Non ao proxecto de Lei de Fomento Empresarial!

ContraMINAcción chama ás organizacións sociais de Galiza a paralizar o proxecto de Lei de Fomento Empresarial

Esta semana, os grupos políticos da oposición no Parlamento de Galicia mantiveron unha xuntanza para analizar o contido do proxecto de Lei de Fomento das Iniciativas Empresariais impulsado polo Partido Popular. A esta xuntanza asistimos representantes da nosa rede, e puidemos coñecer as graves repercusións que podería ter para Galiza a aprobación deste proxecto.

En primeiro lugar, trátase dun proxecto de lei que pretende, baixo a falsa intención de fomentar iniciativas empresariais, desregular diferentes ámbitos como o eólico, forestal, mineiro, hidráulico, cooperativo, etc. Este proxecto de lei equivalería á aprobación de varias leis nunha e conseguiría eliminar calquera debate público sobre temas e cuestión moi sensibles para a sociedade galega que requirían dun amplo consenso social e político.

De ter existido anteriormente unha lei como esta de Fomento das Iniciativas Empresariais, non tería sido posible frear atentados ambientais como o proxecto da mina de Corcoesto, ou a extracción de feldespatos na Limia ou seixo da Terra Chá. Fóra do ámbito mineiro, tampouco tería sido posible impedir a aprobación da Lei de Acuicultura.

Un dos problemas principais do proxecto ten que ver co acceso a información ambiental, dereito que na práctica se elimina, deixando en mans das empresas que decidan que é secreto industrial, nun claro conflito coa lexislación europea e española. Elimínanse controis ambientais e acúrtanse os prazos para evitar todo tipo de alegacións da cidadanía. Particularmente, procúrase minimizar a intervención e capacidade de resposta da administración de augas (nomeadamente Augas de Galicia), nun momento no que a escaseza de recursos hídricos e o cambio climático pon en perigo o acceso básico en numerosas localidades.

A lei di que se promoveu unha ampla participación social para a súa redacción pero se ignora cando e como se deu dita participación.

ContraMINAcción considera que é unha auténtica falacia argumentar que esta lei se promove para tratar de competir cos investimentos empresariais no norte de Portugal. Tendo en conta que toda a desregulación vai dirixida a sectores primarios e extractivos, ditas actividades dependen fundamentalmente da existencia ou non de recursos e, en menor medida, do marco normativo. En calquera caso, a existencia de controis normativos e administrativos para a explotación de recursos que requiren de autorización ou concesión pública, serven para garantir que os beneficios colectivos prevalezan sobre os privados. Pola contra, a desregulación é unha forma de facer prevalecer os dereitos privados das grandes empresas sobre os colectivos ou os privados dos propietarios de terras agrarias ou montes. Faise, deste modo, unha aposta decisiva pola expropiación forzosa en favor de negocios privados coa protección do Goberno Galego.

Por todo o devandito, ContraMINAcción fai un chamamento a tódalas organizacións sociais de Galiza para tratar de organizar diversas iniciativas informativas e de mobilización para frear este proxecto de lei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.