A minería e outras actividades extractivas prexudiciais para a terra como as canteiras e a extracción de turba caracterizan a paisaxe dende fai anos. Non obstante, nos últimos tempos, as actividades extractivas non só aumentan rapidamente, senón que tamén hai un interese emerxente das grandes corporacións globais.
Un número de novas licenzas mineiras importantes de metais raros e preciosos emitíronse en torno á fronteira irlandesa e en moitos concellos atópanse unha gran cantidade de minas ilegais. A industria de combustibles fósiles tamén intentou instalarse hai pouco, ameazando os bosques e o abastecemento de auga.
Gran parte da industria irlandesa está mal regulada: a planificación retrospectiva é común e a aplicación é débil. As historias de inxustiza ambiental son persistentes e crecentes. Teñen o maior vertedoiro ilegal de Irlanda nunha antiga canteira non regulada, situada ao lado dun río onde Derry / Londonderry obtén a maior parte do seu auga potable. Lough Neagh ten a maior mina ilegal nunha zona de protección especial en toda Europa.
O evento explorará os impactos económicos e sociais destas industrias e a regulación ambiental será un tema común. Tamén hai que ter en conta que hai alternativas aos proxectos extractivos, como o ecoturismo, a agricultura sostible e o traballo cara a unha economía circular.
A conferencia terá lugar o sábado 14 de abril de 2018 no Greenvale Hotel, en Cookstown, e outros eventos terán lugar durante a semana. A conferencia terá especial interese para os políticos, os responsábeis das decisións, as comunidades e as ONG.
Estará presente unha representante de ContraMINAcción, María Schery, da Plataforma Corno do Monte.
Redes internacionais para afondar nas políticas extractivas
ContraMINAcción ten xa en torno a uns 5 anos de existencia. Neste tempo, participou en diversas actividades no plano internacional e estableceu lazos de amizade e solidariedade con organizacións que confrontan problemas similares. O pasado ano 2017, non só actuou de anfitrioa do I encontro internacional da rede Sí a Vida Non a Minería en Santiago de Compostela, senón que ao tempo presentou o seu III Encontro contra a Minaría na Galiza.
Ademais, un membro de ContraMINAcción asistiu a París a unha conferencia organizada por Enxeñeiros sen Fronteiras de Francia. E tamén houbo participación activa en Bruxelas, nun seminario sobre políticas europeas de materias primas con presencia de numerosas organizacións a nivel europeo.