ContraMINAcción reclama que se deixe traballar á xustiza e que se condene a tódalas persoas responsables

Onte a mediodía os medios de comunicación destacaban unha nova: o Director xeral de Minas deberá declarar como investigado por presunta prevaricación ambiental no contexto das investigacións da Fiscalía iniciadas en 2017 a raíz dunha denuncia presentada pola Asociación Ecoloxista Verdegaia e hoxe seguidas polo Xulgado Penal de Noia.


Contraminacción quere mostrar a súa preocupación pola divulgación da fase actual das pesquisas e demanda que Xulgado e Institucións adopten as medidas necesarias para que non se poña en perigo a investigación penal en curso relativa, entre outros aspectos, aos danos ambientais causados polas minas de San Fins. Uns danos que se levan producindo durante anos até o presente, tanto por acción como por omisión de persoas, en plural, con nomes e apelidos.

Bernardo Tahcoes (Praza Pública)

Bernardo Tahcoes (Praza Pública)

 

A publicación de filtracións só contribúe a que aumente aínda mais o risco de destrución de probas, antes de que se teñan adoptado medidas provisionais que o eviten eficazmente. Adicionalmente, aínda que como entidades ecoloxistas, podemos coincidir plenamente na necesidade de esixir responsabilidades políticas polas políticas de desfeita ambiental ao servizo do lobby mineiro, subsidiándoo e promovendo activamente a obstrución do dereito de acceso á información ambiental da cidadanía, advertimos do risco de frivolización política no momento presente que só favorece aos responsábeis penais dos delitos que se investigan. A petición de responsabilidades políticas é unha mensaxe reducionista, que transmite a idea de que anos de presunta impunidade se poderían explicar pola mera conduta dun político, sen participación dos funcionarios públicos nas respectivas áreas de actividade, omitíndose tamén ou quedando en segundo plano as primarias presuntas responsabilidades ambientais dos administradores das empresas mineiras.

 

A petición de responsabilidades políticas non exime das responsabilidades penais polas condutas desenvolvidas, poidan ou non ser mellor entendidas en casos particulares á luz dunha determinada acción de goberno. Contraminación esixe que, para que casos como o de San Fins non se repitan (un caso que por paradigmático, non é nin moito menos único), se condene a todas as persoas responsables dos presuntos delitos que se investigan.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.