As peticións sobre a mina de Touro seguirán abertas no Parlamento Europeo

A xornada da delegación de representantes das asociacións contrarias á mina de Touro comezaba esta mañá coa reunión con Tatjana Zdanoka, vicepresidenta da Comisión de Peticións e con representantes dos distintos grupos políticos con representación na Eurocámara, onde estes escoitaron as reivindicacións do colectivo e mostraron a súa preocupación pola situación actual da minería en Galicia.

Pola tarde tocaba a quenda para a defensa das tres peticións sobre a mina de Touro, presentadas polas asociacións galegas Cova Crea, Petón do Lobo e Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON. Aínda que cada representante dispuxo de 5 minutos para expoñer a súa petición, o debate posterior levou a cabo de forma conxunta, unificando as peticións coma se fose unha, dada a conexión entre as tres.

O primeiro peticionario en intervir foi Luís Gallardo, veciño de Touro, quen solicitaba á Comisión de Peticións “que tome en serio a falta sistemática de cumprimento da lexislación da Unión Europea nas operacións mineiras galegas, e antes de que sexa demasiado tarde”, do mesmo xeito que explicaba que “desde que se presentou un novo proxecto para reabrir a mina en 2017, as autoridades estivéronse burlando de nós, xogando ao gato e ao rato. Retense a información ambiental, ignórase a Convención de Aarhus, restrínxese a participación pública e impóñense multas e sancións ridículas só despois de nosas continuas denuncias pola contaminación. Dinnos que vaiamos aos tribunais. E imos. O fiscal iniciou varias investigacións penais pero o sistema non funciona. Os xuíces e fiscais carecen dos recursos para levar a cabo investigacións penais longas e complexas relacionadas co medio ambiente, en particular cando abordan ducias de casos coñecidos e implicacións sistémicas. A administración é moi consciente disto e esa é a razón principal para manter a información ambiental crucial lonxe do público. […] Eles chámano ‘operación de baixo custo’ e ‘administracións amigas’, nós chamámolo morte, destrución, impunidade, inferno”.

O foco sobre a afección da mina de Touro á calidade das augas poñíao a segunda peticionaria, María del Pilar Sampedro, mariscadora da Ría de Arousa, quen destacou o papel da frota pesqueira na economía galega e como a actividade mineira descontrolada en Galicia mata lentamente “o noso modo de vida, o noso futuro e o dos nosos fillos e fillas. Se a actividade mineira reactívase o ritmo avanzará e as consecuencias non tardarán en producirse: peche de zonas de produción, desemprego e emigración”. Sobre o papel da Administración galega, Pilar tamén lembraba que “desde o Goberno denegóusenos durante máis dun ano o acceso a documentación esencial, imposibilitando a participación pública informada. […] Nosa administración ten claro a quen se debe e a quen serve, e non é nin aos sectores produtivos do mar e do campo nin ao cumprimento das normas da Unión Europea.”

Por último, Iria Méndez, unha moza veciña de Arinteiro, a “zona cero” da mina de Touro, expuxo a situación na que o novo proxecto de extracción de cobre promovido por Cobre San Rafael, deixaría tanto á súa familia como a todos os seus veciños: “Queren resucitar unha mina que implicaría construír a 200 metros da miña casa, si, a 200 metros,… unha balsa de residuos mineiros de 90 metros de alto e 3 quilómetros de lonxitude, con maior capacidade que a que fallou en Brumadinho, en Brasil, matando por centos de persoas. Cando esa presa teña unha falla crítica eu, os meus pais, a miña familia, os meus veciños e amigos, morreremos en segundos. En segundos… Enténdeno?[…] No proxecto nós somos apenas o factor ‘perda de máis de 50 vidas humanas’ baixo o epígrafe que indica que o risco de rotura da presa é ‘extremo’. Morreremos… Pero o certo é que xa nos mataron moito antes, pois para construír esa presa de morte expropiarían antes todas as terras agrarias que serven de base á nosa explotación”.

Os tres relatores coincidían na necesidade de que a Comisión de Peticións manteña abertas as peticións e que, ademais, inicien unha misión de investigación na que poidan ver por si mesmos a situación en Touro, así como noutras zonas mineiras de Galicia como son San Finx, Monte Neme ou Santa Comba.

Unha vez concluído o tempo dos peticionarios, tiña a quenda de palabra Daniel Fernández Gómez, representante da Comisión Europea, quen argumentou que “é responsabilidade dos estados membros prover os medios e recursos para que os cidadáns poidan esixir o cumprimento da normativa” ambiental e de tratamento de residuos extractivos, do mesmo xeito que “non hai indicio de infracción” na tramitación do proxecto presentado por Cobre San Rafael. Estas palabras sorprenderon á Vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, que lle lembrou que a Comisión Europea é a gardiá dos Tratados e que esta e os estados membros teñen o deber de intercambiar información, polo que a Comisión está a ter unha actitude pasiva neste caso. Pola súa banda, a Vicepresidenta pediu enviar unha delegación a Touro para coñecer de primeira man a situación.

Excepto o representante do Grupo do Partido Popular Europeo, Francisco Millán Mon, os demais membros da Comisión de Peticións mantiveron unha postura favorable a que as peticións permanezan abertas á espera de nova información por parte da Xunta de Galicia. Magrete Auken, do Grupo da Verdes/Alianza Libre Europea, apelando ao principio de precaución, solicitou ademais trasladar a petición tamén á Comisión de Pesca e á Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, dado o grave impacto que a minería en Galicia supón para estes sectores produtivos estratéxicos na nosa economía.

Pola súa banda, Millán Mon tachou as tres peticións presentadas de “superfluas, prematuras e infundadas”, mostrando máis preocupación pola imaxe da minería galega que polo dano que a mesma causou e pretende seguir causando na nosa Comunidade Autónoma.

Finalmente, a presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Montserrat, concluía coa resolución de proposta da Comisión de manter abertas as peticións e remitindo a decisión sobre a petición de visita a Galicia á reunión de coordinación, quen ten a competencia.

Posteriormente á intervención na comisión parlamentaria, tanto os peticionarios como os demais representantes dos colectivos que se trasladaron ata Bruxelas, comparecían diante dos medios de comunicación con Ana Miranda para facer unha valoración sobre o resultado da xornada no Parlamento Europeo. A representante do Bloque Nacionalista Galego en Europa sinalaba que “agora esta comisión parlamentaria ten que dirixirse á Comisión Europea para que lle pida, á súa vez, ao goberno galego, toda a información, que é o goberno competente, neste caso da minería, pero tamén ao goberno español, para que implemente as tres directivas europeas sinaladas. Imos ter uns meses para que o goberno galego leve a cabo un envío de información rigorosa”.

Mentres isto ocorría en Bruxelas, desde Huelva Atalaia Mining anunciaba os seus novos obxectivos de expansión a Chile e Perú. Significa isto, talvez, que están a pensar en desistir do seu proxecto de Touro? Ou ten que ver, talvez, coa sentenza xudicial firme que anulaba a Declaración de Impacto Ambiental da mina de Riotinto en Huelva?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.