Arquivos da etiqueta: comisión europea

Destápanse as falsidades da Xunta sobre “San Finx” no Parlamento Europeo

  • É como se dixesen que Chernobil era un cuberto para afumar chourizos”

  • O ex-ministro Zoido quedou só defendendo a xestión do PP ante as críticas de todos os grupos.

  • En 2020 despregaráse unha misión parlamentaria de investigación para avaliar o problema in situ.

A menos de 24 horas de que o Parlamento Europeo abordase por segunda vez en comisión as denuncias por vulneración de normas europeas en “San Finx” e outras minas galegas, a Xunta decidiu enviar un informe sobre a explotación mineira de Lousame que lle fora requerido polo Parlamento facía máis dun ano. As críticas por esta actitude de desprezo pola institución foron expresadas por todos os grupos, coa excepción do PP representado polo ex-ministro e agora eurodeputado Juan Ignacio Zoido que apoiou incondicionalmente a Xunta.

Pero se xa o envío de última hora colocou en alerta aos distintos grupos políticos, o contido do informe foi tildado como “unha auténtica burla” polo representante da entidade peticionaria, a Asociación Petón do Lobo, integrante de ContraMINAcción, mentres que a vice-presidenta da Comisión de Peticións e eurodeputada socialista Cristina Maestre afirmou que “non hai por onde collé-lo”. E é que no informe a Dirección Xeral de Minas non só di que a avaliación de impacto ambiental establecida como condicionante para a aprobación dos proxectos nunha resolución firme de 2008 non era necesaria, se non que chega a afirmar que as presas de colas mineiras de San Finx non eran tales e que “probablemente foron construidas con propósito hidroeléctrico”.

Presa abandoada que queren facer pasar por instalación hidroeléctrica

Presa abandoada que queren facer pasar por instalación hidroeléctrica

Precisamente as tentativas do departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces de desfacerse das responsabilidades sobre as presas de residuos mineiros tentando cargarlle o problema a Augas de Galicia precipitaron a súa imputación en abril deste ano. Para ContraMINAcción, que en xuño acompañou nunha inspección das presas ao hidrólogo Steven H. Emerman, “o novo informe non é só unha tomadura de pelo ao Parlamento Europeo e á Comisión, máis unha fuxida para adiante á desesperada. O máis grave é que estamos ante unhas infraestructuras en estado de abandono e con signos claros de licuefacción interna que, tarde ou cedo, implicarán unha falla crítica con enorme impacto ambiental augas abaixo e en toda a ría de Muros e Noia”.

As presas que agora a Xunta di seren para uso hidroeléctrico están perfectamente documentadas como presas de residuos mineiros nos plans anuais de labores da explotación dentre 1983 e 2000, ano no que misteriosamente se deixaron de presentar. Tamén constan como tales nun inventario de balsas e escombreiras de residuos mineiros encargado pola Xunta en 1999, despois do desastre ecolóxico de Aznalcóllar. Non obstante, a Xunta fixo desaparecer as presas no proxecto mineiro e plan de restauración que aprobou en 2009 e que ocultou a todos os organismos sectoriais, incluído o ambiental. Na súa réplica a Zoido, o noso compañeiro Joám Evans, en calidade de representante do peticionario, comparou o afirmado pola Xunta con que un Estado dixera ao Parlamento “que Chernobil era un cuberto para afumar chourizos”.

Este negacionismo e a pretensión da Xunta de que unha mina iniciada em 1883 poidese operar em pleno século XXI exactamente igual que fai 100 anos, valeulle as duras críticas das deputadas dos Verdes, EFA, Renew Europe e Socialistas e Demócratas, que pediron abertamente que se establecese unha misión de investigación conformada por representantes de todos os grupos parlamentarios para comprobar a situación sobre o terreno e as denuncias de vulneración sistemática de distintas directivas, incluínda as de calidade das augas, avaliación ambiental, participación pública e control da contaminación por parte das industrias extractivas.

A misión de investigación realizarase con toda probabilidade en 2020 de forma independente aos outros procedementos de investigación en curso sobre a situación en San Finx, incluíndo as próprias dilixencias penais contra os altos responsábeis da Xunta e empresas mineiras e o procedemento aberto na Comisión de Cumprimento do Convenio de Aarhus nas Nacións Unidas. Desde ContraMINAcción confiamos en que “a atención e ridículo internacional faga con que a Xunta recapacite e asuma as súas responsabilidade de control e supervisión para que as presas mineiras de San Finx e a contaminación asociaciada á mina deixe de ser unha ameaza para a ría e as persoas”.

Vídeo da intervención de Joám Evans ante a Comisión de Peticións.

Entrevista á nosa compañeira Lupe, de Salva la Selva, sobre a campaña Bang! Ban Cyanide

A nosa compañeira Lupe Rodríguez, do colectivo Salva la Selva, e unha das representantes da campaña Bang! Ban Cyanide en España, foi entrevistada hai uns días por un xornalista de Economía e Finanzas de Radio Francia Internacional, en relación á campaña Bang! Ban Cyanide.

Logo da campaña Bang! Ban Cyanide

                         Logo da campaña Bang! Ban Cyanide

Achegamos a ligazón á entrevista, que consideramos de gran interese.