Arquivo da categoría: ContraMINAcción

Información sobre e desde a rede ContraMINAcción.

Premio da Universidade da ONU para un espectáculo de monicreques sobre os impactos da minaria

A xurado do Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade da Universidade das Nacións Unidas voltou a escoller este ano un proxecto do Centro de Saberes para a Sustentabilidade para outorgar un dos seus galardóns de “Proxecto Insignia Extraordinario” (Outstanding Flagship Project) na 9ª edición dos seus Premios RCE para proxectos innovadores de educación para o desenvolvemento sustentábel.

Se o ano pasado a instititución galega recibía este galardón, que recoñece as mellores iniciativas pedagóxicas a nivel mundial no ámbito da sustentabilidade, polo libro infantil “A mina contamina”, o documentario “San Finx 1960” e dúas unidades didácticas asociadas que explicaban os impactos da minaría de xeito comprensíbel para todos os públicos, este ano a Universidade da ONU decidiu distinguir un espectáculo de monicreques basado no proxecto anterior.

O Centro de Saberes para a Sustentabilidade deciciu producir e tornar público o vídeo do espectáculo a raíz da situación causada pola COVID, que imposibilitou a xira dos monicreques polo país que estaba a ser preparada. Deste modo, ofrécese de xeito gratuito xunto co libro infantil, unidades didácticas e documentario para que familias, centros e colectivos de todo tipo poidan utilizalos para entender mellor as consecuencias ambientais e sociais da minaría, en particular a contaminación por metais pesados.

Este ano, a iniciativa galega foi un dos 9 proxectos de todo o mundo que alcanzaron a máxima categoría de “Proxecto Insignia Extraordinario”, reservado para as propostas máis innovadoras e mellor fundamentadas desde o punto de vista pedagóxico e científico. “A mina cotamina” xa despertou interese noutros lugares do mundo, con iniciativas e solicitudes para traducir os materiais para o inglés, castellano e serbo-bosnio-croata.

Participaron na elaboración deste proxecto do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, a Fundação Montescola, a produtora cultural Axóuxere, o grupo Barahúnda e a Asociación Bubela de Abuín, contando ademais coa colaboración do Concello de Rianxo, a Rede ContraMINAcción, a Guerilla Foundation e a Plataforma PLADEMAR.

Unha folla de ruta para a transición ecolóxica, sen a cidadanía

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico embárcase nun plan sobre ‘xestión sustentable de materias primas minerais’ cara a unha economía climaticamente neutra en 2050 pero que pretende conseguir, esixindo e aumentando o consumo destas

Pechar os ollos e acelerar, é a solución ao cataclismo ao que nos empurra o Goberno. Nesta viaxe na que a cidadanía vai de paquete, na parte de atrás, vese arrastrada cara a un destino no que non foi realmente partícipe.

Agárrate que imos.”

Esta é a premisa de quen conduce e dirixe. Así o asume o MITECO ao lanzar unha consulta cidadá cuxas nove preguntas se formulan dun modo convido, en positivo, para recibir respostas no mesmo sentido. Condutismo orientado a provocar unha reacción causal.

A sociedade, porén, responde de forma diferente ás pretensións de quen gobernan ao servizo de modelos de económicos baseados no uso de combustibles fósiles ou agora de materias primas finitas, con métodos cuxos custos medioambientais están demostrando ser tanto ou máis prexudiciais. Para extraer os minerais utilízase maquinaria e métodos que emiten o 23% do CO2 do planeta.

Conscientes disto, as persoas e colectivos asinantes pretenden dar unha resposta que se sume á de expertos e científicos que lanzan unha voz de alarma que constantemente é silenciada.

As plataformas antiminaría avogamos por non repetir os mesmos erros do pasado que nos trouxeron ao presente no que nos encontramos, onde é urxente reducir as emisións de CO2 no ámbito global e manifestar que xa non hai marxe para experimentar outras fórmulas con caducidade sinalada.

Sigue lendo

Depredación en tempos de pandemia: Lexislando o espolio

O goberno do PP na Xunta de Galicia pretende acurtar nun terzo os prazos de tramitación dos grandes proxectos industriais, prazos que xa quedaran minguados pola Lei da Depredación de Galicia

Aspiran a solapar informes sectoriais dos proxectos, o que dificultará aínda máis a participación e o acceso á información ambiental

A posta en marcha deste proxecto tratarán de financiala cos cartos destinados a paliar os efectos da pandemia

O goberno galego do Partido popular que lidera Alberto Núñez Feijóo, pretende implantar nun prazo inmediato unha “importante” reforma administrativa orientada a axilizar a autorización de grandes proxectos empresariais. Quérese reducir burocracia e contraer as etapas administrativas que toda iniciativa industrial debe superar antes obter o visto e prace para así comprimir a tramitación e mellorar a competitividade. O obxectivo é acurtar ata un terzo a duración de todo o proceso beneficiando ás grandes corporacións empresarias eólicas e mineiras, e prexudicando á participación pública.

Sigue lendo

EuroBattery Minerals: «Podemos comezar a explotación mañá mesmo»

  • Membros de ContraMINAcción e de colectivos ambientalistas suecos participaron nas reunións para accionistas celebradas esta semana
  • EuroBattery Minerals mente ao accionariado sobre o proxecto mineiro en Santa Comba, indicando que conta con licenzas para comezar a mina de inmediato
  • A mineira sueca realizou sondeos a grande profundidade sen autorización ningunha, ante a pasividade da Dirección Xeral de Enerxía e Minas

Varios membros de ContraMINAcción xunto con ecoloxistas de Suecia participaron esta semana na reunión para potenciais accionistas que organizou a empresa mineira sueca EuroBattery Minerals, intervindo en varias ocasións para alertar de que o proxecto “Corcel” que pretende desenvolver en Santa Comba non ten ningún tipo de autorización e que conta co rechazo frontal da poboación local.

Cando membros de ContraMINAcción explicaron durante a reunión que en realidade o proxecto non tiña ningún tipo de autorización, o directivo Roberto García Martínez afirmou ante os potenciais accionistas que Corcel Minerals “ten unha concesión de explotación (‘full mining license’) que nos permite facer todo o que queiramos, incluíndo comezar a explotación da mina mañá mesmo, porque cumprimos con toda a lexislación española”.

Ante as preguntas das ecoloxistas, e sensiblemente contrariado, o directivo da empresa sueca afirmou que tiña falado a semana pasada con responsábeis da Dirección Xeral de Minas (agora chamada “de Recursos Naturais”) e que estes estaban ao tanto de todo, xustificando que sería inimaxinable que a Xunta fose facer a vista gorda mentres a empresa anunciaba públicamente a realización de sondeos, algo que, en todo caso, non sorprende a ContraMINAcción.

“Autorización para explotación inmediata”

Negando as evidencias e a última resolución da Xunta de xuño de 2020 na que se pecha a porta á segregación, o directivo de EuroBattery Minerals insistiu que a empresa conta cunha concesión de explotación duns 10 km2 vixente ata o ano 2068 coa que poderían comezar de inmediato a explotación mineira a ceu aberto de níquel, cobre e cobalto.

Segundo o directivo, o único motivo para non comezaren a furar mañá mesmo sería que queren coñecer mellor onde están os recursos mediante sondeos e así ampliar a zona de explotación desde a inicialmente proposta na Braña da Serra, entre as parroquias de Castriz, Boaña e Salgueiras, aos espazos naturais de Monte Maior e Monte Castelo, mais ao leste.

O carecer de calquera tipo de autorización administrativa, avaliación de impacto ambiental ou licenza urbanística non parece ser unha preocupación do directivo, que se gabou dos seus anos de experiencia en proxectos mineiros en Serra Leoa, na África.

Apesar de non ter ningún tipo de autorización, en setembro de 2019 EuroBattery Minerals anunciaba publicamente que comezaría os sondeos mineiros ese mesmo mes, e en decembro gabábase de ter completado case 1 km de sondeos en profundidade con barrenas de diamante, en ata catro puntos repartidos polo espazo natural da Braña da Serra.

Da especulación á explotación: covertir 100 euros en 2,5 millóns 

A empresa sueca adquiriu por 2,5 millóns de euros en febreiro de 2019 unha pequena mercantil con sede en Oleiros, Corcel Minerals SL, da que era socio maioritario José Manuel Corbal Debén. O empresario coruñés estivera anteriormente ao cargo das polémicas minas de Varilongo e San Finx con Incremento Grupo Inversor SL, empresa hoxe disolta xudicialmente por bancarrota.

Corbal Debén conseguiu reter o control da mina de Varilongo facéndose con ela durante o concurso de acreedores a través da empresa Galica Tin & Tungsten SL, nominalmente subsidiaria de sociedades opacas establecidas en Hong Kong e nas Illas Virxes Británicas. Corbal Debén, a través de Ulex Recursos SL, está detrás tanto do novo proxecto de converter a vella mina de volframio e estaño de Varilongo nunha explotación a ceo aberto, como do proxecto de minaría de níquel, cobre e cobalto con EuroBattery Minerals.

Corbal Debén tentou segregar un anaco dunha das vellas concesións de Varilongo denominada “Carmen”, concedida en 1944, transferíndoa por un prezo simbólico (100 euros) de Galicia Tin & Tungsten SL á recentemente creada Corcel Minerals SL. A idea era que esta nova empresa, unha vez vendida aos inversores suecos (por 26,4 millóns de coroas, uns 2,5 millóns de euros), puidese explotar un xacemento de níquel, cobre e cobalto que se encontra baixo a inmensa Braña da Serra, nas proximidades de Castriz (Santa Comba), con continuidade nas zonas próximas de Salgueiras, Monte Maior e Monte Castelo. Para estas zonas teríanse solicitado permisos de investigación abranguendo outros 22 km2, pero que non constan nen diarios oficiais nen no Censo Catastral Mineiro.

Escasos días despois de que se consumara a venda de Corcel Minerals á sueca EuroBattery Minerals, a Xunta informou desfavorablemente a solicitude de segregación, emitíndose en maio de 2019 unha proposta de resolución denegando a creación do novo dereito mineiro. A día de hoxe a proposta virou firme cunha resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas que indicaba que a segregación pretendida era ilegal. A pesar destes feitos, a continuidade dos sondeos ten provocado unha intensa reacción local, oposta a calquera proxecto deste tipo.

ContraMINAcción e outros 234 colectivos de todo o mundo din NON á estratexia europea de materias primas críticas

  • A estratexia da UE contempla novas minas a ceo aberto na Galiza, como a de cobalto de Castriz (Santa Comba) ou as de litio das serras de Cando e do Seixo

  • Denuncian o incumprimento sistemático da lexislación ambiental da UE na mina de San Finx (Lousame) como caso paradigmático da ausencia de control da minaria

A rede ContraMINAcción xunto con 234 colectivos da Europa e do resto do mundo veñen de presentar ante a Comisión Europea unha dura Carta Aberta rexeitando a nova estratexia europea de materias primas críticas lanzada este mes. A estratexia da UE pretende achandar o camiño para unha nova vaga de minaría na Europa, procurando reducir os trámites ambientais e contrarrestar a oposición social á minaría destrutiva. Fronte isto, os grupos asinantes reafírmanse no dereito das comunidade de dicir non aos proxectos mineiros.

No documento da Comisión Europea inclúese un mapa das zonas nas que se pretende promover novos proxectos mineiros das chamadas “materias primas críticas”, destacando na Galiza os macroproxectos de minaría a ceo aberto de cobalto, niquel e cobre de Castriz, en Santa Comba, e a cadea de minas de litio e tantalio que se pretenden implantar entre a Serra de Cando e o Monte Seixo, nos concellos de Beariz, Forcarei, Cerdedo, A Lama, Covelo, Boborás, O Irixo e Avión.

Na Carta Aberta, os 234 colectivos escolleron o caso da mina de estaño e volframio de San Finx (en Lousame) como exemplo ilustrativo da falta de control da Comisión Europea sobre os incumprimentos sistemáticos da lexislación da UE por parte das mineiras e dos Estados membros, o que deixa en evidencia os graves problemas ambientais que acarretará a nova estratexia, especialmente cando pretende reducir tempos de tramitación coartando a participación pública e o exame adecuado dos impactos ambientais.

Frente a fuxida cara adiante da Comisión e o lobby mineiro, ContraMINAcción e os colectivos asinantes chaman a facer da reducción absoluta de recursos unha prioridade, reducindo a pegada material e poñendo fin á explotación de terceiros países, en particular do Sur, e das propostas de avanzar coa minaría dos fondos mariños, da que tampouco escaparían as costas galegas.

Os colectivos de ContraMINAcción fan fincapé en como os novos proxectos na Galiza que aparecen no documento da Comisión evidencian a vulneración sistemática da lexislación ambiental da UE. No caso das minas de litio do Cando e Seixo, a Xunta e a operadora pretenden a súa aprobación sen o necesario trámite de avaliación ambiental a pesar dos riscos asociados á radioactividade e contaminación por metais pesados, mentres que nos casos de Santa Comba e San Finx, nos que a Xunta xa aprobou proxectos prescindindo do trámite ambiental, isto levou non só a unha contaminación continuada, se non tamén a varios procedementos penais actualmente en curso contra os funcionarios e autoridades actuantes

Os movementos antimina na península denuncian a espionaxe das súas plataformas

    • Catorce plataformas e 25 entidades enviarán dúas Cartas Abertas aos responsables dos proxectos e á propia Comisión Europea

    • Os tres proxectos denunciados recibiron máis de 10 millóns de euros da UE.

    • Están implicados os gobernos de Andalucía, Castela e León e Andalucía, así como o Consello Superior de Investigacións Científicas

Catorce plataformas integradas na Rede Ibérica contra as Minas, xunto con outras 25 entidades que participan nelas, manifestaron a través de dúas Cartas Abertas a súa indignación e preocupación pola información sobre diversos proxectos europeos financiados con fondos do programa Horizonte 2020. Estes proxectos non só supuxeron apoio a iniciativas destrutivas e contaminantes, senón que tamén implicaron investigacións de plataformas cidadás e organizacións ecoloxistas contrarias a tales iniciativas.

As plataformas dirixiron as súas cartas públicas aos responsables dos proxectos europeos MIREU (Mining and Metallurgy Regions of EU), NEXT (New Exploration Technologies) e iTARG3T (Innovative targeting & processing of W-Sn-Ta-Li ores), así como a Comisión Europea, que os financiou con máis de 10 millóns de euros. Os tres proxectos incluían compoñentes do que o sector mineiro chama a “Licenza Social para Operar”, que se refire ás tácticas empregadas polas empresas para minimizar ou destruír a oposición social a proxectos destrutivos e contaminantes.

Isto implicou a investigación, recompilación e/ou análise de información sobre grupos que se opoñen a diferentes proxectos mineiros, en todos os casos totalmente ás costas das comunidades e plataformas afectadas, e coa colaboración ou participación de axencias e institucións públicas. No proxecto MIREU, nesta investigación participaron precisamente as administracións públicas de Andalucía, Aragón e Castela e León, que deben decidir sobre os proxectos mineiros responsables dos conflitos, mentres que nos outros dous proxectos participan a Axencia estatal CSIC e a empresa Valoriza Minería do grupo SACYR.

Entre a documentación sacada á luz, incluso se apreciou unha linguaxe e un ton despectivos empregados en varias referencias ás plataformas e entidades de información, evidenciando en todo momento unha postura pro-minería.

Os que subscribimos estas cartas lamentamos que as administracións públicas, quen ten que manter a imparcialidade nos seus procesos de análise, revisión e concesión de proxectos mineiros de empresas privadas, estean demostrando que esta imparcialidade está seriamente cuestionada e incluso apoian tacitamente a estas últimas empregando fondos públicos para estes proxectos de dubidosa legalidade.

As Cartas Abertas solicitan que as plataformas asinantes teñan acceso a toda a información que se compilou sobre elas, xa que o proxecto MIREU afecta a polo menos 25 casos de estudo de toda a Península. Ademais, pídese á Comisión Europea que audite estes proxectos e cese o financiamento a este tipo de iniciativas.

Desde as plataformas considérase que, dado que estes estudos se levaron a cabo sen o coñecemento nin o consentimento dos movementos e comunidades afectados, estes terxiversan a natureza tanto dos nosos movementos cidadáns como dos propios conflitos.

Estes conflitos xeráronse precisamente debido á incapacidade das autoridades locais, nacionais e europeas para recoller e reaccionar segundo os sentimentos das poboacións afectadas por novos proxectos mineiros. Na orixe dos conflitos está tamén a extensa evidencia de impactos negativos e a necesidade de cumprir a lexislación ambiental europea.

ContraMINAcción presenta unhas directrices internacionais para acabar cos desastres das presas de residuos mineiros

  • Piden que a Administración asuma estas directrices, que faría inconcibibles instalacións de residuos que poidan causar fatalidades humanas, como a que se prevía en Touro
  • Lembran os desastres de Aznalcóllar e Monte Neme e a situación crítica nos depósitos de minas como as de San Finx, Touro ou Varilongo

A rede de colectivos ContraMINAcción ven de lanzar xunto cun grupo internacional de 142 científicos, ONGs e grupos comunitarios de 24 países un documento de directrices internacionais para o almacenamento seguro de residuos mineiros. As directrices pretenden protexer as comunidades locais, traballadores mineiros e o ambiente dos riscos que presentan millares de instalacións de almacenamento de residuos mineiros, que están presentando fallas críticas cada vez con máis frecuencia e con consecuencias máis graves. Na Galiza, temos exemplos históricos como as catástrofes da mina Piquito no río Xuvia (1955) e San Finx na ría de Noia (1960), ou as verteduras de Monte Neme (2014) e Touro (ata a actualidade).

O documento “Seguranza en primeiro lugar: Directrices para a xestión responsábel de residuos mineiros”, disponíbel en inglés, portugués e español, parte da premisa de que o obxectivo primordial da xestión de residuos mineiros debe ser DANO CERO para as persoas e o ambiente, e CERO TOLERANCIA para as fatalidades humanas. Desde ContraMINAcción lembran como o colapso tráxico dunha presa o ano pasado no Brasil matou a 270 persoas e destruíu a cidade de Brumadinho, e como a presa de residuos prevista no fracasado proxecto de Touro contemplaba a posibilidade dun alto número de mortes en caso de falla.

As Directrices pretenden contribuír á definición dunha norma global que está sendo promovida polo Programa das Nacións Unidas para o Ambiente como parte da súa Revisión Mundial de Relaves (Global Tailings Review, en inglés). En contraposición, as prácticas habituais de deseño e mantemento da industria mineira teñen evidenciado graves problemas á hora de protexer as comunidades e ecosistemas afectados, pois tenden a sacrificar a seguranza para reducir costes, utilizan consultores non independentes (como aconteceu en Touro co catedrático xubilado da Universidade de Santiago, Felipe Macías) e ignoran as críticas e alertas de comunidades e movementos ecoloxistas.

As principais liñas das directrices son:

  • Para evitar a xeración de pasivos ambientais como os depósitos de residuos mineiros e os seus impactos sociais e ambientais é urxente reducir a demanda global de materias primas primarias a través dunha verdadeira economía circular. A mellor presa é a que non se constrúe.
  • As instalacións de residuos mineiros só se deben construír e xestionar co consentimento previo das comunidades locais, adoptando as mellores prácticas e tecnoloxías dispoñíbeis e respectando os dereitos humanos, incluíndo o dereito á vida e ao ambiente.
  • As normas internacionais de seguranza deben ser independentes do control empresarial e establecerse implicando as comunidades locais, sociedade civil e traballadores mineiros, ademais da comunidade científica.
  • A normativa de presas mineiras debe incluír sólidas garantías financeiras e mecanismos para garantir que comunidades locais, organizacións ecoloxistas e traballadores mineiros poidan alertar sobre fallas sen sufrir ataques ou represalias.

Unha campaña sobre as presas de residuos de San Finx faise co Premio do Instituto Xeolóxico e Mineiro

–      Pretendía denunciar a situación crítica e de abandono dunhas instalacións de residuos de máis de 80 anos de actividade.

–      A candidatura foi a que maior número de interaccións recibiu nas redes sociais, recibindo apoios de todo o mundo.


25 de abril de 2020.-
Esta madrugada o Instituto Xeolóxico e Mineiro (IGME), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, fallou o “Premio Día Planeta Terra 2020”, outorgando o primeiro premio na categoría de interaccións en redes a unha campaña promovida por varios colectivos galegos para dar a coñecer a situación crítica das presas de residuos mineiros da explotación de San Finx, en Lousame.

Todas as participantes no certame debían achegar unha fotografía ou vídeo xunto cunha exposición sobre un dos Lugares de Interese Xeolóxico (LIG) incluídos no rexistro xestionado polo IGME, e entre os que están as minas de San Finx. A candidatura premiada consistía precisamente nunha detallada descrición da maior das presas de residuos mineiros, construída en 1939 pola  mineira británica The San Finx Tin Mines Ltd.

Esta presa de 12 metros de alto e 50 de ancho de coronación erixiuse seguindo un método de decantación de lodos, entón frecuente nas colonias británicas, que implicaba levantar diques cortando vales fluviais (“presas de colas fluviais”) e do que quedan moi poucos exemplos en pé debido aos colapsos ou desmantelamentos. A presa foi de feito protagonista da chamada “Catástrofe de 1960” na que os lodos chegaron ata a ría de Noia e sobre a que se filmou o documentario “San Finx 1960” de Irene Pin.

Tanto esta presa como outra máis pequena constaron nos plans anuais de labores da mina ata que a empresa deixou de os presentar no ano 2000. Na actualidade están en situación de total abandono e a súa falla, segundo un informe de Augas de Galicia de 2017, produciría un importante impacto ambiental.

Tentando fuxir das súas responsabilidades sobre as presas, a Dirección Xeral de Minas encabezada por Ángel Bernardo Tahoces e a concesionaria do Grupo Sacyr pretenderon facer pasar as presas de residuos por instalacións hidroeléctricas, o que derivou no inicio de dilixencias penais por presuntos delitos contra o ambiente, prevaricación ambiental e falsidade documental.

Os colectivos que promoveron a campaña gañadora (ContraMINAcción, Montescola, Verdegaia e Vida e Ría ou Minaría?) esperan que este premio consiga dar visibilidade a esta situación insostible no tempo e contribúa a forzar as administracións a deixar de mirar para o outro lado.

—-

Imaxe premiada: http://www.vidaeria.org/wp-content/uploads/2020/02/presas_san_finx.jpg

Texto premiado: https://twitter.com/ApadrinaUnaRoca/status/1243832038546907136

Documentario “San Finx 1960”: https://youtu.be/zv_z2EEn_V8

Presa abandoada que queren facer pasar por instalación hidroeléctrica

A Xunta mentiu á ONU e ao Parlamento Europeo sobre a Mina de San Finx

  • ContraMINAcción revela os informes sobre as presas de residuos mineiros que a Dirección Xeral de Minas pretendía facer pasar por embalses hidroeléctricos
  • O Director Xeral de Minas utilizou informes con datos falsos do catedrático da USC Felipe Macías para tentar ocultar a contaminación por metais pesados causada pola mina
  • ContraMINAcción demanda aos colexios profesionais de xeólogos, químicos e enxeñeiros de minas a que se retracten en relación ao apoio prestado aos informes de Felipe Macías 

A Xunta leva desde 2017 mentindo aos organismos internacionais que investigan a situación das minas de San Finx, en Lousame, en particular a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e o Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU. Así o evidencian novos informes realizados por Augas de Galicia e que confirman non só o carácter mineiro das presas de residuos máis tamén o problema de contaminación continuada.

Fronte ás queixas que evidenciaban o abandono de dúas presas de residuos mineiros e a contaminación continuada por metais pesados que afecta non só ao río San Fins máis tamén á ría de Muros-Noia e o Esteiro do Tambre, en Rede Natura 2000, o departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, imputado precisamente por ter permitido a posta en marcha da mina San Finx en 2009, bombardeou a estes organismos internacionais con informes repletos de afirmacións falsas que buscaban desacreditar as denuncias das asociacións ecoloxistas.

De depósitos de lodos mineiros a “embalses hidroeléctricos”

En 1928 e 1939 as entón concesionarias mineiras construíron sobre o cauce do río San Fins dúas presas de decantación de lodos mineiros, seguindo o método de ‘presas de colas fluviais’ (riverine tailings) habituais nas minas coloniais británicas da primeira metade do século pasado. Adquirida a mina polo Banco Pastor en 1940, as presas de residuos mineiros continuaron sendo utilizadas pola explotación, como evidencian os plans anuais de labores presentados ata o ano 2000, no que se abandona por completo e se deixa de presentar estes documentos preceptivos. A falla dunha das comportas da presa maior, de 13 metros de altura e 50 de lonxitude, causou o que na altura se deu en chamar a “catástrofe de 1960”, feitos sobre os que en 2019 se estreou o documental de investigación “San Finx 1960” de Irene Pin.

Despois de dous anos de investigación nos que se analizou a documentación histórica existente, en febreiro de 2019 Augas de Galicia emitiu un “Informe sobre a titularidade das presas San Finx” que indica que “pódese concluír que a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga”. Por iso, afirma, a súa seguridade depende dos órganos competentes en materia de minas que, non obstante, levan tentando ocultar a súa existencia desde 2009, ano no que as presas se deixaron fóra dos proxectos de restauración e explotación. Augas de Galicia conclúe que “sempre previa retirada dos áridos almacenados no vaso, debería considerarse a demolición, restaurando o DPH ao seu estado orixinal e proceder a restauración ambiental da zona afectada”.

Ante tales evidencias, destacan as falsidades dos técnicos de minas e do propio Director Xeral Ángel Bernardo Tahoces. Nun informe de 21/01/2019 remitido á ONU pola Xunta, o enxeñeiro de minas con responsabilidade pola supervisión das minas de San Finx e de Touro, Rafael Recuna, indica que é “irrefutable o carácter e concepción hidroeléctrica da presa de formigón maior” mentres que o seu superior, o Xefe do Servizo Territorial de Enerxía e Minas e Decano en Galicia do Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste de España Juan José Iglesias Suárez, afirma noutro informe da mesma data tamén destinado á ONU que “o único certo é que nos arquivos da Administración Mineira non existe ningún documento no que se autoricen as citadas presas de formigón que se encontran no cauce do río fóra do perímetro da explotación mineira”. Mesmo o Director Xeral de Minas Ángel Bernardo Tahoces dirixiu unha instancia á ONU para indicar que, a pesar de apareceren as presas no “Inventario de Balsas e Escombreiras da Comunidade Autónoma de Galicia” feito pola propia Xunta en 1999, estas non serían “instalacións da explotación”. Tahoces encomendou tamén informes para enviar ao Comité de Peticións do Parlamento Europeo, entre eles un de 29/03/2019 asinado polo mesmo enxeñeiro Rafael Recuna, no que volta a insistir que “As presas non foron construídas co propósito de formar parte do proceso mineralúrxico” senón que “probablemente foron construídas con propósito hidroeléctrico”. Xusto no periodo comprendido entre os dous informes deste enxeñeiro da Xunta, tornouse pública a imputación do Director Xeral de Minas.

Vestindo a contaminación mineira como “fondo natural de metais”

A Xunta de Galicia ten constancia da contaminación por metais pesados causada polas minas de San Finx polo menos desde 1990, ano no que as analíticas requiridas pola Fiscalía evidenciaron a contaminación que desde a mina baixaba en dirección á ría. En lugar de recoñecer a situación constatada desde 2016 por Augas de Galicia, con niveis de cadmio, cobre e cinc que superan amplamente os limites máximos legais permitidos, o mesmo enxeñeiro Rafael Recuna no seu informe para a ONU nega a “existencia de augas ácidas de mina” e cita un “estudo” realizado para a empresa mineira polo profesor emérito da USC Felipe Macías Vázquez no que se conxectura sen base científica algunha a existencia dun “fondo natural de metais” que impediría cumprir cos niveis legais de substancias perigosas prioritarias.

O “estudo” que asina Felipe Macías xunto con varios colaboradores do seu “Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental” pretendía xustificar que a empresa puidese verter augas contaminadas con cadmio con total impunidade de xeito perpetuo. Tamén o Xefe do Servizo de Enerxía e Minas Juan José Iglesias Suárez respaldou no seu informe a conxectura de que a contaminación se dá de “forma natural”, descalificando as entidades ecoloxistas que cuestionaban tal falacia: “Desconozco quien asesora técnicamente a los denunciantes, pero considero grave calificar de falacia las afirmaciones incluidas en el párrafo anteriormente transcrito, que constituyen una valoración cualitativa, no cuantitativa, basada en los fundamentos de la disciplina técnica de la geoquímica de suelos y aguas, como cualquier técnico especialista conoce.”

Non obstante, desconfiando das pretensións da empresa mineira, filial do Grupo Sacyr, apoiadas en todo momento pola Dirección Xeral de Enerxía Minas, Augas de Galicia decidiu encomendar unha asistencia técnica á Universidade da Coruña por medio do grupo de investigación AQUATERRA, que dirixe o Catedrático de Hidroloxía Javier Samper, para avaliar a validade e veracidade das conclusións do estudo de Felipe Macías achegado pola mineira para evitar un tratamento das súas verteduras que eliminase a carga contaminante en condicións. Lonxe de avalar as conxecturas de Macías e Sacyr sobre un “fondo natural de metais”, o informe de 240 páxinas da Universidade da Coruña refuta os métodos e conclusións evidenciando, como xa o fixeran as entidades ecoloxistas, que a contaminación por metais pesados se produce como consecuencia das verteduras procedentes da explotación mineira.

O papel de Felipe Macías e os colexios profesionais

Os informes encomendados por Augas de Galicia e agora feitos públicos non só poñen en dúbida a actuación da empresa mineira e do departamento que dirixe o imputado Ángel Bernardo Tahoces, máis sobre todo a credibilidade dos traballos que Felipe Macías ven asinando para favorecer proxectos mineiros como os de San Finx ou Touro, onde chegara a propor, como consta na DIA negativa emitida a pasada semana, a creación dun parque temático sobre organismos extremófilos para o estudo da vida extraterrestre como excusa para non restaurar os cauces contaminados.

O 29 de xuño do ano pasado, o Colexio Oficial de Xeólogos, o Colexio Oficial de Químicos de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste (do que en Galicia é Decano o propio Xefe de Minas da Coruña Juan José Iglesias Suárez) e o Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Grados de Minas e Enerxía de Galicia emitiron un duro comunicado conxunto que pretendía desprestixiar publicamente o traballo do Doutor Dr. Steven H. Emerman na súa calidade de consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas. Emerman cuestionara as conxecturas de Felipe Macías evidenciando extensos plaxios, absoluta falta de rigor metodolóxico e procedimental e manipulacións groseiras no seu anterior informe sobre San Finx de abril de 2017, co fin manifesto de eximir á concesionaria mineira do cumprimento dos limites legais para contaminantes perigosos, alegando un ficticio fondo natural de metais. En contestación a ese primeiro informe de Macías, o Concello de Muros e Verdegaia encomendaran un informe técnico sobre as verteduras e outro informe histórico.

Fronte ás críticas de Emerman e outros técnicos, confirmadas agora nos informes de Augas de Galicia, os catro colexios profesionais indicaban que “se ha permitido poner en duda el trabajo y profesionalidad del catedrático” [Macías] e “despreciar y desprestigiar sin mayor argumento científico o técnico, ni currículo que avale su opinión”. Os catro colexios manifestaban daquela o seu “total desacuerdo con las afirmaciones vertidas” indicando que “sus juicios y análisis carecen del rigor necesario ya que no es posible emitirlos sin contar con los datos técnicos mínimos” e calificando os resultados expostos como “un juicio de valor sesgado y parcial, más propio de un postulado ideológico que científico.” ContraMINAcción pregúntase se os mesmos colexios se pronunciarán agora de igual xeito ante as consideracións feitas no informe sobre San Finx liderado polo Catedrático da Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña Javier Samper e cando a propia Xunta refrendou na súa DIA negativa ao proxecto mineiro de Touro as alertas expresadas no informe de Emerman.

Antes as críticas a Emerman do pasado ano, ContraMINAcción dirixiuse formalmente ao Presidente do Colexio Oficial de Xeólogos, Manuel Regueiro, e ao Decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, expresando a súa protesta formal polas manifestacións subscritas e enviándolles os informes íntegros para que os analizasen con rigor. Medio ano despois, sen que houbese resposta algunha e á vista do novo informe da Universidade da Coruña que evidencia a absoluta ausencia de base científica das pretensións defendidas pola Xunta e Felipe Macías, ContraMINAcción pídelle novamente aos catro colexios profesionais que se retracten do contido do seu comunicado conxunto e condenen formalmente a absoluta falta de ética e rigor que evidencian os informes emitidos por Felipe Macías e o seu equipo.

Informes íntegros

Informes dos funcionarios da Dirección Xeral de Enerxía e Minas

ContraMINAcción celebra a vitoria da veciñanza de Touro na súa loita contra o proxecto de Atalaya Mining.

A Xunta de Galicia vén de dar a coñecer o rexeitamento do proxecto de Atalaya Mining. Os informes negativos de Patrimonio Natural e Augas de Galicia levaron a emitir unha DIA negativa, pola falta de sustentabilidade ambiental do proxecto.

Entrega das primeiras alegacions contra o proxecto de Touro, en 2017

En ContraMINAcción queremos mostrar hoxe, máis que nunca, a nosa solidariedade coa veciñanza de Touro e O Pino, e os nosos parabéns polo éxito acadado despois dunha loita de máis de dous anos.

Cando, a finais de setembro do ano 2017, dende Contraminacción convocamos unha primeira xuntanza en Loxo, para informar sobre os riscos do proxecto, que nese momento saía a exposición pública, sabiamos da importancia de proporcionar información á xente afectada, pois a información é a base da organización para parar os proxectos.

Activistas de ContraMINAcción, nunha charla informativa de setembro de 2017

Foi un longo camiño para a veciñanza de Touro e O Pino. Un reto duro e de moita incerteza, pois o proxecto mineiro irrompeu nas súas vidas interferindo nelas e na súa concepción do mundo, virándoa do revés. Non podemos menos que felicitar á Plataforma de Touro polo traballo realizado, co que finalmente, despois dun esforzo dilatado e continuo, conseguiron facer ver ás autoridades a incompatibilidade do proxecto coas actividades preexistentes e co seu modo de vida.

É salientable que o motivo da anulación fose de índole ambiental. Iso vén darnos a razón, pois todas as nosas reclamacións baseábanse precisamente na incompatibilidade do proxecto coa protección do medio.

Queda pendente a eliminación da contaminación existente e a restauración ambiental dos impactos da antiga mina, que, como xa vén sendo habitual (a pesar de ser ilegal), segue sen ser restaurada como correspondería. A Xunta debe instar á empresa a repoñer as condicións ambientais do medio tal como se recolle na nosa lexislación.

Desde a nosa Rede seguiremos en alerta, para vixiar este caso e os outros existentes e que veñen de camiño, tanto en Galiza, como co resto da Península Ibérica. Somos conscientes de que as ameazas son moitas, mais unha vitoria como esta axúdanos a coller folgos para seguir na loita.

Esta vitoria fai patente a importancia que pode ter unha rede como ContraMINAcción, especialmente nas etapas iniciais do proxecto, para dar a voz de alarma, informar aos afectados e transmitir os coñecementos acumulados desde o noso nacemento en 2013, con outras loitas das que tamén fomos partícipes, algunhas ganadas xa, como a de Corcoesto; outras en marcha desde aquela, como Triacastela, San Finx, Terra Cha, Santa Comba, Forcarei…

Neste senso, aproveitamos para dar de novo a voz de alarma en relación á Lei ambiental que está actualmente en tramitación, e que xa é coñecida como Lei de Prevaricación Ambiental. Pois entendemos que vai diluír os dereitos á información pública e participación en materia de medio ambiente recollidos en normas nacionais, estatais e comunitarias, así como en tratados internacionais, reducindo ao máximo os controis aos proxectos, non só mineiros, senón de todo tipo.

Parabéns a todas as persoas que contribuíron dun xeito ou outro a retirar a licenza social á Mina Touro-O Pino. O proxecto é ambientalmente insostible, pero a Declaración de Impacto Ambiental negativa vén da man da falta da licenza social. Sigamos unindo as nosas forzas, para loitar contra a depredación do noso territorio.

Hoxe, igual que onte (pero con moita ledicia), berramos a pleno pulmón: MINA NON!