Éxito de convocatoria na concentración contra a minaría destrutiva na Serra do Suído

A concentración do sábado reclamaba a caducidade do dereito mineiro Alberta I. O acto reivindicativo realizouse na fronteira entre os concellos de Beariz (Ourense) e A Lama  Pontevedra) e mobilizou a preto de 50 persoas dos concellos afectados.A concentración pola caducidade do Dereito Mineiro Alberta I realizouse o pasado sábado, día 13 de marzo, na Portela da Cruz (A Lama – Beariz) e foi considerada como un “éxito” pola Plataforma SOS Suído-Seixo, que convocou o acto reivindicativo.

Tras o apoio amosado en redes por diferentes organizacións e colectivos, e tendo en conta o actual contexto de crise sanitaria polo SARS-CoV-2, a convocatoria conseguiu reunir a preto de 50 persoas chegadas na súa maioría dos municipios directamente afectados polo Dereito Mineiro: A Lama, Beariz, Avión, Cerdedo-Cotobade e Forcarei. Con todo, entre as e os asistentes contábanse tamén persoas chegadas doutros puntos da comunidade que quixeron amosar o seu compromiso co patrimonio natural e cultural galego, ameazado pola sombra da megaminaría.

“Con este tipo de actos queremos amosar que a nosa loita segue viva” – indicaron representantes do movemento antimineiro – “Animamos á xente a que presente as súas solicitudes pola caducidade de Alberta I, un dereito mineiro que non fai máis que ameazar o grande potencial ambiental, social e económico que teñen as serras do Suído e do Seixo para
a súa veciñanza”.

O dereito mineiro Alberta I tentou ser explotado recentemente pola empresa Recursos Minerales de Galicia S.A., filial do grupo empresarial SAMCA. A Xunta de Galicia denegou entón a Concesión de Explotación ante o informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola máis que probable afección aos cursos de auga da zona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.