” As comunidades deben ter a última palabra sobre os proxectos mineiros”
A plataforma ContraMINAcción – Rede contra a minaría destrutiva na Galiza e a Sociedade Histórica e Cultural «Coluna Sanfins», organizaron o xoves 23 de xullo a Xornada “O Impacto da Minaria nas Terras de Lousame“, coa que se pretendía analizar o desembarco nas Minas de Sanfins da multinacional Sacyr da man dun grupo de inversión australiano así como a ampliación da canteira de Merelle en Tállara, da man de Prebetong, que pertence á multinacional brasileira Votorantim.
Antes deste acto público, a rede ContraMINAcción celebrou a súa asemblea anual, na que se expresou a especial preocupación da rede pola expansión mineira en Lousame e na comarca, así como pola situación de persecución e acoso que están a vivir os activistas que se opoñen á explotación mineira de Cosmos en Triacastela. ContraMINAcción quere transmitir, así mesmo, o seu apoio á xornada mundial contra a megaminaría, que desde o 2009, e a iniciativa de activistas de México e Canadá, vense celebrando anualmente no día 22 de xullo.
Durante a mesa redonda, que se celebrou no Local Social de Cabanetán, na parroquia lousamiá de Lesende, fíxose fincapé no feito de que estas concesións mineiras supoñen de feito a violación do dereito de decidir das comunidades veciñais sobre os seus recursos e o seu territorio, que no caso da mina de Sanfins engloba máis de 7.000 hectáreas, incluíndo varias aldeas enteiras. Interviñeron afectados de outros lugares nos que as mesmas empresas ameazaron con botar das casas e leiras aos seus donos, baixo o pretexto de consolidar os dereitos mineiros e poder especular con eles nos mercados internacionais. Desde os seis colectivos representados insistiuse en que hai ferramentas legais para retomar o control das concesións por parte das comunidades, e que os usos tradicionais agrarios e en man común deben primar sempre sobre a suposta “utilidade pública” das empresas mineiras, que no pasado ten xustificado procesos de expropiación forzosa.
Na mesa, ademais de veciños de varias parroquias de Lousame e de outros lugares da comarca, participaron representantes de seis organizacións para ofrecer unha perspectiva completa da minaría no contexto galego e mundial, e das alternativas de xestión comunitaria dos recursos. Polo Sindicato Labrego Galego falou Margarida Prieto Ledo, salientando o impacto da minaría na agricultura, sector estratéxico en Lousame, e os problemas do acaparamento de terras; pola Asociación Véspera de Nada falou Xoán R. Doldán, profesor de Economía Aplicada na USC, que contextualizou os intereses da extracción de minerais e especulación con dereitos mineiros no actual momento de declive enerxético; por Verdegaia participaron Nela Abella e Nacho Jorganes, ofrecendo unha perspectiva sobre os mecanismos de información e defensa ambiental que están a disposición das comunidades; Marcos Celeiro, da Asociación Cultural O Iríbio de Triacastela, explicou as consecuencias da mina de Cementos Cosmos de Triacastela, que pertence ao mesmo grupo do que Prebetong de Tállara; e Guadalupe Rodríguez, investigadora da ONG Salva la Selva, ofreceu un panorama mundial da minaría, dando conta de como as manobras que se producen aquí responden a un complexo entramado internacional de intereses económicos, políticos e financeiros.