Arquivo da categoría: Monte Neme

Vistas dende o Monte Neme da fermosa lagoa de Baldaio

O Monte Neme galego

Compartimos esta reflexión da Plataforma Pola Defensa do Monte Neme, colectivo que fai parte de ContraMINAcción.

Dende vai tempo vimos advertindo da promoción (directa ou indirecta) das balsas e a canteira do Monte Neme como lugar turístico por parte de particulares (instagramers ou non), prensa e incluso entidades públicas.

Estes días vemos o Monte Neme moito nos medios, na maioría das ocasións facendo unha denuncia condescendente dos instagramers que se bañan alí, mentres ao mesmo tempo, se loan as belezas das súas augas turquesas e paisaxe exótico ou se cualifica como un paraíso. Bañarse está moi mal, din, pero engadindo na mensaxe “prohibido”, “belas augas”, “exótico” ou cualificativos semellantes e ademais dicindo que todo o mundo devece por achegarse ata alí. Facendo isto acéptase e foméntase o comportamento de ir á canteira.

Hai quen vai máis alá e non de forma inocente o usa para facer chegar a súa mensaxe ou a súa promoción, sexa turística, política, persoal ou audiovisual. E así, agora temos que o Monte Neme é o “Chernobyl galego”.

Por que? Pois porque se acaba de estrear unha serie homónima sobre a catástrofe nuclear do 86. Primeiro fálase do Monte Neme, dando unha imaxe romántica e adornada da canteira, pasando de ser unha canteira de seixo a unha mina de volframio nazi como preámbulo para chegar a radioactividade e rematar nomeando a serie en cuestión para promocionala. E isto só é o comezo, pois parece ser que se está a rodar alí unha serie e din que en pouco tempo o Monte Neme será tendencia. Máis romaría moderna.

O problema é máis ca uns frikis bañándose, é o funcionamento das redes sociais e os medios tradicionais, e é un problema estrutural da sociedade. Porque non somos conscientes e porque se permite. Permítese dende as institucións por acción ou omisión, promocionándoo ou deixando que o problema creza por non tomar as debidas medidas que a lei esixe.

Tamén a propia xente común o permite. Hai xente que todo isto o considera positivo e unha oportunidade, un filón que explotar. Que veña a xente e que falen de nós, dá o mesmo que veñan ver as nosas porqueiras. Soa mal, pero é o que é, e é o que lles estamos a ofrecer. Ademais, é tratar a xente de fóra de parvos. Tal turismo ofrecemos, tal turismo recibimos. Aínda peor, convivimos con eles e coa situación, e pasa a formar parte da nosa imaxe e logo de nós mesmos. Nós mesmos, os de aquí, o tragamos cando somos os primeiros que recibimos estas propostas e aceptamos como boa esta situación, para acabar sendo partícipes nesta farsa convertidos en anfitrións de paisaxes alleas.

Os esforzos por dignificar e promocionar uns concellos de Carballo e Malpica como culturais, artísticos, naturais, costeiros e megalíticos quedaranse no “Chérnobil galego”. Á terra dos mil ríos e mil fontes, non veñen a vernos a nós, a nosa esencia e os nosos paisaxes, os nosos monumentos milenarios e a nosa cultura, non, só veñen ver as pozas dunha canteira, as Maldivas dos probes e fachendosos e o maldito Chernobyl.

Cal é a solución, pois? O problema require unha reflexión máis profunda: que tipo de turismo e entornos queremos para nós mesmos? Queremos un “posTurismo” ou “turismo negro” (“dark tourism”) de paisaxes degradadas alieníxenas devidas en escenarios do glamour?, ou pola contra, queremos ter unha oferta verde e cultural que encaixe coa historia do noso monte e da nosa terra? Queremos un turismo orientado ao foráneo, ou unha oferta para viaxeiros e propia, que nos defina e poidamos vivir e gozar nós mesmos en primeiro termo?

Quen teña a autoridade de decidir e mudar as cousas, polo menos que sexa coherente e aposte por algo abertamente, e que asuma a súa responsabilidade. O primeiro é protexer á xente dos riscos da canteira e arranxar este perigo público coa restauración debida. Ademais debería escoitar, aceptar e incluír as propostas da cidadanía, dende a cal non deberiamos permitir que a restauración e futura actuación sexa un lavado de imaxe das malas praxes mineiras e institucionais.

Para nós, sería unha verdadeira mágoa manter a situación actual e deixar crecer a bola ou apostar directamente por un turismo de paisaxes degradadas e que nos coñeceran desa maneira. Se non tiveramos nada… quizáis, pero tendo un monte cheo de patrimonio e historia, sería unha mágoa desaproveitar a oportunidade. Cando poderíamos ser coñecidos coma o “Stonehenge galego”, ou o “Monte Olimpo galego” ou, se preferides non ir tan lonxe, a “Santa Tegra bergantiñán” ou o “Monte Pindo bergantiñán”.

O Monte Neme é o “Monte Neme galego”, o monte mítico galego. Os apelidos e alcumes temos que aprender a poñelos nós mesmos.

14 de Xullo de 2019

Vistas dende o Monte Neme da fermosa lagoa de Baldaio

A minería irresponsable do Monte Neme continúa a dar problemas

Augas de Galicia propón sancionar a Leitosa, S.A.U por vertidos non autorizados ao dominio público hidráulico

A empresa, xa disolta no seu día por un xuíz, non se dá por notificada e Augas de Galicia emprázaa por un edito público a través do DOG e do BOE

O DOG de hoxe publica a proposta de resolución ditada no expediente sancionador en materia de verteduras de augas residuais coa clave DH.D15.62226.

Con data do 24 de setembro de 2018 ditouse proposta de resolución no expediente sancionador seguido por Augas de Galicia e iniciado o 14 de maio deste ano, contra Leitosa, S.A.U. (termos municipais de Carballo e Malpica de Bergantiños) pola comisión dunha infracción de carácter leve en materia de verteduras de augas residuais, tipificada no artigo 85.e) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Leitosa, S.A.U. estaría a ser sancionada polos vertidos que puideran alterar a calidade da auga ou as condicións ambientais ou hidráulicas do medio receptor, efectuados sen contar coa autorización de vertido correspondente.

Intentada a notificación da dita proposta de resolución por correo certificado con aviso de recepción no domicilio que obraba no expediente administrativo, esta resolutou ser infrutuosa, polo que Augas de Galicia notifica a través dun anuncio no DOG e no BOE, por un prazo de quince (15) días, contado a partir do día seguinte ao desta publicación no Boletín Oficial del Estado, para os efectos de que Leitosa compareza ante Augas de Galicia.

Sen embargo, todo parece indicar que Augas de Galicia está a comunicarse con unha empresa que non existe, porque xa fora disolta no seu día por un xuiz que ordeara a disolución de Leitosa, a empresa que recibira 600.000 euros en axudas públicas e que tras declararse a súa insolvencia, non houbera bens para cubrir as débedas cos acreedores.

O xuíz xa ditaminara no seu momento a disolución da concesionaria do Monte Neme. A empresa vencellada á familia Cotino do Partido Popular de Valencia (coñecido pola famosa trama Gúrtel), non tiña bens para afrontar as débedas contraídas cos acreedores.

A data da resolución xudicial do Xulgado do Mercantil de Valencia foi do día 9/07/2015. O auto concluía o concurso por inexistencia de bens, extinguía a sociedade e cerraba a súa folla de inscrición no Rexistro Mercantil.

No ano 2014, unha balsa mineira do Monte Neme fendía e provocaba o vertido de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos mineiros. Aqueles danos foran valorados preto de 1,5 millóns, e dos que ao parecer non se recuperou nada, nen se vai a recuperar ao disolverse xa a empresa concesionaria.

O que debe facer a Xunta de Galicia é asumir a execución subsidiaria da restauración mineira do Monte Neme e deixar de perseguir panaceas e empresas que xa non existen. Agora tócalle á Xunta asumir a súas responsabilidades dunha vez por todas.

https://galicia.economiadigital.es/directivos-y-empresas/el-juez-ordena-disolver-leitosa-la-minera-del-monte-neme-que-recibio-600-000-euros-en-ayudas_366598_102.html#

http://www.infocif.es/empresa/leitosa-sa

 

Fonte: https://valfluvialdolouridocorcoesto.com