A demanda foi admitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e encóntrase na fase de práctica de proba
Diversos colectivos e organizacións integrantes da rede ContraMINAcción levaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a denominada “Instrución Tahoces” (oficialmente Instrución 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas) que fora aprobada o verán pasado polo director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, no medio de fortes críticas dos movementos sociais, que a consideran un paso máis para obstaculizar o acceso á información ambiental relativa a proxectos mineiros e enerxéticos.
O TSXG admitiu a demanda que veñen de formalizar esta mesma semana a Asociación Petón do Lobo, a Asociación Sociocultural O Iribio, a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, o Sindicato Labrego Galego e Verdegaia, co apoio doutros colectivos integrantes na rede. Mediante a demanda contencioso-administrativa preténdese que o tribunal anule os aspectos da Instrución que vulneran non só a lexislación de rango superior en materia de acceso á información ambiental, senón que a propia Convención de Aarhus da que é parte contratante o Estado e que recoñece os dereitos de acceso á información ambiental e á participación pública en proxectos que afecten o ambiente.
Entre outros aspectos, a Instrución realiza unha interpretación restritiva do que constitúe información ambiental, en vulneración das definicións internacionais. Modifica, ademais, o réxime de acceso creando obstáculos que contrarían as normas legais, por exemplo obrigando ao pagamento de taxas previas (independentemente de que a administración resolva ou non favorablemente a solicitude) ou alterando os prazos de resolución que establecen as directivas europeas.
A actitude obstaculizadora sistemática do departamento de Minas da Xunta ven sendo denunciada de xeito continuo polos colectivos, ata o punto de estar actualmente aberto un procedemento ante a Comisión de Cumprimento do Convenio de Aarhus, nas Nacións Unidas, polo carácter sistemático destas vulneracións, existindo sentenzas previas do propio TSXG que condenaron á Xunta a entregar copias de expedientes mineiros que viñan sendo retidos ilegalmente.
Desde ContraMINAcción denúnciase a tentativa de dar aparencia de legalidade e institucionalizar as prácticas obstaculizadoras e escurantismo que veñen caracterizando a actuación do departamento de minas, recortando dereitos e liberdades fundamentais e saltándose a normativa básica en materia de acceso á información ambiental. Desde ContraMINAcción lembran a imputación de Ángel Bernardo Tahoces por presuntos delitos de prevaricación ambiental ligados á mina San Finx, en Lousame, e que tamén gardarían relación coa ausencia dos trámites de participación pública na aprobación de proxectos mineiros, outra das compoñentes básicas da Convención de Aarhus.