As organizacións e colectivos que temos loitado contra a apertura do megaproxecto de extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino convocamos aos medios de comunicación a unha rolda de prensa que se celebrou hoxe venres 31 de xaneiro, ás 11 da mañá, en Carril, na C.A.D. Gato Negro, para valorar as últimas novas relacionadas co proxecto promovido por Cobre San Rafael e analizar a situación actual e os pasos a dar.
En primeiro lugar queremos salientar a unidade de todos os sectores afectados, gandeirxs e labregxs, cooperativas agrarias, veciñxs, confrarías de pescadores, agrupacións de produtores de mexillón, parquistas, mariscadoras, sindicatos, colectivos ecoloxistas e culturais e plataformas.
Unidade e mobilización que demostrou que é posible parar un proxecto destas características, a pesar da súa capacidade económica e da influencia política no goberno da Xunta de Galicia, que foi o gran valedor desta iniciativa e que amosou ao longo do procedemento unha interese que ía máis aló do estritamente administrativo, incluso defendendo o proxecto en reunións cos sectores afectados como se eles foran a empresa promotora.
As eivas do proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael quedaron xa ben patentes desde o principio. Calquera cunha mínima capacidade lectora e de comprensión, e sobre todo interés, podía percibir que aquelas promesas de traballo e progreso para os concellos e a comarca traían envolta unha soga coa que esganarnos de levarse a cabo a explotación de cobre a ceo aberto.
A valoración que facemos da decisión administrativa da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa é, ademais da evidente insostibilidade do proxecto, a forte oposición social amosada ao longo de todo este tempo -cáseque dous anos e medio- que cristalizou nunha Praza do Obradoiro chea ata o tope de manifestantes que reclamaban parar os lixiviados contaminantes, a restauración da antiga mina e o rexeitamento do novo proxecto. A proposta de Cobre San Rafael era inviable e insostible, pero foi o clamor popular o que provocou o desenlace.
Declaran negativa a DIA porque non é sostible o proxecto, pero a realidade é que toda a contorna da antiga mina leva máis de 30 anos nunha situación de ABSOLUTA INSOSTIBILIDADE, contaminando os afluentes do río Ulla e zonas ZEC, coa pasividade da Xunta de Galicia, a pesar de recoñecer en documentos públicos que levan 30 anos sen autorización de vertido!!!
Por tanto, para nós é unha decisión acertada, aínda que motivada, ao noso entender, polas recentes actuacións da fiscalía de medio ambiente e polos posibles custes electorais á beira dunhas autonómicas.
Temos a firme decisión de seguir adiante fiscalizando e esixindo a RESTAURACIÓN DA ANTIGA MINA E A SÚA CONTORNA. O noso papel seguirá activo e vixiante para seguir moi de preto os pasos de todas as empresas do entramado mineiro de Touro e O Pino, nas que aínda hai moitas responsabilidades que depurar e moito dano medioambiental que restaurar e somos conscientes de que poden voltar a presentar o proxecto ao carón da nova lexislación que promove o actual goberno da Xunta, que elimina garantías no procedemento ambiental e acurta prazos, dificultando a participación cidadá.
Por todo isto valoramos que a nosa UNIDADE é fundamental para a saúde das nosas augas en Touro, O Pino, na contorna do río Ulla, na ría de Arousa e para garantir o progreso de miles de familias que viven do mar e do campo.
En Carril, a 31 de xaneiro de 2020