O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de darlle a razón a un membro da Plataforma de Corcoesto en relación ao seu dereito de acceso á documentación relacionada coas concesións do proxecto mineiro de Corcoesto.
Durante a loita contra o proxecto de Corcoesto, un dos temas que preocupaba era o da posible caducidade das concesións. Entre os activistas da Plataforma de Corcoesto había a convicción de que as concesións mineiras non estaban vixentes, algo que invalidaría o proxecto. A finais de 2012, un compañeiro da Plataforma solicitou acceso á documentación relativa a ditas concesións, coa intención de comprobar se as nosas sospeitas tiñan base. Ao non serlle facilitada esta documentación, interpuxo unha demanda en relación ao tema.
Por fin, e despois de máis de cinco anos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de fallar a favor do compañeiro que realizou esa solicitude.
Na sentencia, na que se recoñece sen ningún xénero de dúbida o dereito do compañeiro a acceder á documentación solicitada, condénase expresamente á Administración demandada (a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña) a expedir e entregar copias dos documentos relacionados co estado das concesións. Estamos á expectativa de que a Xefatura Territorial cumpra coa súa obriga, e actúe tal e como se lle indica no fallo do Tribunal, entregando as copias da documentación solicitada.
A sentencia recoñece así o que, ao igual que o compañeiro que puxo a demanda, vimos defendendo e reclamando desde hai tempo desde ContraMINAcción: que o dereito de acceso aos expedientes administrativos que garden relación cun proxecto que poida afectar a una comunidade é aplicable a calquera persoa, aínda que se trate de expedientes rematados.
É lamentable que esta sentencia chegue con tantos anos de retardo. Esta tardanza na aplicación da xustiza fai que nos vexamos, de feito e paradoxalmente, privados dese mesmo dereito que se nos recoñece na sentenza. Porque…de que nos serve o dereito de acceder a documentos relacionados con un proxecto se se nos concede cinco anos despois da súa solicitude? De que nos tería servido que se nos recoñecese agora o dereito a acceder a esa información, mesmo aínda que as concesións non estivesen vixentes, tal como nos pensamos, se o proxecto de Corcoesto estivese xa en marcha?
O feito de que a posibilidade de acceder á información relativa ao estado das concesións se teña producido tantos anos despois, despois de todo tipo de atrancos por parte da administración, suscítanos algún interrogante. Que levou á administración a ocultar o estado das concesións durante tanto tempo? Cal foi o motivo para que a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña puxese tanto empeño en obstaculizar o noso acceso a esta información concreta?
Acaso as concesións, tal como nós pensábamos, non estaban vixentes, e a Xefatura Territorial era consciente das consecuencias que tería o feito de que esta información transcendese á información pública?
Agardamos que o fallo se cumpra e poidamos coñecer a resposta a estes interrogantes, resposta que temos a certeza que será do interese de moita xente en Galiza. Asemade, esperamos que este precedente legal serva de acicate para que a Administración non volva reter información que debe ser pública, e que en caso de facelo, a fiscalía anticorrupción tome as oportunas medidas para depurar as responsabilidades que puidese haber.