Con preocupación, Touro mira a Brumadinho

E chama a atención sobre o grave risco que supoñen as balsas mineiras de Touro 

As balsas mineiras que Cobre San Rafael proxecta para a mina de cobre a ceo aberto de Touro e O Pino supoñerían unha grave ameaza para a vida dos veciños, ao non contemplar os riscos de inundación e terremoto ou o mantemento tras o peche da mina.

A poboación de Touro e O Pino mira estes días con consternación e temor a traxedia vivida en Brasil a consecuencia da ruptura dunha balsa de residuos mineiros, que deixa tras de si, a día de hoxe, 58 mortos, 305 desaparecidos e 24.000 veciños evacuados polo risco de inminente rotura dunha segunda presa. As comparacións, nestes meses de incertidume ante a decisión da Xunta de Galicia sobre o Proxecto Touro, son inevitables, máis se cabe tras coñecer o recente informe da Sociedade Galega de Historia Natural, que alerta de que Cobre San Rafael, a empresa promotora, non levou a cabo un estudo para avaliar a seguridade das presas de estériles do proxecto en base aos novos cálculos ou modelos de seguridade e, por tanto, non valora os custos humanos, sanitarios, económicos e ecolóxicos do peor accidente posible, que sería a rotura das balsas mineiras, con vertedura ata o sistema fluvial Ulla – Deza, igual que ocorreu o pasado venres no estado de Minas Gerais. De ocorrer unha eventualidade similar na mina de Touro, un río de lodos con residuos minerais contaminantes chegaría ata a ría de Arousa, deixando ao seu paso devastación en toda a conca do río Ulla, convertido nun inmenso mar de barro tóxico.

Convén lembrar que o Proxecto Touro recolle que “se espera que os procedementos de monitoreo e evacuación, así como a capacitación do persoal, permitirían protexer tanto ás poboacións como ao persoal da planta en caso de falla dos muros. Por outra banda, non se espera unha falla rápida nos muros, senón máis ben que calquera falla entregue avisos que permitan a reacción do persoal”. Seguramente o proxecto da mina de ferro de Brumadinho tamén recollía unha apelación á esperanza similar e, con todo, as sirenas non soaron nin funcionaron os demais sistemas de aviso para evacuar.

No caso do proxecto mineiro de cobre a ceo aberto de Touro, que Cobre San Rafael presentou ante a Xunta de Galicia, a presa proposta está situada a menos de 200 metros augas arriba da aldea de Arinteiro, que inclúe 5 granxas e unha poboación permanente de 20 fogares. Dado que habería entre 10 e 100 vidas humanas en risco en caso dunha falla da presa, a categoría de risco é “moi alto”, segundo a Canadian Dam Association (2013). De acordo coa Federal Emergency Management Agency (FEMA, 2005, 2013), a presa de estériles de planta debe deseñarse para soportar a Inundación máxima probable (IMP) e o Terremoto Máximo Crible (TMC). Segundo a Canadian Dam Association (2013), a presa de estériles de planta debe deseñarse para soportar unha inundación de 10.000 anos e un terremoto de 10.000 anos utilizando o enfoque informado por risco. Con todo, estas cuestións non se tiveron en conta no Proxecto Touro. Da consulta dos documentos presentados pola promotora, compróbase que o período de retorno máis longo que se considerou foi de 500 anos. Tampouco se contempla un plan para a xestión a longo prazo ou perpetua do sitio da mina despois do peche. Édicir, unha vez que a actividade mineira cese ou a explotación sexa abandonada, como xa ocorreu coa anterior explotación, non se levara a cabo ningún tipo de mantemento que poida evitar a falla das balsas mineiras ou a drenaxe aceda. A presa seguiría sendo unha ameaza constante para a vida dos veciños de Arinteiro, pois Cobre San Rafael, participada pola multinacional Atalaya Mining, non contempla riscos como a falla da balsa durante inundacións e terremotos ou a falta de mantemento despois do peche da mina.

A plataforma veciñal Mina Touro – O Pino NON non quere que haxa que lamentar no futuro nin unha soa vítima mortal, nin unha soa casa sepultada pola riada de contaminación, motivo polo que insiste na necesidade de que a Administración aplique o principio de precaución, que esixe que en caso de ameaza para o medio ambiente ou a saúde, e nunha situación de incertidume científica, se tomen medidas apropiadas para previr o dano. A Administración debe anticiparse e actuar xa para evitar que un suceso deste calibre poida chegar a ocorrer, e non para formar un gabinete de crise cando a catástrofe sexa un feito.

Os veciños de Touro e O Pino non deben resignarse a vivir nun estado de alarma constante por medo á rotura dos diques de contención das balsas. Non deben ser protagonistas da crónica dunha traxedia anunciada, nin vítimas dun crime ambiental contra a vida humana.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.