Silleda e A Baña son unánimes: NON á mina de Touro

A PLATAFORMA VECIÑAL MINA TOURO – O PINO NON, membro de ContraMINAcción informa:

Logo de recibir o premio pola Defensa e Conservación do Medio Ambiente da Fundación Insua dos Poetas, a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON recibe o apoio unánime dos plenos de Silleda e a A Baña.

A Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON ven de recibir durante a celebración da X Festa da Palabra no Carballiño o recoñecemento pola Defensa e Conservación do Medio Ambiente que outorga a Fundación Ínsua dos Poetas, nunha edición que homenaxeaba a figura de Víctor Campio.

Isabel García, da plataforma, quixo compartir o premio coas veciñas e veciños de Touro e O Pino pero tamén con “todas aquelas persoas que se ven nunha situación similar coa que nós nos atopamos”. Aproveitou, mentres recollía o galardón, para salientar o traballo e compañeirismo da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e das máis de 140 asociacións e as xa 39 institucións que apoian á plataforma no seu rexeitamento da megamina de cobre a ceo aberto nos municipios coruñeses. No acto estaban presentes Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.

Silleda e A Baña únense á loita por unanimidade

Esta mañá eran dous os concellos que se sumaban á loita contra o polémico proxecto de extracción de cobre. A primeira hora da mañá, o alcalde Manuel Cuíña (PSOE) presentaba no pleno de Silleda a moción que as plataformas Mina Touro – O Pino NON e en Defensa da Ría de Arousa levaron xa polos concellos da ría e da conca do Ulla. Xa preto do medio día, o concelleiro César Ramos (CxG) facía o mesmo no Concello da Baña. En ámbolos dous casos as mocións foron aprobadas de xeito unánime polos concelleiros de todos os grupos municipais.

Son, a día de hoxe, 37 concellos e as Deputacións da Coruña e Pontevedra as institucións que de xeito oficial rexeitan o comprometido proxecto, a unhas semanas de que se cumpra un ano da súa publicación no DOG.

O contido da moción:

1.-Instar ás Consellerías do Mar, Medio Rural, a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a de Cultura e Ordenación Universitaria e á de Economía, Emprego e Industria a emisión de informes negativos tal e como procede polas las consecuencias negativas descritas e todas as que en alegacións se presentaron polas entidades e particulares, e así se desestime a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael, nº 2946, ditando así mesmo unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, coas captacións de auga potable de numerosos concellos, coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos ESO14PEAEGAL-19, ESO14PEAEGAL-18/02 e ESO1429, de protección do Camiño de Santiago e da actividade económica estratéxica e fundamental dos concellos de Touro e O Pino baseada na agricultura, a gandeiría, as industrias agroalimentarias e forestal, o turismo, a hostalería e os servizos.

2.- Instar á Xunta de Galicia para que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados e drenaxe ácida, para como mínimo asegurar que non se siga comprometendo a calidade ambiental dos afluentes do río Ulla e por tanto da rede Natura 2000, que verten dos terreos da anterior mina ó río Ulla e de ahí á Ría de Arousa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.