Arquivo da categoría: Minería Galicia

Información xeral sobre a minaría en Galiza, que non teña que ver directamente coa rede ContraMINAcción nin con un conflito concreto.

ContraMINAcción celebra a vitoria da veciñanza de Touro na súa loita contra o proxecto de Atalaya Mining.

A Xunta de Galicia vén de dar a coñecer o rexeitamento do proxecto de Atalaya Mining. Os informes negativos de Patrimonio Natural e Augas de Galicia levaron a emitir unha DIA negativa, pola falta de sustentabilidade ambiental do proxecto.

Entrega das primeiras alegacions contra o proxecto de Touro, en 2017

En ContraMINAcción queremos mostrar hoxe, máis que nunca, a nosa solidariedade coa veciñanza de Touro e O Pino, e os nosos parabéns polo éxito acadado despois dunha loita de máis de dous anos.

Cando, a finais de setembro do ano 2017, dende Contraminacción convocamos unha primeira xuntanza en Loxo, para informar sobre os riscos do proxecto, que nese momento saía a exposición pública, sabiamos da importancia de proporcionar información á xente afectada, pois a información é a base da organización para parar os proxectos.

Activistas de ContraMINAcción, nunha charla informativa de setembro de 2017

Foi un longo camiño para a veciñanza de Touro e O Pino. Un reto duro e de moita incerteza, pois o proxecto mineiro irrompeu nas súas vidas interferindo nelas e na súa concepción do mundo, virándoa do revés. Non podemos menos que felicitar á Plataforma de Touro polo traballo realizado, co que finalmente, despois dun esforzo dilatado e continuo, conseguiron facer ver ás autoridades a incompatibilidade do proxecto coas actividades preexistentes e co seu modo de vida.

É salientable que o motivo da anulación fose de índole ambiental. Iso vén darnos a razón, pois todas as nosas reclamacións baseábanse precisamente na incompatibilidade do proxecto coa protección do medio.

Queda pendente a eliminación da contaminación existente e a restauración ambiental dos impactos da antiga mina, que, como xa vén sendo habitual (a pesar de ser ilegal), segue sen ser restaurada como correspondería. A Xunta debe instar á empresa a repoñer as condicións ambientais do medio tal como se recolle na nosa lexislación.

Desde a nosa Rede seguiremos en alerta, para vixiar este caso e os outros existentes e que veñen de camiño, tanto en Galiza, como co resto da Península Ibérica. Somos conscientes de que as ameazas son moitas, mais unha vitoria como esta axúdanos a coller folgos para seguir na loita.

Esta vitoria fai patente a importancia que pode ter unha rede como ContraMINAcción, especialmente nas etapas iniciais do proxecto, para dar a voz de alarma, informar aos afectados e transmitir os coñecementos acumulados desde o noso nacemento en 2013, con outras loitas das que tamén fomos partícipes, algunhas ganadas xa, como a de Corcoesto; outras en marcha desde aquela, como Triacastela, San Finx, Terra Cha, Santa Comba, Forcarei…

Neste senso, aproveitamos para dar de novo a voz de alarma en relación á Lei ambiental que está actualmente en tramitación, e que xa é coñecida como Lei de Prevaricación Ambiental. Pois entendemos que vai diluír os dereitos á información pública e participación en materia de medio ambiente recollidos en normas nacionais, estatais e comunitarias, así como en tratados internacionais, reducindo ao máximo os controis aos proxectos, non só mineiros, senón de todo tipo.

Parabéns a todas as persoas que contribuíron dun xeito ou outro a retirar a licenza social á Mina Touro-O Pino. O proxecto é ambientalmente insostible, pero a Declaración de Impacto Ambiental negativa vén da man da falta da licenza social. Sigamos unindo as nosas forzas, para loitar contra a depredación do noso territorio.

Hoxe, igual que onte (pero con moita ledicia), berramos a pleno pulmón: MINA NON!

ContraMINAcción rexeita a “Lei de prevaricación ambiental”

O goberno de Feijoo vén de anunciar o inicio dos trámites para aprobar a segunda parte da Lei de Depredación de Galicia, que denomina en neolingua, “Lei de avaliación ambiental de Galicia”.

Ao mais puro estilo Tahoces en materia de transparencia, a Xunta liquidou o trámite de consulta pública previa previsto no artigo 133 da lei de procedemento administrativo cun documento de 2 páxinas para explicar os problemas que se pretenden solucionar, a necesidade e obxectivos da norma e as solucións alternativas, a pesar de que esta consulta require que se poña a disposición da cidadanía os documentos necesarios, que serán claros e concisos e reúnan toda a información precisa para que se poida pronunciar sobre a materia.

Algúns dos elementos desta secuela de favores lexislativos a diversos lobbies, en particular ao mineiro, ao que renden pleitesía desde fai mais dunha década as consellerías todas e singularmente as de Medio Ambiente e Industria, pode adiviñarse traducindo a neolíngua usada na nota de prensa do Consello da Xunta:

  • Usar as competencias autonómicas para tratar de limitar e reinterpretar os requirimentos da lexislación europea e estatal en materia de avaliación de impacto ambiental.

  • Facer inefectiva e arbitraria a avaliación dos proxectos: preténdese que sexa o órgano sustantivo quen escolla en cada caso os órganos administrativos e as entidades ecoloxistas que os informen.

  • Acabar de vez con calquera reparo á hora de depredar en Rede Natura: “no canto de comezar un procedemento administrativo dun mínimo de cinco meses de duración, regularíase que sexa un informe da dirección xeral competente o que sinale se hai ou non esa posible afección. De concluirse a inexistencia de afección, non sería necesario tramitar un procedemento de avaliación ambiental.

O obxectivo global non parece outro que legalizar un modus operandi a través do cal a Xunta vén eximindo de trámite ambiental proxectos que en normal cumprimento da lei debían de o seguir. Obxectivo que non se oculta completamente, cando no apartado de posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias se indica que: A alternativa sería manter a actual regulación coa Lei 1/1995“. Isto é: cumprir a lei. Máis do que unha “lei de avaliación ambiental” parece que o que a Xunta pretende é unha “lei de prevaricación ambiental”.

O DEBATE SOBRE A MINA DE TOURO TRASLÁDASE Á COMISIÓN DE PETICIÓNS DO PARLAMENTO EUROPEO

Por terceira vez nos últimos dous anos, a problemática sobre a controvertida mina de Touro será trasladada ás institucións europeas. Nesta ocasión, tres representantes de distintos colectivos da rede Contraminacción, entre os que se atopa a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, terán ocasión de defender ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo as súas reclamacións sobre a afectación do proxecto de extracción de cobre a ceo aberto que actualmente tramita a empresa Cobre San Rafael, así como a falta de transparencia por parte da Xunta de Galicia no procedemento. Así mesmo, tamén se cuestiona a restauración do territorio afectado pola antiga explotación, pechada fai máis de trinta anos, en particular o dano causado á calidade das augas tras o seu paso pola mina. En directa relación coas políticas europeas, atópase a afectación a explotacións agrarias beneficiarias da Política Agraria Común (PAC), dado que a actividade mineira podería afectar aos acuíferos e as balsas poderían ser perigosas para explotacións leiteiras lindeiras.

Para a admisión a trámite das tres peticións, a comisión do Parlamento Europeo tivo en conta, entre outras cuestións, que a Directiva sobre residuos da minería (Directiva 2006/21/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de marzo de 2006, sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas e pola que se modifica a Directiva 2004/35/CE – Declaración do Parlamento Europeo, do Consello e da Comisión (DO L 102 de 11.4.2006, pp. 15-34)) establece a obriga de que as autoridades competentes garantan que os residuos de extracción se xestionen dun xeito que non supoña perigo para a saúde das persoas e sen utilizar procesos ou métodos que poidan danar o medio ambiente e, en particular, supoñer riscos para a auga, o aire, o chan, a fauna ou a flora, sen causar molestias debidas ao ruído ou os malos cheiros e sen afectar negativamente a paisaxe nin a lugares que presenten un interese especial. Doutra banda, tamén fai referencia a Comisión de Peticións á Directiva marco sobre a auga (Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas (DO L 327 de 22.12.2000, pp. 1-73)), que esixe que as autoridades competentes, no contexto do plan hidrolóxico de conca pertinente, determinen as repercusións da actividade humana no estado das augas superficiais e das augas subterráneas, e adopten as medidas necesarias para acadar os obxectivos ambientais para todas as masas de auga.

A situación actual da mina de Touro, con constantes episodios de contaminación de augas e de ausencia de restauración ambiental do espazo degradado pola actividade dos anos 80, evidencia unha clara vulneración das directivas europeas mencionadas, así como da Directiva 2004/35/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de abril de 2004, sobreresponsabilidade ambiental en relación coa prevención e reparación de danos ambientais.

Se nin en máis de dous anos de tramitación do novo proxecto extractivo, nin en máis de trinta desde o cesamento na actividade mineira, as autoridades galegas e españolas non souberon ou non quixeron poñerlle remedio a unha situación xa insustentable de grave dano ao medio ambiente, terá que ser a Unión Europea quen tome cartas no asunto. Por este motivo, as persoas encargadas de defender mañá as peticións, insistirán en que estas permanezan abertas e que, dado que estamos ante un caso sistémico, igual que o das minas de San Finx en Lousame ou moitas outras ao longo da nosa xeografía, o Parlamento Europeo envíe unha “Fact Finding Visit” ou visita de investigación a Galicia, para poder inspeccionar in situ a situación de deixamento na que a nosa Administración tennos sumidos.

A casuística da mina de Touro, así como a situación xeral da minería en Galicia, xa ten sido abordada con anterioridade nas institucións europeas, non só a través de peticións, senón tamén a través da Comisión ou mediante preguntas no pleno do Parlamento.i Nesta ocasión, as peticións chegan da man da iniciativa do grupo dos Verdes- Alianza Libre Europea, a través de Ana Miranda, que ademáis facilitou a participación dun grupo máis amplo e a celebración dun encontro de análise e debate cos grupos políticos e os colectivos veciñais.

A intervención dos peticionarios, que representarán ás asociacións Petón do Lobo (Petición n.º0174/2018), Cova Crea (Petición n.º1194/2017) e Mina Touro – O Pino NON (Petición n.º0386/2018), está programada para as 14:30 horas do martes 12 de novembro. Pode seguirse en directo a través da seguinte ligazón:

https://www.europarl.europa.eu/ep-ao vivo/é/committees/vídeo?event=20191111-1500- COMMITTEE-PETI

As tres peticións permanecen abertas a adhesións.

——————————————————-

i “Lidia Senra pide que la Comisión Europea investigue los vertidos de residuos en la antigua mina de Touro”: https://www.youtube.com/watch?v=kDoSqs3I2mg

“El Parlamento Europeo insta a investigar sobre la vulneración generalizada de directivas europeas en las minas de San Finx”: http://www.yestolifenotomining.org/el-parlamento- europeo-insta-investigar-sobre-la-vulneracion-generalizada-de-directivas-europeas-en-las- minas-de-san-finx/

“El BNG pide a Europa que investigue la minería gallega”: https://galicia.economiadigital.es/politica-y-sociedad/el-bng-pide-a-europa-que-investigue-la- mineria-gallega_655235_102.html

Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON

A Comisión contra as Minas na Terra Chá convoca os alcaldes tras constatar presuntas ilegalidades de Erimsa

A Comisión contra as Minas da Terra Chá, integrada por máis dunha vintena de colectivos, mantivo, o 7 de outubro, unha xuntanza tras constatar o inicio de actividades por parte da empresa Erimsa. Dende a Comisión contra as Minas na Terra Chá non temos constancia de que esta mineira de capital noruegués e chinés teña título ou habilitación xurídica suficientes como para iniciar a súa actividade en ningunha das concesións aprobadas para extraer seixo en 2006 e que afectan 5.700 hectáreas nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Abadín, Vilalba e Riotorto.

De feito, tras máis de dez anos de loita, dacabalo dos anos 2012 e 2013, Erimsa perdeu os cinco recursos contencioso-administrativos que interpuxo contra os concellos de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza. Nese mesmo período, a Erimsa denegáronlle as licenzas os concellos, previa denegación da autorización autonómica.

Diante destes antecedentes, consideramos de extrema gravidade que Erimsa inicie a súa actividade extractiva na Terra Chá, cometendo así, na nosa opinión, unha posible ilegalidade, e decidimos convocar os alcaldes dos concellos afectados a unha xuntanza que se vai celebrar este venres, 11 de outubro, ás 19.00 horas no local de cursos de Muimenta. Nesta xuntanza pretendemos que haxa un intercambio de información e facer unha análise da situación para acordar pasos a dar conxuntamente a veciñanza e os representantes municipais. A intención deste entendemento sería paralizar esta actividade mineira totalmente incompatible coa actividade agraria e gandeira existente nos concellos afectados, tal e como recoñeceu a propia Xunta de Galicia nos seus informes.

Dende a Comisión contra as Minas na Terra Chá animamos aos alcaldes afectados a responder ao noso chamamento e asistir á xuntanza, dada a importancia da mesma para defender os intereses e o medio de vida de centos de familias ameazadas por Erimsa na Terra Chá.

A PENÍNSULA IBÉRICA: unha gran mina a ceo aberto.

Plataformas anti-minería unidas contra a especulación.

• Plataformas e movementos sociais de toda a Península Ibérica reivindican o NON Á EXTRACCIÓN ESPECULATIVA e CONTAMINANTE no Día Mundial Contra a Minería ao descuberto.
• As plataformas antimegaminería continúan a súa loita para que o beneficio dunha minoría non estea por encima dos dereitos da cidadanía.

Neste día 22 de xullo, día mundial contra a minería a ceo aberto, as plataformas veciñais:
Plataforma veciñal mina Touro e O Pino Non, Plataforma Vida e Ría ou minaría de Lousame, as plataformas da Rede Contraminacción de Galicia, a Coordinadora Non á Mina de Uranio de Salamanca, Plataforma No en Mi Tierra de Zamora , a Plataformas Non á Mina na Sierra de Yemas, Non á Mina no Valle del Corneja, Plataforma No a la Mina en la Sierra de Ávila, a Plataforma Salvemos la Montaña de Cáceres, a Plataforma de La Raya Sin Minas de Valencia de Alcántara, Plataforma Tamuja de Plasenzuela, Plataforma Sierra de Gata Viva tamén de Cáceres, Plataforma Salvemos las Villuercas, Plataforma Oro No de Tapia de Casariego en Asturias, Plataforma Salvemos Esparteros de Morón de la Frontera en Sevilla, a Plataforma de Afectados por Metais Pesados de Llano del Beal en Cartaxena e Unidos em Defensa de Covas do Barroso de Portugal denuncian un ano máis o perigo ao que está sometida toda a Península Ibérica como consecuencia da gran cantidade de expedientes solicitados que pretenden deixar unha península furada, contaminada e erma, o que propiciará o baleirado, aínda máis do que xa está, das zonas rurais.

Preténdese enganar á poboación coa falsa premisa de creación de emprego e do asentamento da poboación nestas zonas, xa deprimidas pola desidia e abandono das institucións. De creación de emprego, pero nas minas abertas, e segundo as estatísticas oficiais, a media de traballadores é inferior a 15 persoas, como na mina de Aguablanca en Monesterio, onde reduciron o persoal de 25 a 9 traballadores. Nembargantes, ameazan miles de traballos reais, arruinando a familias que xa desenvolven actividades sustentables na maioría dos casos, como nas Villuercas, na Serra de Gata e en moitos outros lugares de Extremadura.

Queren enganar á poboación aducindo que nas zonas rurais non hai alternativas laborais, pero as Plataformas sabemos que desenvolvemos a vida, sen présa nen pausa, traballando sen prexudicar a outros sectores, sen ameazar as opcións de futuro, como no occidente de Asturias, en Salave, onde a Administración e as empresas mineiras do ouro queren impoñer a súa alternativa destrutiva sobre a vida e tradicións de agricultores/as, gandeiros/as, mariscadores/as, pescadores/as, ou sobre o turismo, a educación, a saúde.

Ou como en Touro, por onde ademáis das actividades rurais mencionadas, un proxecto mineiro de cobre atópase ao paso da última etapa do Camiño de Santiago, agora ameazado, que acumula múltiples denuncias por contaminación de verteduras de augas desde o peche da anterior explotación, abandonada e sen restauración desde hai máis de 30 anos como acontece tamén en San Fins e Monte Neme. E nas Villuercas, Cañamero leva 100 anos coa colonia agrícola funcionando e fixando poboación.

Ampáranse na sustentabilidade, pero esgotan recursos naturais non renovables, eliminan a terra fértil que permite a alimentación, queiman inxentes cantidades de combustibles fósiles e de enerxía, acaparan grandes cantidades de auga para contaminala con metais pesados e tóxicos químicos, e abandonala posteriormente. Iso entre outras moitas cousas temen en Ávila, na Sierra de Yemas e no Valle del Corneja.

Dinnos que é en nome da Transición Enerxética e da propaganda que promove os coches eléctricos como a alternativa “cero emisión” e amiga do ambiente, pero afróntana con hipocrisía, proxectando minería de litio e outras materias primas en lugares Patrimonio Mundial Agrícola como Covas do Barroso, en Portugal; e en lugares Patrimonio da Humanidade como a cidade de Cáceres, pretendendo monopolizar e esgotar recursos naturais coa auga, o aire, os chans de alta calidade para producir e consumir máis e máis.

Ocultan e negan consecuencias dos proxectos mineiros, sen ningunha transparencia, abusando da poboación, aproveitándose do descoñecemento, sen informar das auténticas intencións, nin de futuras ampliacións, nin de riscos como veñen denunciando desde Llano del Beal en Cartagena a contaminación por metais pesados; e mesmo pretenden introducir material sesgado e falso nas escolas, como no caso de Galicia onde, con axuda dos medios de masas, lavan unha imaxe que non poden ocultar, a da realidade.

A única realidade é que estas empresas que queren instalarse nos nosos territorios non buscan o beneficio dos lugares onde queren instalarse, senón que perseguen o seu propio beneficio espoliando e destruíndo todo o que atopan ao seu paso. Prometen unha restauración á que lle falta concreción nos plans presentados ou simplemente non existe.

As plataformas antimegaminería da península Ibérica continuamos e continuaremos, como viñemos facendo ata agora, traballando sen alento, para que a ambición dunha minoría non estea por riba dos dereitos da cidadanía.

Vistas dende o Monte Neme da fermosa lagoa de Baldaio

O Monte Neme galego

Compartimos esta reflexión da Plataforma Pola Defensa do Monte Neme, colectivo que fai parte de ContraMINAcción.

Dende vai tempo vimos advertindo da promoción (directa ou indirecta) das balsas e a canteira do Monte Neme como lugar turístico por parte de particulares (instagramers ou non), prensa e incluso entidades públicas.

Estes días vemos o Monte Neme moito nos medios, na maioría das ocasións facendo unha denuncia condescendente dos instagramers que se bañan alí, mentres ao mesmo tempo, se loan as belezas das súas augas turquesas e paisaxe exótico ou se cualifica como un paraíso. Bañarse está moi mal, din, pero engadindo na mensaxe “prohibido”, “belas augas”, “exótico” ou cualificativos semellantes e ademais dicindo que todo o mundo devece por achegarse ata alí. Facendo isto acéptase e foméntase o comportamento de ir á canteira.

Hai quen vai máis alá e non de forma inocente o usa para facer chegar a súa mensaxe ou a súa promoción, sexa turística, política, persoal ou audiovisual. E así, agora temos que o Monte Neme é o “Chernobyl galego”.

Por que? Pois porque se acaba de estrear unha serie homónima sobre a catástrofe nuclear do 86. Primeiro fálase do Monte Neme, dando unha imaxe romántica e adornada da canteira, pasando de ser unha canteira de seixo a unha mina de volframio nazi como preámbulo para chegar a radioactividade e rematar nomeando a serie en cuestión para promocionala. E isto só é o comezo, pois parece ser que se está a rodar alí unha serie e din que en pouco tempo o Monte Neme será tendencia. Máis romaría moderna.

O problema é máis ca uns frikis bañándose, é o funcionamento das redes sociais e os medios tradicionais, e é un problema estrutural da sociedade. Porque non somos conscientes e porque se permite. Permítese dende as institucións por acción ou omisión, promocionándoo ou deixando que o problema creza por non tomar as debidas medidas que a lei esixe.

Tamén a propia xente común o permite. Hai xente que todo isto o considera positivo e unha oportunidade, un filón que explotar. Que veña a xente e que falen de nós, dá o mesmo que veñan ver as nosas porqueiras. Soa mal, pero é o que é, e é o que lles estamos a ofrecer. Ademais, é tratar a xente de fóra de parvos. Tal turismo ofrecemos, tal turismo recibimos. Aínda peor, convivimos con eles e coa situación, e pasa a formar parte da nosa imaxe e logo de nós mesmos. Nós mesmos, os de aquí, o tragamos cando somos os primeiros que recibimos estas propostas e aceptamos como boa esta situación, para acabar sendo partícipes nesta farsa convertidos en anfitrións de paisaxes alleas.

Os esforzos por dignificar e promocionar uns concellos de Carballo e Malpica como culturais, artísticos, naturais, costeiros e megalíticos quedaranse no “Chérnobil galego”. Á terra dos mil ríos e mil fontes, non veñen a vernos a nós, a nosa esencia e os nosos paisaxes, os nosos monumentos milenarios e a nosa cultura, non, só veñen ver as pozas dunha canteira, as Maldivas dos probes e fachendosos e o maldito Chernobyl.

Cal é a solución, pois? O problema require unha reflexión máis profunda: que tipo de turismo e entornos queremos para nós mesmos? Queremos un “posTurismo” ou “turismo negro” (“dark tourism”) de paisaxes degradadas alieníxenas devidas en escenarios do glamour?, ou pola contra, queremos ter unha oferta verde e cultural que encaixe coa historia do noso monte e da nosa terra? Queremos un turismo orientado ao foráneo, ou unha oferta para viaxeiros e propia, que nos defina e poidamos vivir e gozar nós mesmos en primeiro termo?

Quen teña a autoridade de decidir e mudar as cousas, polo menos que sexa coherente e aposte por algo abertamente, e que asuma a súa responsabilidade. O primeiro é protexer á xente dos riscos da canteira e arranxar este perigo público coa restauración debida. Ademais debería escoitar, aceptar e incluír as propostas da cidadanía, dende a cal non deberiamos permitir que a restauración e futura actuación sexa un lavado de imaxe das malas praxes mineiras e institucionais.

Para nós, sería unha verdadeira mágoa manter a situación actual e deixar crecer a bola ou apostar directamente por un turismo de paisaxes degradadas e que nos coñeceran desa maneira. Se non tiveramos nada… quizáis, pero tendo un monte cheo de patrimonio e historia, sería unha mágoa desaproveitar a oportunidade. Cando poderíamos ser coñecidos coma o “Stonehenge galego”, ou o “Monte Olimpo galego” ou, se preferides non ir tan lonxe, a “Santa Tegra bergantiñán” ou o “Monte Pindo bergantiñán”.

O Monte Neme é o “Monte Neme galego”, o monte mítico galego. Os apelidos e alcumes temos que aprender a poñelos nós mesmos.

14 de Xullo de 2019

Vistas dende o Monte Neme da fermosa lagoa de Baldaio

Demandamos aos colexios oficiais de Xeólogos e Químicos que avalíen o informe de Macías e se retracten publicamente.

ContraMINAcción demanda aos colexios oficiais de Xeólogos e Químicos que avalíen o informe de Felipe Macías e se retracten publicamente

–       Lamenta que se descualificaran, sen sequera consultalas, as conclusións do doutor Emmerman acerca do informe (inzado de plaxios) do profesor xubilado Felipe Macías.

–       Remitiuse toda a documentación ás dúas corporacións, solicitando que se pronuncien á vista dos feitos retractándose publicamente

ContraMINAcción, Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza, ven de dirixirse formalmente ao Presidente do Colexio Oficial de Xeólogos, Manuel Regueiro, e ao Decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, expresando a súa protesta formal polas manifestacións subscritas por esas dúas corporacións de dereito público, xunto cos Colexios de Enxeñeiros de Minas do Noroeste e o Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Grados de Minas e Enerxía de Galicia.

O pasado 29 de xuño os catro organismos emitiron un comunicado conxunto procurando desprestixiar abertamente ao Dr. Steven H. Emerman na súa calidade de consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas, indicando que “sus juicios y análisis carecen del rigor necesario ya que no es posible emitirlos sin contar con los datos técnicos mínimos” e calificando os resultados expostos como “un juicio de valor sesgado y parcial, más propio de un postulado ideológico que científico.” Os catro colexios manifestaban o seu “total desacuerdo con las afirmaciones vertidas” en particular, en relación aos comentarios do Dr. Emerman sobre un informe realizado polo profesor xubilado Felipe Macías Vázquez e o seu equipo para a concesionaria da mina San Finx, propiedade do Grupo Sacyr, indicando que “se ha permitido poner en duda el trabajo y profesionalidad del catedrático” e a “despreciar y desprestigiar sin mayor argumento científico o técnico, ni currículo que avale su opinión”.

Constatando que o pronunciamento dos colexios oficiais se realizou sen ter coñecemento dos informes en cuestión, a rede, integrada por máis de 20 colectivos, remitiu ao colexio de xeólogos e ao colexio de químicos o polémico “Informe sobre alegaciones relativas a la autorización de vertido del proyecto minero de Tungsten San Finx S.L.”, de abril de 2017, suscrito por Felipe Macías Vázquez, Carmen Nieto Olano, Ramón Verde Vilanova, Carmen Pérez Llaguno, Felipe Macías García, Luis Tapia del Río e David Romero Chouzas, supostamente adscritos ao Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela.

Remitiuse igualmente  aos colexios os dous informes de avaliación sobre este mesmo informe do equipo de Felipe Macías, encomendados en 2017 pola Alcaldía do Concello de Muros e a Asociación Verdegaia, e sobre os que se asentan as conclusións presentadas polo Dr. Emerman na rolda de prensa da semana pasada. Os informes evidencian extensos plaxios, absoluta falta de rigor metodolóxico e procedimental e manipulacións groseiras, co fin manifesto de eximir á concesionaria mineira do cumprimento dos limites legais para contaminantes perigosos, alegando un ficticio fondo natural de metais.

ContraMINAcción pide aos Colexios de Xeólogos e Químicos que realicen pola súa parte unha avaliación independente do informe de abril de 2017 dirixido por Felipe Macías, e que atendan igualmente aos argumentos expresados nos informes de avaliación realizados a petición de entidades da Rede, asinados, entre outros, polo propio Dr. Emerman. Demándalles que fagan públicas as conclusións das súas avaliacións e, de verificar os extremos denunciados polo Dr. Emerman, se retracten e pidan de xeito público desculpas ao Dr. Emerman e ás entidades que requiriran os seus servizos.

ContraMINAcción lémbralle aos dous organismos que dando cobertura á actuación de Felipe Macías e a concesionaria mineira non só están desprestixiando os colectivos profesionais que representan, máis tamén vulnerando as súas propias normas deontolóxicas. Así, o Código Deontolóxico do Colexio de Químicos de Galicia indica que os colexiados “deberá(n) esforzarse en buscar a orixe e a verdade dos feitos científicos, dándoos a coñecer, cando sexa necesario, sen exaxeralos, falsealos, nen deformalos”. O mesmo código indica que os colexiados “desaprobarán e non colaborarán en empresas, accións ou traballos que conduzan a resultados contrarios ao interese público ou que poidan supor un risco indebido para a vida, a saúde das persoas, o medio ambiente ou o benestar social”.

Pola súa parte, as normas deontolóxicas do Colexio de Xeólogos tamén recollen a necesidade de “actuar con integridade científica” e atendendo ás “exixencias da sociedade en materia de medio ambiente, evitando a transferencia de produtos indesexables ao medio natural e tendo sempre presente os principios de sustentabilidade e cautela”. Por isto mesmo, desde ContraMINAcción, e á vista dun informe cuxo único obxectivo parece ser fabricar un fondo natural de metais con importantes implicacións ambientais e mesmo penais, solicítase a ambas institucións para que, no caso de algún dos seus colexiados sexan subscritores do informe encabezado por Felipe Macías, procedan a abrir expedientes disciplinarios para deslindar responsabilidades pola súa participación no mesmo, á vista dos correspondentes códigos deontolóxicos.

Nota de presa emitida polo Colegio de Ingenieros de Minas del Noroeste, Colegio de Ingenieros técnicos y grados en Minas y Energía de Galicia, Colegio de Geólogos de España e Colexio Oficial de Químicos de Galicia

Plaxios e manipulacións infestan o informe de Felipe Macías do que dependen a mina de San Finx e a imputación do Director Xeral de Minas

O Director Xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, imputado por presunta prevaricación ambiental, usou os argumentos de Macías ante a ONU para tentar negar a contaminación

Demandarán á Universidade de Santiago que lle retire a condición de Profesor Emérito e a súa expulsión da Academia de Agricultura de Francia

Compostela, 30 de xuño de 2019. A vintena de colectivos agrupados na rede ContraMINAcción acaban de denunciar o modo en que a concesionaria mineira de San Finx e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas se tentan apoiar nun informe elaborado por un equipo da Universidade de Santiago dirixido por Felipe Macías para omitir a responsabilidade da empresa en relación aos impactos ambientais causados pola mina no pasado e no presente e, ao mesmo tempo, da administración, que os debería ter evitado.

O primeiro dos informes asinados polo profesor xubilado Felipe Macías Vázquez, o fillo deste Felipe Macías García e outros colaboradores está repleto de plaxios de traballos doutros autores, que se manipulan sen pudor, e mesmo parágrafos enteiros copiados sen citación de blogs anónimos de Internet. O informe fabrica sen calquera base un suposto fondo natural de metais para os principais metais contaminantes que verte a mina (cadmio, cobre e cinc) e aínda recorre a fenicios, romanos, ‘picheleiros’ e ao mesmo Almanzor para repartir culpas.

En 2017 a concesionaria do Grupo Sacyr que explota a mina de San Finx decidiu recorrer a Macías para tentar dar resposta ao mar de alegacións a que deu lugar a tentativa da mineira de verter millóns de metros cúbicos de augas contaminadas por metais pesados no río San Fins, situado apenas 6 km augas arriba da ría de Muros e Noia. As alegacións deixaron en evidencia a burla que supuña o método de “tratamento” inicialmente proposto e como as verteduras provocarían un agravamento crítico da situación de contaminación.

Dous informes de réplica encomendados pola Alcaldía do Concello de Muros e a Asociación Verdegaia, e que agora se fan públicos, puxeron en evidencia os extensos plaxios, carencia absoluta de metodoloxía e graves manipulacións de datos no informe entregado á empresa por Felipe Macías. Entre os textos plaxiados encóntrase un blog anónimo de Internet e un traballo presentado polo que foi director da mina nun congreso da Universidade Politécnica de Madrid.

Un primeiro informe de réplica realizado por sete técnicos, incluíndo o Doutor en Xeofísica Steven H. Emerman, que esta mesma semana realizou unha nova inspección da mina San Finx, desmontou a tese dun suposto fondo natural de metais explicando os impactos actuais da minería. Un segundo informe de réplica, realizado polo Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga André Pena, ocupouse de mostrar non só a burla que representan os argumentos “históricos” presentados por Macías, senón o modo en que estes foron abertamente plaxiados de distintas fontes.

Os argumentos achegados por Felipe Macías non só favorecen os intereses privados da concesionaria do Grupo Sacyr, mais tamén se esgrimiron pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas, cuxo Director Xeral Ángel Bernardo Tahoces se encontra imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental precisamente por ter supostamento facilitado a contaminación causada pola mina San Finx desde a súa reapertura en 2009. No mes de xaneiro de 2019, a propia Dirección de Minas remitiu á ONU a tradución ao inglés de partes dun segundo informe asinado por Felipe Macías, na tentativa de defender ante este órgano a inexistencia de contaminación mineira.

A gravidade dos feitos, non só desde o punto de vista da ética científica, senón tamén pola gravidade das implicacións ambientais e penais que suporía aceptar as teses deitadas por Macías, fai que os colectivos de ContraMINAcción demanden á Universidade de Santiago que retire a condición de profesor emérito a Felipe Macías tras a investigación dos feitos, e revise a relación contractual coas restantes persoas responsables do informe, no suposto que teñan algunha: Carmen Nieto Olano, Ramón Verde Vilanova, Carmen Pérez Llaguno, Felipe Macías García (fillo do profesor Felipe Macías), Luis Tapia del Río e David Romero Chouzas. Na medida en que Felipe Macías Vázquez tamén asina os informes como membro da Academia Francesa de Agricultura, demandarán igualmente a esta institución a súa expulsión.

Seminario Técnico “Impacto ambiental das drenaxes ácidas de mina e depósitos de residuos mineiros”

ContraMINAcción, Rede contra a Minaría Destrutiva na Galiza, organiza o sábado 29 de xuño o Seminario Técnico “Impacto ambiental das drenaxes ácidas de mina e depósitos de residuos mineiros”, que impartirá o Dr. Steven H. Emerman.

O Dr. Emerman é un recoñecido consultor internacional en hidroloxía e especialista na avaliación da afectación ambiental das explotacións mineiras. É Doutor en Xeofísica pola Universidade de Cornell, Máster en Xeofísica pola Universidade de Princeton e Licenciado en Matemáticas pola Universidade Estatal de Ohio. Ten 31 anos de experiencia no ensino universitario de hidroloxía e xeofísica e 66 publicacións científicas na materia. Como consultor independente, ten traballado para empresas mineiras, organismos públicos e organizacións non-gobernamentais. Na Galiza, o Dr. Emerman ten elaborado informes técnicos sobre o impacto ambiental da mina de Touro e da mina “San Finx” (Lousame).

O Seminario procura aprofundar en conceptos relativamente descoñecidos para o público xeral e activista, e sistematicamente ignorados polo sector mineiro e as administracións responsábeis do seu control. Por iso, o seminario está dirixido tanto a activistas ambientais como a técnicas/os das administracións autonómica e local (Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Augas de Galicia, Medio Rural, Calidade Ambiental, etc.), estudantes universitarias, e directoras/es de explotacións mineiras e directivas de empresas mineiras. A inscrición é gratuita para activistas, estudantes e técnicas das administracións, que terán preferencia na inscrición, ata cubrir o limite de 30 prazas.

Para incribirse é preciso enviar un correo electrónico a contacto@contraminaccion.org indicando nome e apelidos e a organización, administración ou empresa da que fai parte. No caso de persoal directivo ou ao servizo de empresas mineiras, indicaranse os prezos de inscrición e método de pagamento.

O Seminario terá lugar na sede nacional do Sindicato Labrego Galego, situado na Rúa Ofelia Nieto 13-23, Santiago de Compostela. O seminario estará dividido en módulos de mañá (11:00 a 14:00) e de tarde (16:00-18:00), durante os que se desenvolverá o seguinte temario, sempre aberto a explorar outras cuestións e dúbidas das persoas asistentes:

  1. Introducción ao impacto ambiental da minaría
  2. Conceptos básicos: drenaxes ácidos de mina e tipoloxía de instalacións de residuos
  3. Propiedades dos relaves mineiros
  4. Técnicas de construción de presas de relaves
  5. Causas de fallas de presas de relaves
  6. Como previr as fallas de presas de relaves?
  7. Propiedades e impacto das drenaxes ácidas de mina
  8. As drenaxes ácidas de mina na minaría subterránea e a ceo aberto
  9. Como previr as drenaxes ácidas de mina?
  10. Casos de estudo: As presas de relaves das minas de San Finx e a presa de relaves proposta para a mina de Touro. A contaminación por drenaxes ácidas de mina nas minas de San Finx e Touro.

ContraMINAcción vén de axudar a impulsar a rede contra a explotación do litio en Portugal.

ContraMINAcción vén de axudar a impulsar a rede contra a explotación do litio en Portugal

O sábado 11 de maio, ContraMINAcción estivo en Boticas, Portugal, nun Encontro sobre minería de litio no país veciño.

A asociación “Unidos em Defesa de Covas do Barroso” está a solicitar o cancelamento da denominada “Mina do Barroso”, e das demais solicitudes de prospección en zonas circundantes. A súa motivación é preservar o ambiente, o patrimonio, e a saúde e calidade de vida da poboación.

Intervención de Fernando Queiroga, Presidente da Cámara Municipal de Boticas.

Por iso organizaron un Encontro que consistiu nunha xornada de conversacións, un xantar colectivo e unha visita ao sitio do proxecto mineiro. Coa presencia do Presidente da Cámara Municipal de Boticas, Fernando Queiroga, a Junta de Freguesia, a coordinadora do evento Jessica da Cruz (da asociación Unidos em Defesa de Covas do Barroso) e de outras persoas residentes de Covas do Barroso afectadas polo proxecto, como Nelson ou Francisco.

Momento da intervención de Jessica da Cruz, coordinadora da xornada.

Ao longo da intensa xornada tiveron lugar intensos debates e intercambios, nos que participaron mesmo xeólogos afíns aos proxectos mineiros, que se achegaron para interesarse polo contido do evento. Ademais de persoas da zona como Nelson, tamén expuxeron a súa experiencia fronte a minaría invitadas como Maria do Carmo Mendes, que chegou da Serra de Argamela, tamén afectada inminentemente pola minaría.

Pola sua parte, ContraMINAcción levou unha mensaxe de unión e de intercambio de información e solidariedade fronte a ameaza de destrución que a minaría supón para cada vez máis comunidades. Marga Prieto explicou as particularidades da oposición á minaría en Galiza, e deu información sobre os proxectos mineiros na comunidade; Nela Abella expuxo as conclusións acadadas durante o Encontro que se organizou en Febreiro 2019 en Santiago de Compostela xunto a plataformas de todo o estado español e Portugal, e Guadalupe Rodríguez explicou como se conecta ContraMINacción no plano internacional. ContraMINAcción achegou ademais as características da Alianza Europea de Baterías impulsada por Alemania, que explica o fenómeno deste boom mineiro, da man dun colaborador dese país, Klaus Schenk. E tamén compartiu diferentes materiais informativos como un póster sobre impactos da minaría na agricultura, o folleto sobre impactos das actividades extractivas sobre a auga, e o novo libro infantil e xuvenil editado por Coluna San Fins, un dos colectivos da nosa Rede, e titulado “A mina contamina”.

A compañeira Lupe Rodríguez falou das redes internacionais contra o extractivismo

Entre o público, ademais de xente da zona, directamente afectada polo proxecto, estaban numerosas persoas de outras zonas de Portugal, que acudiron para interesarse pola iniciativa, así como representantes de Quercus, o colectivo ecoloxista con máis arraigo en Portugal.

Pero por que “contra” o litio?

A carreira do litio non ten limites. Durante o Encontro en Boticas denunciouse a falta de transparencia e imparcialidade do goberno portugués co respecto á exploración do litio. A súa campaña publicitaria enganosa oculta que a minaría afectará áreas protexidas, áreas clasificadas, e tamén zonas urbanas como a Serra da Argemela, Beira Interior, Montalegre, Serra do Soajo, Barroso, Serra do Alvão, Serra da Gardunha, Serra da Estrela, Reserva Natural da Serra da Malcata, zonas urbanas de Braga e Viseu, etc. Todos estes lugares están a sofrer as consecuencias da especulación económica da industria mineira. A intención e formar unha rede cuxas bases quedaron sentadas tras o encontro da fin de semana.

Durante a visita á zona afectada, despregouse unha faixa contra o extractivismo.

Agradecemos muito sinceramente a rede Contraminacción, que patrocinou o Encontro, e que foi um impulso e o exemplo”, dixo Jessica da Cruz, coordinadora da reunión e a visita ao proxecto mineiro.

Participando e impulsando redes

ContraMINAcción está a traballar constantemente para advertir dos perigos da minaría. Despois de percorrer durante case 7 anos gran parte de Galiza levando información sobre o tema a tódolos recantos do territorio, este ano 2019 tivo un rol importante no avance a unha consolidación da rede ibérica de alerta fronte a minaría.

ContraMINAcción naceu como unha rede para advertir do boom mineiro en Galiza. Co paso dos anos consolídase como un espazo de debate sobre os impactos da minaría en Galiza e axudou a impulsar algúns dos procesos de resistencia contra a minaría mais significativos, como a denuncia da chamada Lei de Depredación, unha denominación que xa se fixo popular, pois é así como a recoñecen incluso os propios políticos que a impulsaron como “Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais”.

Nestes anos, contraMINAcción organizou un total de catro Encontros sobre o tema dos impactos da minería, dous a nivel galego, un sobre o territorio español e tamén no plano internacional, xunto a rede Yes to Life No to Mining, da que forma parte.

ContraMINAcción valora moi positivamente o encontro celebrado en Portugal, que serviu, ademais de para informar sobre os riscos derivados do proxecto concreto de Covas de Barroso e da minaría do litio en xeral, para establecer contactos entre os colectivos portugueses, así como entre eles e os da nosa Rede.

Traballar de xeito coordinado é importante, non só pola proximidade física entre Galiza e Portugal, senón tamén pola coincidencia de materiais que están a ser investigados (en Galiza tamén hai varios permisos de investigación de litio solicitados), así como pola lóxica coa que actúan empresas e poderes políticos, moi similar en ambos sitios.