O IV Encontro de ContraMINAcción remata coa proxección do documental “San Finx: a catástrofe de 1960” e unha visita a Touro dos colectivos invitados

Logo da intensa e produtiva xornada do sábado, na que o IV Encontro de ContraMINAcción arrancaba coa exposición das distintas problemáticas dos colectivos invitados, o domingo comezaba coa proxección do documental “San Finx: a catástrofe de 1960”, de Irene Pin Basanta, que recolle as testemuñas da veciñanza e colectivos ambientais do desastre da mina de wolframio de Lousame. Trala rotura das comportas da presa máis grande da explotación no ano 1960, os lodos deixaron baldíos todos os terreos ó seu paso, aínda improdutivos a día de hoxe. Coa reactivación da concesión no ano 2009, nin o proxecto de explotación nin a restauración foron sometidos á preceptiva Avaliación de Impacto Ambiental, mentres que as presas presentan un grave estado de deterioro, con acumulación de millóns de metros cúbicos de lodos mineiros. A actual concesionaria, filial do Grupo Sacyr, non prevé nin o tratamento da drenaxe ácida de mina nin a retirada das presas, pese á potencial afectación á actividade marisqueira e á saúde pública e a contaminación das augas, con metais pesados que superan varias veces os límites máximos permitidos para cadmio, cobre e cinc.

Posteriormente ó visionado do documental, e como remate do encontro, os actos trasladáronse a Touro, onde os membros das plataformas invitadas puideron coñecer de primeira man os impactos da antiga mina e os terreos afectados polo novo proxecto de explotación de cobre a ceo aberto, que a empresa Cobre San Rafael promove da man da multinacional chipriota Atalaya Mining. Na aldea de Arinteiro, en Loxo, as veciñas e veciños máis directamente afectados explicaron as nefastas consecuencias que para eles tería a apertura da mina, con dúas enormes balsas de lodos e entulleiras a menos de 200 metros das súas casas, poñendo en risco directo as súas vidas no caso de que os muros de contención rompesen. Balsas e escombreiras que a mineira pretende instalar sobre prados e montes propiedade dos veciños, e nos que desenvolven os seus labores agrícolas e gandeiros.

Tras contemplar a vista panorámica que o Mirador do Picón ofrece de todo o entorno que rodea a mina, co aeroporto internacional de Lavacolla e o Camiño de Santiago de fondo, o itinerario chegou ó seu fin coa visita ó rego Portapego ó seu paso por Fonte – Díaz, cuxa cor totalmente alaranxada deixou abraiados ós visitantes, máis aínda cando souberon que Cobre San Rafael non contempla a súa restauración coa excusa de que, debido á hiperacidez das augas, existen bacterias extremófilas de gran interés para o estudio da vida extraterrestre.

As sensacións que deixan estas xornadas sobre os impactos da minaría na Península Ibérica son moi positivas e, sen dúbida, axudarán a tender lazos e crear e reforzar alianzas de colaboración e solidariedade entre as organizacións e plataformas sociais que tratan de facerlle fronte ó boom da minaría. A unión social é fundamental para porlle freo á epidemia extrativista que se extende de xeito cada vez máis global.

Dende ContraMINAcción agardamos contar con vós para darlle a máxima difusión posible a este comunicado. De todos e de todas é a terra que está ameazada. Moitas grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.