Arquivo da categoría: Conflitos mineiros

Ligazóns a noticias sobre os diversos conflitos mineiros en Galiza.

Éxito de convocatoria na concentración contra a minaría destrutiva na Serra do Suído

A concentración do sábado reclamaba a caducidade do dereito mineiro Alberta I. O acto reivindicativo realizouse na fronteira entre os concellos de Beariz (Ourense) e A Lama  Pontevedra) e mobilizou a preto de 50 persoas dos concellos afectados.A concentración pola caducidade do Dereito Mineiro Alberta I realizouse o pasado sábado, día 13 de marzo, na Portela da Cruz (A Lama – Beariz) e foi considerada como un “éxito” pola Plataforma SOS Suído-Seixo, que convocou o acto reivindicativo.

Tras o apoio amosado en redes por diferentes organizacións e colectivos, e tendo en conta o actual contexto de crise sanitaria polo SARS-CoV-2, a convocatoria conseguiu reunir a preto de 50 persoas chegadas na súa maioría dos municipios directamente afectados polo Dereito Mineiro: A Lama, Beariz, Avión, Cerdedo-Cotobade e Forcarei. Con todo, entre as e os asistentes contábanse tamén persoas chegadas doutros puntos da comunidade que quixeron amosar o seu compromiso co patrimonio natural e cultural galego, ameazado pola sombra da megaminaría.

“Con este tipo de actos queremos amosar que a nosa loita segue viva” – indicaron representantes do movemento antimineiro – “Animamos á xente a que presente as súas solicitudes pola caducidade de Alberta I, un dereito mineiro que non fai máis que ameazar o grande potencial ambiental, social e económico que teñen as serras do Suído e do Seixo para
a súa veciñanza”.

O dereito mineiro Alberta I tentou ser explotado recentemente pola empresa Recursos Minerales de Galicia S.A., filial do grupo empresarial SAMCA. A Xunta de Galicia denegou entón a Concesión de Explotación ante o informe negativo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola máis que probable afección aos cursos de auga da zona.

Iluminados contra un proxecto sen garantías

No mes de febreiro de 2020, soubemos das conclusións dunha DIA negativa que anulaba o proxecto da mina a ceo aberto nos concellos de Touro e O Pino e que concluía:

“A reactivación da actividade mineira prevista vai supoñer unha nova presión sobre os sistemas fluviais e as augas subterráneas, sen que se garanta que non se vaia a producir un novo impacto negativo sobre o ciclo hídrico e sen que conste na formulación actual da avaliación practicada a necesaria conformidade da unidade competente en materia de planificación hidrolóxica do Organismo de Bacía.

 Na situación actual, o proxecto non dá resposta completa ás medidas de xestión a adoptar en caso de escenario accidental e, incluso, as medidas de prevención e xestión da continxencia parecen limitarse a xustificar que o suceso non se producirá. Por conseguinte, en caso de materializarse un escenario de risco, non se pode garantir que a actuación proxectada non produza unha grave afección aos valores naturais da zona nin un prexuízo á integridade da Zona de Especial Conservación, en diante ZEC, “Sistema fluvial Ulla-Deza”.

Unhas conclusións breves para tres anos de resposta social, informes técnicos negativos e centos de organizacións sociais e locais que arremeteron con contundencia contra o que era máis que evidente. Unhas conclusións que resumen 3 anos de traballo contra  un proxecto sen garantías, que soubemos ver nun mes de exposición pública que nos deron para poder presentar alegacións, e sen embargo a administración dilatou e estirou sen explicación durante 4 anos hasta o día de hoxe.

A pesares das evidencias, tivemos que agardar até hoxe,  máis dun ano dende a DIA Negativa,  a que a Dirección Xeral de Planificación enerxética e Recursos Naturais, vía nota en prensa, dera a coñecer a súa decisión de comunicar a Resolución negativa do proxecto á mercantil Cobre San Rafael SL.

Unha resolución que aínda descoñecemos en que termos se expresa, pois ningunha das organizacións e persoas que figuramos na causa como interesadas e/ou afectadas fomos informados nin nos foi aínda remitida, polo que agardamos que se nos poida facer chegar o antes posible sen ter que vernos forzadas a reclamala administrativamente.

Como xa é de costume que nos obriguen a reclamar o que por dereito nos pertence, queremos lembrar  as  declaracións do anterior Director Xeral de Enerxía Minas o señor Ángel Bernardo Tahoces ás persoas da Platafoma contra a mina de Touro, comprometéndose a comunicar a todas as persoas recoñecidas como parte interesada ou afectada a Resolución definitiva no momento en que se producira.  O señor Tahoces foi relevado do seu cargo, mais agardemos que a súa sucesora sí poida cumprir con aquela promesa.

Lembremos que de non ser pola resposta social e cidadá este proxecto e tantos outros de similares características – Santa Comba, San Fins, Monte Nema, Serra Suido, Iribio, Terra Chá, Mesía-Frades, …- son susceptíbeis de aprobación sen ningún tipo de supervisión, nin comprobación, con todas as catastróficas, terríbeis, calamitosas repercusións e ausencia de garantías que implican para o medio natural, cultural, como así quedou demostrado no caso do proxecto da mina de Touro.

Lembremos que resulta esencial que as administracións deben permitir que a cidadanía e as organizacións ambientais, sociais, veciñais, …  teñan dereito ao acceso á información pública en tempo e forma que lles permita defenderse e defender os seus medios de vida e o medio natural e cultural que habitan, en defensa tamén dos seus recursos económicos para vivir, non solo as multinacionais.

Neste proxecto quedou en evidencia a mercantil promotora e tamén a administración.

O Tribunal Superior ratifica dúas sentenzas contra os proxectos mineiros de ERIMSA na Terra Chá

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar dúas sentenzas contrarias aos proxectos de extracción de seixo na Terra Chá por parte de Explotaciones de Rocas Industriales y Minerales SA (Erimsa). Estas sentenzas foron ditadas en apelación polo TSXG despois de que, en xaneiro de 2020, o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo ditase sentenzas desestimatorias ás pretensións de Erimsa.

As pretensións de Erimsa con estes litixios fronte ao Concello de Cospeito buscaban a reactivación dun procedemento iniciado en 2008 e, polo tanto, caducado, para obter autorización para a súa actividade en territorio cospeitense. Porén, esta empresa con capital chinés e domicilio en Noruega, non subsanara deficiencias tan relevantes como a falta de informes sectoriais favorábeis por parte de diversos departamentos da Xunta de Galicia. Entre outros argumentos, as sentenzas din que é incuestionábel que o expediente de autorización autonómica previa rematou nunha resolución firme desestimatoria. Sentenza que, polo demais, lle impón as costas á empresa mineira.

TRES LUSTROS DE LOITA E DERROTAS PARA ERIMSA NA TERRA CHÁ

Estas sentenzas contrarias súmanse ás ditadas no ano 2016, onde se lle denegaba a licenza municipal para as concesións Alicia e Karles, en Castro de Rei e Cospeito, previa denegación da autorización autonómica.

Cómpre lembrar que Erimsa obtivo as concesións mineiras Karles, Alicia e A Pastoriza a finais do ano 2006 para extraer seixo en diversos municipios chairegos. Estas concesións afectan case 6.000 hectáreas de alto valor agronómico nos concellos de Vilalba, Abadín, Riotorto, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei. No ano 2008, Erimsa solicitou as licenzas de actividade, xurdindo unha forte oposición veciñal e dos governos municipais. A raíz deste rexeitamento, formouse a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá, cuxo obxectivo foi manter informada a veciñanza sobre as consecuencias da explotación mineira e iniciar unha loita que, case quince anos despois, segue desenvolvéndose nos tribunais con estas sentenzas.

Nestes anos, dende a Comision contra as Minas na Terra Chá, solicitamos reiteradamente á Xunta a declaración de caducidade das concesións mineiras. Porén, a día de hoxe seguen en vigor dun xeito totalmente irregular. Por iso, dende a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá celebramos esta nova victoria xudicial e agardamos que a Xunta declare definitivamente a caducidade das concecións para rematar con este pesadelo.

O SLG denuncia o obstrucionismo da Xunta para acceder a informes sobre o impacto da minaría na Reserva da Biosfera Terras do Miño

Dende o Órgano Reitor lémbranlle ás autoridades autonómicas que calquera proxecto mineiro no territorio protexido precisa o informe previo da Reserva da Biosfera

O Consello Científico do Programa Persoa e Biosfera (MaB) da Unesco evidenciou a falta de colaboración por parte da Xunta á hora de achegar documentación solicitada para coñecer a situación actual de diversos proxectos mineiros na área xeográfica da Reserva da Biosfera Terras do Miño (RBTM). Por iso, na súa xuntanza do 18 de novembro de 2020, o Consello Científico do Programa MaB da Unesco decidiu transmitirlle ao Consello Reitor da RBTM a necesidade de recompilar información en poder da Xunta de Galicia sobre:

  1. Situación actual dos proxectos, confirmando a súa caducidade ou vixencia.
  2. De estar vixente, información sobre o ámbito xeográfico e posibles afeccións sobre as distintas unidades da Reserva da Biosfera.
  3. Indicar que procedementos de avaliación ambiental se realizaron ou están en curso.
  4. Indicar as medidas que se estableceron para asegurar a integridade das áreas núcleo da Reserva da Biosfera.

Cómpre lembrar que foi en 2013 cando, a proposta do Sindicato Labrego Galego no Órgano de Participación, se lle solicitou ao Consello Científico do Programa MaB da Unesco ese informe para avaliar o impacto das actividades mineiras no territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Polo tanto, levamos sete anos agardando por unha avaliación que no se pode realizar porque a Xunta de Galicia non achega a documentación solicitada.

A raíz disto, na sesión do Órgano de Participación do 17 de decembro 2019, decidiu solicitárselle de novo ao Consello Científico do Comité Español do Programa MaB da Unesco a realización do informe. Esta decisión tomouse, de novo, tras unha petición realizada polo Sindicato Labrego.

Nas  acta desa xuntanza de 2019, lémbrase que “debido á preocupación que se tiña neste Órgano pola posible afección ao patrimonio natural desta Reserva, celebrouse unha reunión extraordinaria do Órgano Reitor o 24 de setembro de 2013 na que se acordaron dous puntos: por unha parte, solicitar ao Consello Científico do Comité Español do Programa Persoa e Biosfera (MaB) que realizase unha avaliación científica e obxectiva das posibles repercusións que este proxecto (refírese a Lago II nos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá) podía ter sobre o estado de conservación dos valores ambientais e culturais da Reserva de Biosfera Terras do Miño; e por outra parte, tamén solicitabamos que o Consello Científico (que está representado en Galicia polo doutor Pablo Ramil do Ibader), informase aos organismos autonómicos que, tendo en conta a nova lexislación de avaliación ambiental, debería pedir informe á Reserva da Biosfera nos procedementos de proxectos mineiros, redes eléctricas, etc. que poidan afectar a este territorio”.

Na acta da sesión recóllese tamén que “ademais da afección que pode ter o proxecto mineiro Lago II nos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá (non todos están na Reserva da Biosfera), existen outros proxectos mineiros que estaban en tramitación no ano 2014, e o Sindicato Labrego Galego tamén o comentou na reunión do Órgano de Participación dese ano, e son os proxectos Alicia, Karles e Pastoriza, que afectarían aos concellos de Castro de Rei, A Pastoriza, Abadín, Cospeito, Vilalba e Riotorto”.

A representante do SLG no Órgano de Participación, Margarida Prieto, lembrou que “dende o ano 2006 hai un conflito moi importante cos concellos (aquí hai algúns representantes municipais que saben deste tema) e ten habido moitos contenciosos. Na actualidade, por exemplo, están de novo moi activos na Pastoriza coas licenzas. Houbo varias sentenzas desestimatorias polas licenzas urbanísticas e neste momento están intentando de novo sacalas adiante.”

O Tribunal Supremo chumba a licenza urbanística da mina que ameaza a Cova Eirós

  • ContraMINAcción denuncia como, nada máis gañar firmeza a sentenza, a empresa aumentou de xeito frenético o ritmo da explotación, poñendo en risco o patrimonio
  • Pídese non demorar máis a inclusión de Cova Eirós no conxunto de Patrimonio da Humanidade da UNESCO que conforman 18 covas con arte rupestre do norte peninsular

O Tribunal Supremo acaba de facer pública a sentenza pola que se anula definitivamente a licenza urbanística ilegal coa que o Concello de Triacastela tentou legalizar a explotación de caliza que Cementos Cosmos, filial da multinacional Votorantim, explota directamente encima da Cova Eirós, exemplo único e sen igual da pintura rupestre na Galiza.

A licenza fora recorrida inicialmente pola Associação Sócio-Cultural O Iríbio co apoio da asesoría xurídica do Sindicato Labrego Galego, ambas as dúas entidades integrantes da Rede ContraMINAcción, que xa conseguiran a súa anulación nos xulgados do contencioso-administrativo, fallo confirmado a principios deste ano polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e que agora gañou firmeza coa inadmisión do recurso de casación que o Concello de Triacastela e Cosmos presentaran ante o Supremo.

A explotación de Cosmos é paradigma da minaría destrutiva, encontrándose dentro da contorna de protección e da contorna de amortecemento do Ben de Interese Cultural (BIC) Cova Eirós, finalmente declarado como tal en 2019 logo de anos de atrancos e coa asistencia da ASC O Iríbio, que tamén solicitou, xunto con outros colectivos, que fose declarada Patrimonio da Humanidade da UNESCO, como 19ª cova do grupo conformado pola Cova de Altamira e outras manifestacións da Arte Rupestre Paleolítico do Norte peninsular, en Cantabria, Asturias e País Basco. A súa exclusión, a xuízo da rede, é totalmente arbitraria e interesada.

Como noutros casos xa denunciados pola rede ContraMINAcción, a explotación de Cosmos non foi sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental cando se reclasificou como explotación mineira de “recursos C”, a pesar de tratarse dunha explotación a ceo aberto con afectación á rede Natura 2000, ao Camiño de Santiago e un BIC único. Esta omisión, e as súas consecuencias para o patrimonio natural e cultural, trascende o ámbito meramente administrativo con evidentes implicacións penais que están sendo obxecto das correspondentes accións para deslindar responsabilidades.

Os colectivos integrantes da rede ContraMINAcción demandan á Xunta a paralización inmediata da actividade mineira, precisamente intensificada nas últimas semanas logo da firmeza da sentenza, e que se proceda a adoptar medidas urxentes para salvagardar a integridade de Cova Eirós, BIC cuxa candidatura ao Patrimonio da Humanidade da UNESCO debería ser promovida polas Administracións. Ante a imposibilidade de continuar coa mina, consideran que a Xunta debe obrigar á empresa a presentar un plan de clausura e abandono que garanta a restauración inmediata de todas as zonas degradadas, independentemente das sancións administrativas e penais que poidan corresponder.

Finalmente, desde ContraMINAcción considéranse vergoñentas as tentativas de lavado de cara de Cosmos que tamén durante as últimas semanas vén facendo a Cámara Oficial Mineira de Galicia, chegando a afirmar que o de Triacastela é un dos “ejemplos de buenas prácticas” afirmando que a “empresa Cementos Cosmos es la encargada de la protección de la Cova de Eirós“. É especialmente penoso, indican, que a Xunta invista diñeiro nestas campañas de manipulación en lugar de destinalo á protección efectiva de elementos únicos do noso patrimonio cultural como é Cova Eirós.

O Parlamento Federal Alemán investiga a mina de Varilongo

  • O Secretario de Estado do Ministerio da Economía alemán tivo que negar a implicación coa mina de Santa Comba ante unha pregunta da deputada Eva Schreiber (DIE LINKE)
  • A empresa mentiu aos accionistas dicindo que dispuña dunha liña oficial de crédito de 11 millóns de euros do Goberno Federal Alemán
  • A actividade mineira pretende levarse a cabo sen a preceptiva avaliación de impacto ambiental, o que tamén foi denunciado por ContraMINAcción ante o Parlamento Alemán

A mina de estaño e volframio de Varilongo, em Santa Comba, volta a causar polémica, desta vez no Parlamento Federal Alemán, onde foi obxecto de varias preguntas na súa sesión de 4 de novembro, logo de que a rede galega “ContraMINAcción” e a plataforma “BerXallas-Minaría Destrutiva Non” achegaran información detallada á deputada Eva Schreiber do partido da Esquerda (DIE LINKE).

Eva Schreiber xa presentara en outubro unha pregunta escrita dirixida ao Ministero de Economía pola axuda económica que supostamente tería prometo o Goberno Federal Alemán para a reactivación desta mina, que carece de avaliación de impacto ambiental e que aínda así reanudou este mes a súa actividade logo de abandonarse en 1986.

A resposta do Secretário de Estado de Política Económica, Industrial e Comercio Exterior, Ulrich Nussbaum, á deputada de DIE LINKE, deixou en evidencia como a empresa australiana viña mentindo sistematicamente aos medios de comunicación e accionistas, afirmando que xa tiña recibido financiamento público alemán ademais de ter asegurada a “pre-aprobación” dunha garantía de crédito de 11 millóns de euros do Goberno da Alemaña, o que foi negado frontalmente polo Goberno Federal.

Esta resposta levantou as alarmas sobre como a actual concesionaria, Galicia Tin & Tungsten, ligada a un holding opaco con sede no paraíso fiscal das Illas Virxes Británicas e conectada co administrador que levou á anterior concesionaria á quebra, pretendía dar credibilidade a un proxecto con graves impactos ambientais e de duvidosa legalidade cun apoio público alemán inexistente.

No pleno do 4 de novembro formuláronse dúas novas preguntas para saber que medidas tiña pensado adoptar o Goberno Federal ante a conducta da concesionaria da mina de Santa Comba e ata que punto a empresa xestora do programa de créditos podería ter responsabilidades ao producirense este tipo de afirmacións sen contar coa aprobación dos ministerios implicados. Nas súas respostas o Goberno federal indicou que vai entrar en contacto con Rafaella Resources Ltd. para pedirlle que deixe de facer este tipo de afirmacións e que as elimine das súas páxinas web.

O programa UFK esixe estrictos requisitos de avaliación ambiental para todos os proxectos financiados, o que motivou que ContraMINAcción e a recentemente creada plataforma BerXallas-Minaría Destrutiva Non achegaran ao Parlamento Alemán información evidenciando que o proxecto mineiro aprobado en 2011 debía terse sometido a avaliación de impacto ambiental, trámite que o departamento de minas dirixido por Ángel Bernardo Tahoces tentou evitar a toda costa, e dos danos ambientais que está a causar debido á drenaxes ácidas de mina provocadas polos sulfuros.

Denuncias por danos ambientais

Desde a rede ContraMINAcción e a plataforma BerXallas denúnciase a cobertura que a Xunta está dando ao entramado empresarial detrás dos proxectos do antigo Grupo Mineiro Santa Comba, tanto o de reconversión da antiga mina de estaño e volframio nunha nova mina a ceo aberto carecendo de Declaración de Impacto Ambiental, como do proxecto de EuroBattery Minerals para unha nova mina a ceo aberto de cobre, cobalto e niquel na zona de Castriz e Salgueiras. A Xunta consentiu no último ano que se fixera máis de 1 km de sondeos ilegais en Castriz, sabendo que se estaban levando a cabo; mentres que leva tentando tapar desde 2017 a contaminación por metais pesados que a mina de Barilongo causa sobre o Xallas, e que xa se denunciou ante o Comité da Convención de Aarhus nas Nacións Unidas. Polo mesmo motivo, formulouse xa unha pregunta escrita e unha petición de iniciativa popular no Parlamento Europeo.

Todo isto levou a que nas últimas semanas diversos colectivos da rede ContraMINAcción (Asociación Petón do Lobo, Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, Ecoloxistas en Acción, Senda Nova, …) co apoio dos colectivos locais da plataforma BerXallas presentaran varias denuncias pola intensificación das verteduras contaminantes, tanto administrativas como penais, ante o SEPRONA e a propia Fiscalía. Por iso, desde a rede e os seus coletivos esíxese á Xunta de Galicia que ordene a paralización inmediata do baleirado das plantas da mina que levan inundadas e acumulando metais pesados desde fai máis de 30 anos.

Os mesmos colectivos e plataformas denuncian o estado de abandono das antigas balsas de residuos mineiros que ocupan case 10 hectáreas de terreno ao sur da explotación, emplazadas directamente sobre o rego da Braña Ancha, afluente do río Xallas. Estas balsas de residuos foron deixadas fóra do proxecto de explotación e plan de restauración aprobados en 2011 prescindindo do trámite de avaliación de impacto ambiental, a pesar da existencia de informes de funcionarios que avisaban que era un trámite imprescindible por tratarse dunha mina susceptible de causar drenaxes ácidas e contaminación por metais pesados. Neste caso, a responsabilidade recae tamén sobre Augas de Galicia, que ven permitindo os vertidos con altas concentracións de metais pesados a pesar de ser coñecedora da situación.

Anexos

Anexo 1: Preguntas sobre a mina de Barilongo (Santa Comba) no Bundestag

1. Welche Informationen liegen der Bundesregierung über eine beschlossene UFK-Förderung oder sonstige finanzielle Förderung für das australische Bergbauunternehmen Rafaella Resources Limited oder seine alleinige Tochtergesellschaft Galicia Tin & Tungsten S.L. zwecks Zinn- und Wolfram-Bergbaus in Santa Comba in Galicien (Spanien) bzw. über ein diesbezüglich laufendes Verfahren zur Genehmigung einer UFK-Förderung oder sonstigen finanziellen Förderung vor?

Tradución: Que información ten o goberno federal sobre a decisión dunha axuda de crédito UFK ou outro apoio financeiro para a empresa mineira australiana Rafaella Resources Limited ou a súa filial Galicia Tin & Tungsten S.L. para a extracción de estaño e volframio en Santa Comba en Galicia (España) ou da existencia dun procedemento en curso para a aprobación do financiamento UFK ou doutro tipo de apoio financeiro?

2. Wie erklärt sich die Bundesregierung, dass die Rafaella Ressources Ltd. öffentlich behauptet die Unterstützung der Bundesregierung in Form einer Vorabzusage zu einer UFK-Garantie zu haben (Interview mit dem Managing Director Steven Turner https://youtu.be/LDKXelWFTS8 (ab Minute 2:20); https://smallcaps.com.au/rafaella-resources-acquire-historic-underground-open-pit-tungsten-tin-operation-spain/ ; https://smallcaps.com.au/rafaella-resources-acquire-historic-underground-open-pit-tungsten-tin-operation-spain/ ) obwohl die Bundesregierung in Ihrer Antwort auf die schriftliche Frage Nr. 39 der Drucksache 19/23605 feststellt, dass keine diesbezügliche Anfrage vorliege; und falls die Behauptung der Rafaella Ressources Ltd nicht stimmt, welche Schritte gedenkt die Bundesregierung zu unternehmen?

Tradución: Como explica o Goberno Federal que Rafaella Ressources Ltd. Afirme publicamente que conta co apoio do goberno federal mediante a aprobación preliminar dunha axuda de crédito UFK (entrevista co Director Executivo Steven Turne https://youtu.be/LDKXelWFTS8 (desde minuto 2:20); https://smallcaps.com. au/rafaella-resources-acquire-historic-underground-open-pit-tungsten-tin-operation-spain/ ; https://smallcaps.com.au/rafaella-resources-acquire-historic-underground-open-pit-tungsten -tin-operation-spain/ ) mentres que o Goberno Federal indica na súa resposta á pregunta escrita n.º 39 do diario 19/23605 que non existía ningunha solicitude; e no caso de que a afirmación de Rafaella Resources Ltd. sexa incorrecta, que medidas vai tomar o goberno federal?

3. Inwiefern ist der Bundesregierung bekannt, ob es Kontakt zwischen der Euler Hermes Aktiengesellschaft, den Mandataren des Bundes, und der Rafaella Resources Ltd. oder seiner alleinige Tochtergesellschaft Galicia Tin & Tungsten S.L über eine UFK-Garantie gegeben hat und inwiefern ist es möglich, dass die Euler Hermes Aktien Aktiengesellschaft bereits eine solche Vorab-Zusage gegeben hat, ohne dass die Bundesregierung hiervon weiß?

Tradución: Ata que punto ten coñecemento o Goberno Federal sobre se existe algún contacto entre Euler Hermes Aktiengesellschaft, como mandatarios federais, e Rafaella Resources Ltd. ou a súa filial Galicia Tin & Tungsten S.L en relación á concesión dunha garantía UFK e ata que punto é posible que Euler Hermes Aktiengesellschaft teña dado tal pre-aprobación sen que o gobernó federal teña coñecemento diso?

Anexo 2: Manifestacións públicas da empresa sobre un suposto financiamento alemán

  • “The project enjoys considerable industry support, having received an offer from HC Starck for the offtake of tungsten concentrate, a pre-approved German government funding guarantee (subject to a positive feasibility study) and logistical and offtake support from Transamine Trading, the world’s oldest independent commodity trader.” [LIGAZÓN]
  • “Rafaella is planning on bringing back the former mine and has support from the German Government. The German Government has already given money to the company, to assist with developing Santa Comba.” [LIGAZÓN]
  • “HC Stark also went to export credit agency Euler Hermes Aktiengesellschaft, which provides government-backed guarantees for projects that supply raw materials into Germany, and secured pre-approval for up to €11m ($17.6m) in development funding for the project.” [LIGAZÓN]
  • “Rafaella has an offtake agreement from leading German tungsten refiner H.C. Starck and an associated offer of 100% project debt financing from the German government, subject to completion of a positive feasibility study including a mineral reserve of at least 7kt contained WO3.” “The backing of H.C. Starck and the German government is a boon for Santa Comba, with a number of other projects under development still requiring offtake and financing agreements.” [LIGAZÓN]
  • The German government has committed to provide €11 million of debt financing as part of a scheme to secure supplies to Germany. Rafaella signed an offtake agreement with Germany’s HC Stark Tungsten; the German government funding is administered by Eula Hermes.” [LIGAZÓN]

Depredación en tempos de pandemia: Lexislando o espolio

O goberno do PP na Xunta de Galicia pretende acurtar nun terzo os prazos de tramitación dos grandes proxectos industriais, prazos que xa quedaran minguados pola Lei da Depredación de Galicia

Aspiran a solapar informes sectoriais dos proxectos, o que dificultará aínda máis a participación e o acceso á información ambiental

A posta en marcha deste proxecto tratarán de financiala cos cartos destinados a paliar os efectos da pandemia

O goberno galego do Partido popular que lidera Alberto Núñez Feijóo, pretende implantar nun prazo inmediato unha “importante” reforma administrativa orientada a axilizar a autorización de grandes proxectos empresariais. Quérese reducir burocracia e contraer as etapas administrativas que toda iniciativa industrial debe superar antes obter o visto e prace para así comprimir a tramitación e mellorar a competitividade. O obxectivo é acurtar ata un terzo a duración de todo o proceso beneficiando ás grandes corporacións empresarias eólicas e mineiras, e prexudicando á participación pública.

Sigue lendo

EuroBattery Minerals: «Podemos comezar a explotación mañá mesmo»

  • Membros de ContraMINAcción e de colectivos ambientalistas suecos participaron nas reunións para accionistas celebradas esta semana
  • EuroBattery Minerals mente ao accionariado sobre o proxecto mineiro en Santa Comba, indicando que conta con licenzas para comezar a mina de inmediato
  • A mineira sueca realizou sondeos a grande profundidade sen autorización ningunha, ante a pasividade da Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Varios membros de ContraMINAcción xunto con ecoloxistas de Suecia participaron esta semana na reunión para potenciais accionistas que organizou a empresa mineira sueca EuroBattery Minerals, intervindo en varias ocasións para alertar de que o proxecto “Corcel” que pretende desenvolver en Santa Comba non ten ningún tipo de autorización e que conta co rechazo frontal da poboación local.

Cando membros de ContraMINAcción explicaron durante a reunión que en realidade o proxecto non tiña ningún tipo de autorización, o directivo Roberto García Martínez afirmou ante os potenciais accionistas que Corcel Minerals “ten unha concesión de explotación (‘full mining license’) que nos permite facer todo o que queiramos, incluíndo comezar a explotación da mina mañá mesmo, porque cumprimos con toda a lexislación española”.

Ante as preguntas das ecoloxistas, e sensiblemente contrariado, o directivo da empresa sueca afirmou que tiña falado a semana pasada con responsábeis da Dirección Xeral de Minas (agora chamada “de Recursos Naturais”) e que estes estaban ao tanto de todo, xustificando que sería inimaxinable que a Xunta fose facer a vista gorda mentres a empresa anunciaba públicamente a realización de sondeos, algo que, en todo caso, non sorprende a ContraMINAcción.

“Autorización para explotación inmediata”

Negando as evidencias e a última resolución da Xunta de xuño de 2020 na que se pecha a porta á segregación, o directivo de EuroBattery Minerals insistiu que a empresa conta cunha concesión de explotación duns 10 km2 vixente ata o ano 2068 coa que poderían comezar de inmediato a explotación mineira a ceu aberto de níquel, cobre e cobalto.

Segundo o directivo, o único motivo para non comezaren a furar mañá mesmo sería que queren coñecer mellor onde están os recursos mediante sondeos e así ampliar a zona de explotación desde a inicialmente proposta na Braña da Serra, entre as parroquias de Castriz, Boaña e Salgueiras, aos espazos naturais de Monte Maior e Monte Castelo, mais ao leste.

O carecer de calquera tipo de autorización administrativa, avaliación de impacto ambiental ou licenza urbanística non parece ser unha preocupación do directivo, que se gabou dos seus anos de experiencia en proxectos mineiros en Serra Leoa, na África.

Apesar de non ter ningún tipo de autorización, en setembro de 2019 EuroBattery Minerals anunciaba publicamente que comezaría os sondeos mineiros ese mesmo mes, e en decembro gabábase de ter completado case 1 km de sondeos en profundidade con barrenas de diamante, en ata catro puntos repartidos polo espazo natural da Braña da Serra.

Da especulación á explotación: covertir 100 euros en 2,5 millóns 

A empresa sueca adquiriu por 2,5 millóns de euros en febreiro de 2019 unha pequena mercantil con sede en Oleiros, Corcel Minerals SL, da que era socio maioritario José Manuel Corbal Debén. O empresario coruñés estivera anteriormente ao cargo das polémicas minas de Varilongo e San Finx con Incremento Grupo Inversor SL, empresa hoxe disolta xudicialmente por bancarrota.

Corbal Debén conseguiu reter o control da mina de Varilongo facéndose con ela durante o concurso de acreedores a través da empresa Galica Tin & Tungsten SL, nominalmente subsidiaria de sociedades opacas establecidas en Hong Kong e nas Illas Virxes Británicas. Corbal Debén, a través de Ulex Recursos SL, está detrás tanto do novo proxecto de converter a vella mina de volframio e estaño de Varilongo nunha explotación a ceo aberto, como do proxecto de minaría de níquel, cobre e cobalto con EuroBattery Minerals.

Corbal Debén tentou segregar un anaco dunha das vellas concesións de Varilongo denominada “Carmen”, concedida en 1944, transferíndoa por un prezo simbólico (100 euros) de Galicia Tin & Tungsten SL á recentemente creada Corcel Minerals SL. A idea era que esta nova empresa, unha vez vendida aos inversores suecos (por 26,4 millóns de coroas, uns 2,5 millóns de euros), puidese explotar un xacemento de níquel, cobre e cobalto que se encontra baixo a inmensa Braña da Serra, nas proximidades de Castriz (Santa Comba), con continuidade nas zonas próximas de Salgueiras, Monte Maior e Monte Castelo. Para estas zonas teríanse solicitado permisos de investigación abranguendo outros 22 km2, pero que non constan nen diarios oficiais nen no Censo Catastral Mineiro.

Escasos días despois de que se consumara a venda de Corcel Minerals á sueca EuroBattery Minerals, a Xunta informou desfavorablemente a solicitude de segregación, emitíndose en maio de 2019 unha proposta de resolución denegando a creación do novo dereito mineiro. A día de hoxe a proposta virou firme cunha resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas que indicaba que a segregación pretendida era ilegal. A pesar destes feitos, a continuidade dos sondeos ten provocado unha intensa reacción local, oposta a calquera proxecto deste tipo.

Ouro branco no país da burla negra

Artigo publicado no n.º 192 do Novas da Galiza (setembro 2020).

Logo do ouro de Corcoesto, o cobre de Touro, a caliça de Cova Eirós, o seixo do Pico Sacro e da Terra Chá e o volfrâmio de Sanfins e Barilongo chegou a febre do lítio que nos últimos anos tem colocado em pé as terras irmãs d’Além-Minho.

O lítio que a UE ditaminou este ano ser uma matéria-prima crítica, justificando imensas transferências de fundos europeus para o desenvolvimento de projetos de mineração como os da Serra d’Arga, a Serra da Estrela, as Terras do Barroso Barroso ou a Serra da Mosca em Cáceres.

O mesmo lítio que consumimos compulsivamente em aparelhos eletrónicos que minam as nossas vidas e que mesmo está chamado –dizem– a salvar do caos climático um mundo que irá de passeio em carro Tesla.

Esse metal que, mesmo sendo plenamente reciclável, finaliza a sua vida nos aterros do mundo: na Europa, mais de 95% acaba submergido nos mares de resíduos industriais. Para 2030, estaremos jogando fora em aterros mais de 2 milhões de toneladas por ano. Triste tragédia –acabar novamente soterrado sob a terra, ou o lixo– para um metal cuja extração das entranhas do nosso planeta causa tanta destruição.

A Galiza não é alheia a estra tragédia, na que somos simultaneamente réus e verdugos. O primeiro projeto de lítio em curso pretende abrir um funda fenda –de 300 metros de profundidade e quase 30 km de longitude, para sermos precisas– ao pé das serras do Cando e do Suído, nas cabeceiras do Lérez e Doade.

Presqueiras, Correia, Doade, Azevedo, Rubilhom, Taboaças … são os nomes das comunidades na fenda. E também o nome das distintas fases nas que a empresa promotora, pouco a pouco, pretende esfolar e abrir vales e montanhas, deitando fóra águas ácidas de mina carregadas com metais pesados –para as que não se prevê nenhum tratamento– e minérios radioativos.

Conhecedoras das consequências, empresa e administração consensuaram furtar o projeto do conhecimento público. Sob pretextos absurdos, pretenderam outorgar as licenças prescindindo do trâmite de avaliação de impacto ambiental. Com isto, não só se pretendia ocultar a desfeita mas, principalmente, omitir um seguimento ambiental futuro que a poria em evidência.

A manobra fracasou ante uma vicinhança atenta e combativa, mas ilustra uma pauta continuada e sistemática por parte da Administração de minas da Junta na procura de evitar a participação social e o controlo ambiental.

Reproduz-se assim uma estratégia que já fora utilizada em projectos como os de Sanfins, em Lousame, Barilongo, em Santa Comba, ou Cova Eirós, em Triacastela, nos que as consequências desta omissão se sentem em rios e rias contaminados por metais pesados e património cultural único destruido para sempre.

Se naqueles projetos os empresários ‘amigos’ procediam duma tentativa de reconversão mineira após o fim da bolha imobiliária, a promotora da mina de lítio não é outra que uma filial de SAMCA, ‘Sociedad Minera Catalano Aragonesa’, um holding em processo de reconversão desde a minaria do carvão para a do lítio e outros denominados minérios ‘críticos’.

SAMCA é tristemente famosa polo seu vínculo com central térmica de Andorra, em Teruel, uma das mais poluintes da Europa até que pechou em fevereiro deste ano e responsável pola chuva ácida que arrasou 200.000 hectares de bosques da comarca de El Maestrat nos anos oitenta. Hoje a desfeita de El Mastrat poderia começar de novo nas fragas de Porto Espinho e Girarga e poluir com drenagens ácidas dodo o vale do rio Doadee.

Não seria a primeira vez que se tenta tal desfeita. Entre 2013-2014 tentou-no a anterior titular dos ‘direitos mineiros’, esses que permitem a expropriação forçosa aplicando a Lei de Minas de 1973 e a Lei de Expropriação de 1954, ambas franquistas e vigorantes. Direitos aos que as mineiras colocam nomes de santos ou de mulheres, neste caso deste último gênero: Alberta (I e II), Maite, Carlota e Macarena. Engenharia social.

Solid Mines España, filial da ‘junior’ canadense Solid Resources, iniciou em 2013 o mesmo trâmite que agora tenta SAMCA às agochadas, mas abandonou antes de que fosse determinada a necessidade de submeter o projecto a avaliação de impacto ambiental. A tempo para vender –como fazem as ‘juniors’ quando conseguem convencer alguém de que deram com um bom negócio– e desaparecer. Já na altura o projecto causara revolta nos vales de Doade e Presqueiras. Ninguém esqueceu.

No entanto, a “Alberta I” contra a qual se levantou novamente a revolta, era apenas um dos direitos com os que Solid Mines e as suas empresas afins pretendiam levar o lítio, tantálio e outros minerais “críticos” que agocham estas terras. Salamanca Ingenieros S.L. adotou o nome de guerra especulativo “Sequoia Venture Capital”, pronta a vender ao melhor postor a “Maite” (que ocupa as paróquias de Avião, Moreiras, Feás, Córcores e Cardelhe, no mesmo vale do rio Doade), “Macarena” (nas de Beariz e Baíste) e “Carlota” (nas de Couso, Avelenda, Amiudal, A Granha, Nieva e Prado ).

Com a “Alberta II” ficou Strategic Minerals Spain, a mesma empresa que se fez com a mina e nióbio, tantâlio e estanho da Penouta em Viana do Bolo, parte do antigo império do magnate espanhol Ruiz Mateos expropriado por Felipe González em 1985. Ninguém lembrou o desastre ambiental que deixou detrás a mina e nem o Estado nem a Junta deram conta da restauração. A “Alberta II” promete um legado similar ao sul da sua irmã do norte, ameaçando com fazer avançar a fenda de Rubilhom e Toboaças para a parróquia de Couso.

“Alberta II” será o próximo projeto a tentar desenvolver-se e, cientes da forte oposição local a um projecto de mineração destrutiva e contaminante, Strategic Minerals adiantou-se a SAMCA unindo-se à “Tarantula”, um projeto financiado com 7 milhões de euros da União Europeia que tem entre os seus objetivos avançar na chamada “licença social para operar” (SLO). SLO é o novo eufemismo para as tácticas de engenharia social, violência, subornos e ‘greenwashing’ com os que as mineiras pretendem desarmar a oposição social.

A crescente presão da UE para aumentar a especulação por volta das matérias-primas críticas abriu já um novo campo de batalha para a defesa da terra e da dignidade das comunidades rurais, onde podemos e devemos aprender dos erros e acertos de lutas como as de Touro ou Corcoesto para garantir que o lema aniquilador “Galicia es una mina” nunca chegue a ser realidade.

Pretenden outorgar concesión de explotación mineira sen a preceptiva Avaliación de Impacto Ambiental nos concellos de Avión e Beariz

O proxecto faría parte dun plano moito máis amplo artificiosamente fraccionado para evitar o trámite ambiental.

ContraMINAcción alerta unha vez máis das dificultades e trabas para acceder a información ambiental da Administración de Minas.

Colectivos de ContraMINAcción presentan alegacións ao proxecto.

 

En xuño de 2018, unha empresa creada no mesmo ano en que adquiriu os permisos de investigación Alberta I, solicitou a Minas en Ourense a concesión de explotación deses permisos para unha explotación nas proximidades aos lugares de Doade, Acevedo e Rubillón nos concellos ourensáns de Avión e Beariz.

Para poder acceder a este expediente mineiro, ContraMINAcción tivo que salvar innumerables trabas administrativas durante varios meses e presentar varios recursos e aclaracións, a pesar de que a lei de acceso á información ambiental sinala que a información ambiental debe pórse a disposición de quen a solicite no prazo dun mes.

O Instituto Geológico y Minero de España (IGME), na Determinación do Alcance do Estudo Ambiental doutra solicitude de explotación anterior que comprendía parcialmente o mesmo permiso de investigación xa alertara sobre os riscos de formación de augas ácidas de minas e subsidencia pola proximidade de núcleos habitados, declarando a necesidade de someter o proxecto ao trámite de Avaliación de Impacto Ambiental.

Así mesmo, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) para ese mesmo proxecto solicitara que o estudo ambiental “avalíe con detalle e rigor a presencia de torio e outros elementos radioactivos asociados aos minerais (tantalita e casiterita) que se pretenden explotar”.

No caso que agora nos ocupa, a Xefatura da Sección de Avaliación Ambiental obvia totalmente o risco de produción de augas ácidas de minas na necesidade de drenaxe e achique dos máis de 5 km de galerías con unha profundidade de ata 300 m baixo terra. Estas augas potencialmente ácidas poderían disolver os metais presentes en grandes concentracións (arsénico, cobre, ferro chumbo e cinc) contaminando as augas. O proxecto só contempla, de xeito falaz, a devolución ou restitución das augas “limpas” ao leito, e non se establecen medidas preventivas que deberían ser obrigatorias.

Imaxe: drenaxes ácidas de mina.

É máis que probable a presencia de elementos radioactivos (como rubidio e cesio) que van extraídos, machacados, depositados en escombreiras, suxeitos a disolución e inxección nos leitos superficiais contaminando acuíferos e poñendo en risco ao medio, e á poboación (particularmente aos traballadores da mina).

A Lei de Avaliación Ambiental determina que os proxectos cuxos minados se atopen a menos de un quilómetro de núcleos urbanos que poidan inducir riscos por subsidencia (ou afundimento dos terreos) deben ser sometidos á Avaliación de Impacto Ambiental. Neste caso, temos vivendas a menos de 300 metros dos minados, pero se obvia o trámite ambiental cunha mera declaración da empresa mineira dicindo que “podería descartarse”.

Por estes motivos ContraMINAcción solicita que se estuden os impactos das drenaxes ácidas e da radiación asociada aos minerais extraídos, e se avalíen os riscos de subsidencia, e se establezan as medidas correctoras que sexan necesarias para evitalos.

A Lei 21/2013, de 9 de decembro, de Avaliación Ambiental define o fraccionamento de proxectos como un mecanismo artificial de división de un proxecto con o obxectivo de evitar a avaliación normal do impacto ambiental no caso de a suma das magnitudes excedan os limiares estabelecidos. Do estudo da memoria presentada pola empresa, se deduce que hai intención de ampliar a explotación ao longo do tempo. É una práctica habitual das mineiras que a Xunta de Galicia ven permitindo ilegalmente. Por iso as organizacións que fan parte de ContraMINAcción e os afectados, advirten nas súas alegacións ao Órgano Ambiental e a Minas da necesidade de someter o proxecto ao completo ao trámite de Avaliación de Impacto Ambiental.