Esta semana o Estado español someteuse en Xenebra á súa terceira volta no Exame Periódico Universal (EPU), un mecanismo do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas que, desde 2005, examina periódicamente a situación dos dereitos humanos en todos os países do mundo. Entre estes dereitos, inclúense os dereitos ambientais.
Aínda que este ano a revisión do Estado español centrouse na situación en Cataluña, o relatorio da Oficina do Alto Comisionado das Naciones Unidas para os Dereitos Humanos tamén recolleu os apelos a garantir “o respecto dos dereitos ambientais mediante a supervisión e a restauración adecuadas das instalacións que requiran atención urxente, en particular as presas de estériles mineiros abandonadas”.
O relatorio do Alto Comisionado referiu un informe dunha das entidades con estatuto consultivo especial ante a ONU que ilustrara esta situación co exemplo do caso das presas de residuos mineiros das Minas de San Finx, en Lousame, que están sendo obxecto dunha investigación ante o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, tamén dependente das Nacións Unidas.
O informe indica que no caso das presas mineiras de San Finx, que agora a Xunta pretende facer pasar por embalses hidroelétricos, “unha falla implicaría impactos ambientais e humanos significativos”, asinalando ademais como as autoridades autonómicas “obstruíron o acceso a información ambiental crítica”.
O relatorio da Oficina do Alto Comisionado das Naciones Unidas para os Dereitos Humanos (A/HRC/WG.6/35/ESP/3) pode ser descargado da web da ONU en castelán, inglés, francés, ruso, chinés e árabe. A referencia ás presas de residuos mineiros áchase na páxina 3 (parágrafo 18).
Pingback: Boletín oficial ESFeiro: febreiro 2020 - ESF Galicia
Pingback: Boletín oficial ESFeiro: febreiro 2020 - Ingeniería Sin Fronteras