura, que é unha alternativa sustentable, con vocación de permanencia no tempo que xera postos de traballo de calidade e de futuro fronte a estas actividades destrutivas e temporais con postos de traballo precarios e de moi pouca duración.

Apoian este comunicado:

A Ría Non Se Vende, A Terra Non Se Vende, Asociación autonómica Cova Crea, Asociación autonómica e ambiental Petón do Lobo, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), ContraMINAcción, Contraminate, Foro Social de Cangas, Galiza Non Se Vende, Greenpeace, O Iribio, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma veciñal Corno do Monte, Salva la Selva, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia, Véspera de Nada, Voces polo Litoral de Teis

 

Sin título

2 reflexións sobre “Máis minas contaminantes para Galicia: alerta social

  1. Rita Martinez Gude

    Estou totalmente en contra de desfeitas ecoloxicas pasadas presentes e futuras que coa desculpa de crear postos de trsballo (sempre falsa)fan ricos a uns poucos e danan o entorno de xeito irreversible Estou a favor dos que loitan por crear riqueza de xeito sostible

    Responder
  2. Pingback: Máis minas contaminantes para Galicia: alerta social | Véspera de Nada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.