Dende o Órgano Reitor lémbranlle ás autoridades autonómicas que calquera proxecto mineiro no territorio protexido precisa o informe previo da Reserva da Biosfera
O Consello Científico do Programa Persoa e Biosfera (MaB) da Unesco evidenciou a falta de colaboración por parte da Xunta á hora de achegar documentación solicitada para coñecer a situación actual de diversos proxectos mineiros na área xeográfica da Reserva da Biosfera Terras do Miño (RBTM). Por iso, na súa xuntanza do 18 de novembro de 2020, o Consello Científico do Programa MaB da Unesco decidiu transmitirlle ao Consello Reitor da RBTM a necesidade de recompilar información en poder da Xunta de Galicia sobre:
- Situación actual dos proxectos, confirmando a súa caducidade ou vixencia.
- De estar vixente, información sobre o ámbito xeográfico e posibles afeccións sobre as distintas unidades da Reserva da Biosfera.
- Indicar que procedementos de avaliación ambiental se realizaron ou están en curso.
- Indicar as medidas que se estableceron para asegurar a integridade das áreas núcleo da Reserva da Biosfera.
Cómpre lembrar que foi en 2013 cando, a proposta do Sindicato Labrego Galego no Órgano de Participación, se lle solicitou ao Consello Científico do Programa MaB da Unesco ese informe para avaliar o impacto das actividades mineiras no territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Polo tanto, levamos sete anos agardando por unha avaliación que no se pode realizar porque a Xunta de Galicia non achega a documentación solicitada.
A raíz disto, na sesión do Órgano de Participación do 17 de decembro 2019, decidiu solicitárselle de novo ao Consello Científico do Comité Español do Programa MaB da Unesco a realización do informe. Esta decisión tomouse, de novo, tras unha petición realizada polo Sindicato Labrego.
Nas acta desa xuntanza de 2019, lémbrase que “debido á preocupación que se tiña neste Órgano pola posible afección ao patrimonio natural desta Reserva, celebrouse unha reunión extraordinaria do Órgano Reitor o 24 de setembro de 2013 na que se acordaron dous puntos: por unha parte, solicitar ao Consello Científico do Comité Español do Programa Persoa e Biosfera (MaB) que realizase unha avaliación científica e obxectiva das posibles repercusións que este proxecto (refírese a Lago II nos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá) podía ter sobre o estado de conservación dos valores ambientais e culturais da Reserva de Biosfera Terras do Miño; e por outra parte, tamén solicitabamos que o Consello Científico (que está representado en Galicia polo doutor Pablo Ramil do Ibader), informase aos organismos autonómicos que, tendo en conta a nova lexislación de avaliación ambiental, debería pedir informe á Reserva da Biosfera nos procedementos de proxectos mineiros, redes eléctricas, etc. que poidan afectar a este territorio”.
Na acta da sesión recóllese tamén que “ademais da afección que pode ter o proxecto mineiro Lago II nos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá (non todos están na Reserva da Biosfera), existen outros proxectos mineiros que estaban en tramitación no ano 2014, e o Sindicato Labrego Galego tamén o comentou na reunión do Órgano de Participación dese ano, e son os proxectos Alicia, Karles e Pastoriza, que afectarían aos concellos de Castro de Rei, A Pastoriza, Abadín, Cospeito, Vilalba e Riotorto”.
A representante do SLG no Órgano de Participación, Margarida Prieto, lembrou que “dende o ano 2006 hai un conflito moi importante cos concellos (aquí hai algúns representantes municipais que saben deste tema) e ten habido moitos contenciosos. Na actualidade, por exemplo, están de novo moi activos na Pastoriza coas licenzas. Houbo varias sentenzas desestimatorias polas licenzas urbanísticas e neste momento están intentando de novo sacalas adiante.”