Podes axudarnos a espallar a información sobre este encontro entre os teus contactos nas redes sociais, e utilizando a hashtag de Twitter #encontroMineria
e ligando para este web http://www.MineriaGalicia.org.
Tamén podes descargar o cartaz do encontro en PDF para imprimilo.
[ACTUALIZACIÓN 16/02/2013] Haberá ás 12:00 h unha comparecencia de prensa no mesmo lugar onde se celebra o encontro (o Hotel Congreso, en Teo).
Grazas.
Grazas aos medios de comunicación que estades dando conta da celebración do encontro. P.ex. Sermos Galiza: http://www.sermosgaliza.com/artigo/social/teo-acollera-o-i-encontro-sobre-os-impactos-da-minaria/20130209113049010864.html
lembremos o poema de Antón Avilés de Taramancos
Eu amo as minerais entrañas do meu eido
quixera nun momento que o soterrado seixo
rubira ata os meus labios e sentírase vivo,
vivo como unha fera bruantemente viva
que o amor domeara da súa escuridade.
Ir caíndo en pingueiras enriba da estrutura
do antracito, do wolfram, onde florece o ouro
e treman as turbinas das burgas e da noite
que atafegada dorme no corazón da terra.
Mamar leite materno no fondo dos carballos
a carón das raíces dos bosques e das veas
da terra que sotén o centeo
e entrega ó sol os gromos do pan alegremente.
Náufrago soterrado, feliz entre as estrelas
de auga primitiva, o corazón mollado
na saiba poderosa que dá lentura ás leiras,
en silandeiro navegar, amante aínda,
ter saudade da luz, do sal, de ve-lo vento,
da chuvia elemental caíndo nos pomares:
ser orfo, orfo espido, para amar con mais furia
a flor roxa do cobre e o iris do estaño.
Acaso así sería verdade a miña vida
vir da profundidade e erguerme no infinito
enraigado no colo da terra tendo a frente
como único astro no epicentro das tebras.