A MINA DE TOURO-O PINO AMEAZA O PATRIMONIO MUNDIAL DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago ( FICS), 7 de novembro de 2018

Tal como a FICS fixo público o pasado mes de xuño, o proxecto de mina a ceo aberto nos termos municipais do Pino e Touro é unha grave ameaza ao Camiño de Santiago (Camiño Francés), ante a cal a Xunta de Galicia -administración responsable da protección deste Ben Cultural de valor universal- garda silencio.

Un recente informe técnico do Comité Internacional de Monumentos e Sitios ( ICOMOS), organismo asesor da UNESCO en materia de conservación do Patrimonio Mundial, confirmou as graves ameazas contra o trazado do Camiño Francés e a súa adecuada conservación tras unha minuciosa análise do proxecto mineiro e a documentación achegada pola propia empresa promotora Atalaya Mining-Explotacións Galegas S. L. O texto, ao que a FICS tivo acceso, subliña que o proxecto “supón unha clara violación da normativa de protección” que non só invade a contorna do Camiño Francés senón que supón a destrución material de parte do seu trazado, “ contravindo a lexislación -nacional e internacional- vixente na materia”.

Convén lembrar que para que un Ben Cultural sexa incluído na Lista de Patrimonio Mundial, as administracións responsables da súa custodia deben responsabilizarse dunha estrita preservación do mesmo para que conserve os seus valores de identidade.

No citado informe, ICOMOS afirma que a actuación das administracións contraviene “os compromisos adquiridos polo Estado español ao promover a inscrición do Camiño de Santiago na Lista do Patrimonio Mundial”. En particular, o organismo internacional de custodia do patrimonio cultural sinala que “non se tivo en conta a necesidade de previr ao Comité do Patrimonio Mundial respecto a a actuación que se pretende realizar”, en alusión ao proxecto da mina de cobre de Touro-O Pino.

Tras un detallado estudo do tramo afectado, sinálase unha lista de afeccións negativas que provocaría o proxecto mineiro, que inclúe tanto a deterioración do medio natural inherente ao Camiño de Santiago –que segundo o informe afectaría polo menos a 2,7 millóns de peregrinos durante a duración da actividade extractiva da mina– como a destrución de parte do “itinerario xacobeo protexido” entre Quión e Arca e de parte dos bens culturais asociados ao Camiño.

O resultado desas afeccións, sumadas a outras agresións sufridas pola ruta xacobea nos últimos anos, supón unha “perda continuada dos valores patrimoniais” que pode implicar unha “profunda repercusión pola súa influencia na identidade do propio Camiño”. En canto a esta perda de identidade, o informe de ICOMOS lembra o seguinte: “No caso da perda dos valores excepcionais polos que foi incluído na Lista do Patrimonio Mundial un Ben Cultural, ou que o Estado parte non solvente os perigos comprobados ou potenciais que afecten o Ben, este pode ser excluído da Lista do Patrimonio Mundial pola UNESCO”.

A FICS, como entidade que agrupa a peregrinos e expertos no Camiño de 27 países, desde o primeiro momento preocupouse pola posible afección deste desproporcionado proxecto ao pé mesmo do Camiño Francés.

O informe técnico citado, elaborado polos expertos do organismo de referencia en materia de conservación do Patrimonio Mundial, confirma que estamos ante unha das maiores ameazas á conservación do Camiño de Santiago como ben cultural de valor universal.

Por este motivo a FICS, tras reunirse con empresa promotora e plataforma de afectados e despois de levar a cabo estudos sobre o terreo por parte dos seus propios expertos, obtendo conclusións que agora ven referendadas polo informe de ICOMOS, expresa o seu rotundo rexeitamento a este proxecto, completamente alleo ao contexto xacobeo, que supón unha ameaza aos valores culturais do Camiño, e demanda ás administracións responsables que poñan todos os medios que a Lei pon á súa disposición para impedir o que, con toda probabilidade, podería converterse no maior atentado patrimonial sufrido polo Camiño de Santiago en chan galego.

 

Escoita unhna entrevista na radio, cadena Ser

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.