Arquivos da etiqueta: Asturgold

Encontro en Tapia de Casariego

Na tarde de onte, un grupo de activistas de ContraMINAcción participamos nun encontro con xente dos colectivos Oro No, de Asturias, e Ingénieurs Sans Frontières – Systèmes extractifs et environnement”, de Francia. O encontro tivo lugar en Tapia de Casariego.

Lagoa de Salave

Lagoa de Salave

Visitamos as lagoas de Salave, onde os compañeiros de Tapia (un deles xeólogo) nos explicaron o sistema de extracción utilizado polos romanos, o tipo de rocha presente na zona e outras cuestións técnicas en relación á explotación, e logo falaron da súa loita durante os últimos dez anos para opoñerse ao proxecto que Asturgold pretendía levar a cabo na zona, un entorno cunha gran riqueza paisaxística e de biodiversidade, no que neste momento se substenta a economía local, baseada fundamentalmente na pesca e tamén no turismo.

P1110394.redimensionado

A xente do colectivo ISF-SystExt mostrouse moi interesada polas loitas levadas a cabo en Galiza, así como pola orixe da Rede ContraMINAcción, a relación entre os colectivos que a compoñen, o noso xeito de organizarnos e moi especialmente a postura do noso colectivo con respecto á minaría en xeral.

Explicáronnos que en Francia, onde se viviu un repunte do extractivismo despois da Segunda Guerra Mundial, houbo despois un longo período de tempo no que o goberno adicou bastantes cartos ao acondicionamento de explotacións que quedaron abandonadas, así como á creación de alternativas económicas distintas da minaría nesas zonas. Na actualidade, non obstante, estase a vivir novamente unha reactivación da minaría, potenciada desde o Estado, que é moitas veces o impulsor dos proxectos.

Non resultou demasiado sorprendente, por ser algo que xa nos toucou vivir, sentirlles falar de cambios lexislativos feitos á medida dos intereses mineiros, ou de opacidade coa información, chegando a dicirse desde o poder que a poboación non ten formación abonda para comprender os datos técnicos incluídos nos cambios lexislativos, e que polo tanto non procede que accedan a esa información, xa que non saberían interpretala axeitadamente.

Outro dos temas abordados foi a necesidade de establecer un contacto entre os distintos colectivos en loita, tanto en cada zona como en toda Europa. Falámoslles da iniciativa Ban Bang Cyanide, que descoñecían, é que pode considerarse un punto de partida para establecer un nexo entre todos os colectivos en loita, neste caso os colectivos de proxectos relacionados co ouro.

Coa camiseta de ContraMINAcción

Coa camiseta de ContraMINAcción

O encontro foi, en suma, moi enriquecedor. E a nós resultounos moi reconfortante ver xente moza tan disposta a investir o seu tempo libre na loita solidaria.

Nova vitoria da loita contra o extractivismo: o proxecto mineiro de Asturgold, rexeitado definitivamente

Vimos de coñecer a nova do rexeitamento definitivo, por parte do Principado de Asturias, do proxecto mineiro de Asturgold en Tapia de Casariego.

Máis información, no blogue de Oro No

                                 Máis información, no blogue de Oro No

A comisión de Asuntos Medioambientais do Principado emitiu unha DIA desfavorable a este proxecto, que incumpría a normativa e era claramente inviable desde o punto de vista medioambiental, tal e como se poñía en evidencia en diversos informes técnicos e legais, entre eles o da Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

Desde ContraMINAcción queremos sumarnos á ledicia d@s nos@s compañeir@s de Asturias pola vitoria contra Asturgold, vitoria que mostra, unha vez máis, que a unión do pobo e a constancia na loita permite vencer os intereses das multinacionais.