Ao coñecer a alarma acendida na comunidade galega polos proxectos mineiros que ameazan o territorio desa comunidade, e a manifestación que se celebrou o domingo 2 de xuño pola plataforma ContraMINAcción de afectados por minería en Galicia, moitas comunidades afectadas pola minería noutras partes do mundo enviaron desde ultramar a súa solidariedade e apoio incondicional.
Desde Ecuador, Klever Rúa, membro da Comunidade Ecoloxista Quizha-Quizha na cidade de Cuenca, ao sur do Ecuador di “se recibimos a miúdo a solidariedade desde esas terras, non podemos quedar indiferentes agora. Máis aló das identidades, somos irmás e irmáns no soño doutro mundo posible”, e Chela Rúa únese a esta solidariedade co envío de “un abrazo solidario e cheo de forza. Sabemos que a súa loita e aposta pola vida tamén é nosa, porque somos fillas e fillos desta gran Pachamamita (nai terra) e defenderémola onde esteamos”. A comunidade forma parte da Asemblea dos Pobos do Sur en Defensa da Natureza. Saben moi ben de que se fala en Galicia cando se defende a terra en contra da megaminaría. No seu país, os campesiños que defenden a auga e a vida enfrontan procesos xudiciais tras ser inxustamente criminalizados pola empresa mineira e o goberno ecuatoriano.
Tamén desde a provincia de Imbabura, Ecuador, adhírese Defensa e Conservación Ecolóxica de Intag “á loita que lideran en Galicia contra a estupidez e o curtopracismo dos gobernos e empresas mineiras”. É esta unha zona en resistencia á gran minería de cobre desde 1995, na que a firme oposición da poboación da zona á entrada das empresas mineiras mantén aínda afastadas ás transnacionais e así tamén intactos os bosques húmidos de alta biodiversidade.
O Observatorio de Conflitos Mineiros en América Latina OCMAL é incansable na denuncia dos impactos ambientais e sociais da minería de México á Patagonia. Desde OCMAL fálase de esgotamento e contaminación da auga, destrución de ecosistemas, efectos nocivos na saúde das persoas, desprazamentos forzados, destrución de chans, contaminación do aire, cooptación de dirixentes, división de comunidades, militarización das zonas mineiras, criminalización de oposición á minería, delincuencia, drogadicción, alcoholismo, prostitución, o impago de impostos e regalías, debilitamento dos sistemas democráticos, entre outros moitos. OCMAL está composto por corenta organizacións afectadas directamente pola minería e nesta ocasión estenden a súa solidariedade unánime até Galicia ao adherirse ás protestas.
Desde Arxentina, a Asemblea Buenos Aires No a la Mina acompaña a mobilización desde a distancia lembrando que “a auga e a vida non se negocian”. Ao mesmo tempo, desde Jalisco en México a Asociación de Apoio aos Grupos Indíxenas AJAGI A.C. que traballa xunto ao Pobo Huichol na defensa do seu territorio sacro de Wirikuta da invasión das empresas mineiras canadenses, declaran que se unen “á solidariedade coa loita dos irmáns de Galicia en contra da megaminaria que se pretende facer nas súas fermosas terras” e que “xuntos podemos máis, ánimo e moito espírito”.
Outras organizacións como o Observatorio Latinoamericano de Conflitos Ambientais OLCA, CooperAcción, a Organización Cidadá Ambiental de Salamanca OCAS de Choapa en Chile Acción Ecolóxica e expertos con longa traxectoria na resistencia a proxectos mineiros como Ulises García de Perú ou William Sacher de Canadá solidarizáronse da mesma maneira, e suxerido pola súa banda a realización de intercambios de experiencias e estratexias.
Guadalupe Rodríguez, da organización internacional Salva a Selva, declara que “a experiencia de anos de seguimento de procesos de resistencia á minería en todo o mundo fainos chegar á conclusión de que resistir dá froitos. Se queren salvarse da destrución mineira, os pobos de Europa poden ollarse en experiencias previas que se lles están ofrecendo desde ultramar, como as consultas comunitarias, lexislacións innovadoras en protección da natureza, principios como o do bo vivir ou sumak kawsay, ou xuízos internacionais ás empresas transnacionais. E dentro das súas fronteiras deben sen dúbida estudar detidamente a Estratexia de Materias Primas da Unión Europea, política comunitaria que en última instancia é un dos factores determinantes que catapulta esta fame de metais e minerais non enerxéticos”, conclúe.